O Camiño do Norte é unha ruta de amplo calado histórico, xa que sen dúbida foi das primeiras en xurdir tras o descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago, xerando certa confusión hoxe en día co Camiño Primitivo. Nos seus primeiros anos, este camiño situado ao Norte, como o propio nome indica, cobraba todo o seu senso dada a gran expansión de Al-Andalus, que limitaba as posibilidades de itinerarios máis ao sur. 

Os peregrinos asturianos e do resto del norte da península deron lugar ao seu propio percorrido, o Camiño do Norte. Este percorrido, que atravesa as terras do País Vasco, Cantabria e Asturias, entra en Galicia por Ribadeo.

O camiño na provincia

Na provincia da Coruña o Camiño do Norte percorre os concellos de Sobrado, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela. No primeiro deles, hai unha construción que destaca especialmente: o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, cuxa actividade retornou a mediados do século XX, aparte de ser convenientemente restaurado, é unha parada obrigatoria para toda persoa que pise esta terra. Despois de pasar por Boimorto, lugar de pazos e bonitas balconadas dignas de visita, no municipio de Arzúa é onde este itinerario se conxunta co tan transitado Camiño Francés. Hai que recordar tamén que esta zona que percorre o Camiño do Norte na provincia, é moi recoñecida no eido gastronómico, como por exemplo no caso do Queixo de Arzúa.

Xa na urbe santiaguesa, á marxe de todo o que supón a espectacular Praza do Obradoiro, nas súas inmediacións destacan construcións civís como por exemplo o Pazo de Baamonde ou a Casa de Cabildo, comungando á perfección coas empedradas rúas compostelás. O peregrino tamén pode ver outros atractivos, sempre en harmonía co contexto, como as exposicións do museo do Centro Galego de Arte Contemporáneo (obra do aclamado arquitecto Álvaro Siza), apegado á modernidade e cun ollo posto sobre a realidade da cidade. Ao seu carón, destaca o conxunto que supoñen o Convento de Santo Domingo de Bonaval e o parque, de mesmo nome, que resulta ser un oasis de tranquilidade, vistas e recreación.

Máis información sobre o Camiño do Norte, aquí

Etapa: Baamonde -  Sobrado dos Monxes. 41,3 km

Ao longo desta etapa, ao entrar na provincia da Coruña atopamos un dos Mosteiros máis coñecidos do Camiño: Sobrado dos Monxes. Este edificio cisterciense é unha antoloxía de estilos e épocas: destaca a súa igrexa barroca, os tres claustros, un deles chamado claustro dos Peregrinos do s. XVII, a capela do Rosario e de San Xoán, a sala capitular ou a cociña.

Moi preto do Mosteiro, podemos visitar tamén a Lagoa de Sobrado, construída polos propios monxes do mosteiro e gardiá dunha rica biodiversidade. 

Etapa: Sobrado dos Monxes -  Arzúa. 21,5 km

Unha vez deixado o núcleo de Sobrado dos Monxes co seu Mosteiro, a tan só 4 quilómetros e pertencendo ao mesmo concello atopamos a Igrexa de San Lourenzo de Carelle. Esta igrexa románica conserva o arco triunfal de entrada ao presbiterio e garda unha curiosa pila antiga de auga bendita.

Xa en Arzúa, a igrexa de Santiago, a capela gótica da Madalena, pertencente a outro hospital desaparecido, ou a capela da Mota, xunto a unha xenuína carballeira homónima son uns dos puntos interesantes para visitar nesta vila. 
Fóra da ruta podemos atopar o Pazo de Brandeso ou o embalse de Portodemuros que ofrece unha ampla gama de actividades.

Etapa: Arzúa - O Pedrouzo. 19,1 km

Despois de pasar pola Vila de Arzúa, na aldea de Santa Irene, podemos contemplar unha ermida adicada á santa mártir portuguesa, construída no s. XVIII coas achegas dos nobres da aldea de Dos Casas e a fonte santa que posúe, segundo a tradición, propiedades curativas para a pel. 

Etapa: O Pedrouzo -  Santiago de Compostela. 20 km

Antes de internarnos na monumental Compostela, será unha parada obrigada a do Monte do Gozo, desde o que poderemos contemplar unha excelente panorámica da cidade.