Calquera entende que o Camiño de Santiago xira arredor da figura do Apóstolo Santiago. Por iso de inicio, esta ruta ten gran transcendencia dado o significado que supón a chegada do cadáver do Apóstolo en barca de pedra pola Ría de Arousa e o Río Ulla ata Iria Flavia (Padrón). Na Igrexa de Santiago de Padrón, atópase o pedrón co cal se cre que se amarrou a barca. Trátase dunha mostra máis da maxia e singularidade que se percibe ao longo deste itinerario, dado o halo de misterio e lenda que rodea á historia do Apóstolo. Non hai mellor modo de seguir os pasos de Atanasio e Teodoro cando trasladaron os seus restos.

Como se pode entender, esta ruta combina auga e terra. Nas localidades que lindan coa ría, hai distintos puntos de selado para os barcos que se achegan, tanto derivados do servizo turístico coma os demais. Desde eles, seguindo un vía crucis fluvial, é doado gozar da beleza das praias, o valor de numerosas construcións históricas e a autenticidade da actividade mariñeira. O itinerario terrestre, como se explicou antes, comeza no municipio de Padrón: refuxio de historia, de mostras patrimoniais relacionadas con ela e, tamén, de poetas. Podemos destacar atractivos concretos dos que poderá gozar o peregrino, como o seu marabilloso Xardín Botánico, a Igrexa de Santiago ou os pementos da localidade. Pola súa parte, Iria Flavia, parroquia padronesa, ten unha ampla relevancia histórica, posto que foi incluso sede episcopal na época dos visigodos. Destaca alí a Casa dos Coengos, procedente do século XVIII. Xa entre Rois e Teo, pódese gozar do marabilloso espazo natural que envolve ao Pazo do Faramello, lugar da primeira fábrica de papel de Galicia. Alí, destaca a excepcional biodiversidade, con exemplares autóctonos especiais e dignos de ver.

En Ames, ao chegar ás inmediacións do Milladoiro, o peregrino xa vai notando de preto o final do traxecto, pola evidencia das vistas.

Etapa: Ribeira - Padrón

No comezo da ruta temos o Parque Natural das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixióan, un complexo de 5 km de praias e un ecosistema único. O Faro de Corrubedo do ano 1853 e a Illa de Sálvora que pertence ao Parque Natural das Illas Atlánticas fan de Ribeira un concello de visita obrigada. Son numerosos tamén os monumentos megalíticos entre os que destaca o Dolmen de Axeitos con máis de 4000 anos de antigüidade.

Xa na Pobra,  a Torre de Xunqueiras do s. XV, a Torre Bermúdez do s. XVI e o Museo Valle-Inclán son tres dos puntos máis relevantes para visitar neste concello. O miradoiro da Curota, é o punto máis alto da península con 498 m. de altitude e desde o que se pode contemplar unha panorámica única das rías. Ademais das numerosas calas e praias, tamén podemos refrescarnos en calquera das numerosas piscinas naturais que ten o río Pedras

O Castro de Neixón do s. I é un dos principais xacementos arqueolóxicos da ría. Localizado xa no Concello de Boiro, este territorio ofrécenos gran variedade de monumentos megalíticos como os petroglifos de Laxe das Cabras e Pedra da Bouza da Idade de Bronce, ou a necrópole megalítica de Amañecida, entre outros. 

No casco histórico de Rianxo atopamos a praza de Rafael Dieste, o Pazo de Martelo, o cruceiro barroco e a igrexa de Santa Comba e o sonado Santuario da Nosa Señora de Guadalupe. Nesta vila atopamos tamén as casas natais de Daniel R. Castelao (1886-1950), Manuel Antonio (1900-1930) e Rafael Dieste (1899-1981). 

Antes de chegar a Padrón, no Concello de Dodro, podemos visitar o Pazo de Lestrove do s. XVI-XVIII, mansión de descanso dos arcebispos composteláns ou o Pazo da Hermida do s. XVII onde a escritora Rosalía de Castro viviu longas tempadas. Nesta pazo creábase tamén en 1930 a 'Federación Republicana Gallega' despois de asinar o 'Pacto de Lestrove'.

Etapa: Padrón - Santiago de Compostela. 25.2 km

En Iria Flavia, atopamos pegada á estrada a Fundación Camilo José Cela, localizada nas Casas dos Coengos, construídas a finais do s. XVIII. Fronte a ela,
colexiata de Santa María de Iria. Contiguo á colexiata, atopamos o cemiterio de Adina, que conserva unha necrópole sueva do s. V.

Seguindo dirección Compostela podemos visitar o Santuario da Escravitude do s. XVIII.

Atopamos neste traxecto dúas ruínas de grande interese, por un lado o lendario Castro Lupario, onde vivía a raíña Lupa e o Castelo da Rocha Forte do s. XV, destruído durante as revoltas irmandiñas.