O Camiño Primitivo é o itinerario coñecido máis antigo. O mesmo non se entende sen a personalidade de Don Afonso II de Asturias, que segundo a lenda visitou o sepulcro do Apóstolo Santiago en canto tivo constancia do achado, feito importante no xurdimento da cidade de Compostela. Xa con Don Afonso III, mudou a capital do Reino e evidentemente, Oviedo perdeu peso no camiño en contraste coa nova: León. De aí que o Camiño Francés non tardara en eclipsar ao primitivo.
O camiño na provincia
No tocante á provincia de A Coruña, a nivel de traxecto, convén aclarar que o Camiño Primitivo percorre os municipios de Toques, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, sendo a traxectoria lixeiramente distinta á do Camiño Francés, co que se une na vila de Melide.
O peregrino pode saborear as condicións gastronómicas da Galicia interior, onde por exemplo o Polbo de Melide e o Queixo da Arzúa contan con gran importancia. Son as dúas principais vilas das Terras do Ulla e Tambre, destacadas, como se pode deducir do seu nome, polos seus ríos, que moldean significativamente o contorno. Xa na urbe santiaguesa, á marxe de todo o que supón a espectacular Praza do Obradoiro, nas súas inmediacións destacan construcións civís como por exemplo o Pazo de Baamonde ou a Casa de Cabildo, comungando á perfección coas empedradas rúas compostelás. O peregrino tamén pode ver outros atractivos, sempre en harmonía co contexto, como as exposicións do museo do Centro Galego de Arte Contemporáneo, obra do aclamado arquitecto Álvaro Siza, apegado á modernidade e cun ollo posto sobre a realidade da cidade. Ao seu carón, destaca o conxunto que supoñen o Convento de Santo Domingo de Bonaval e o parque, de mesmo nome, que resulta ser un oasis de tranquilidade, vistas e recreación.
Máis información sobre o Camiño Primitivo, aquí
A ruta do camiño primitivo entra na provincia da Coruña atravesando a Serra do Careón, que fai de linde entra as provincias de Lugo e A Coruña. Trátase dunha paraxe cun algo valor ecolóxico que conserva flora e fauna case desaparecidas en Galicia. O pico máis alto, chamado Caréon, está a 798m.
Melide é a vila onde se xunta o Camiño Primitivo co máis concorrido Camiño Francés. Nesta localidade poderemos visitar a Ponte de Leboreiro do s. XIV ou a Ponte medieval do s. XII. Destacan tamén a igrexa de San Martiño de Moldes, de San Vicenzo de Vitriz, de San Xoán de Furelos e o Hospital de Peregrinos hoxe convertido no Museo Terra de Melide.
Xa no Concello de Arzúa, atopamos a igrexa de Santiago en Boente, e seguindo o camiño chegamos á Área Recreativa de Ribadiso, co albergue de peregrinos que foi antigo hospital medieval.
Despois de pasar pola Vila de Arzúa, na aldea de Santa Irene, podemos contemplar unha ermida adicada á santa mártir portuguesa, construída no s. XVIII coas achegas dos nobres da aldea de Dos Casas e a fonte santa que posúe, segundo a tradición, propiedades curativas para a pel.