Unha fraga misteriosa e exuberante. Unha paraxe de lenda. Un camiño histórico e literario. O cantil máis alto de Europa a pé de mar. Praias inesquecibles. Todo isto e moito máis é Ferrolterra, un xeodestino situado no norte da provincia e conformado polas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. 

Ferrolterra destaca pola súa riqueza costeira e natural. A contorna que rodea as augas das súas rías, forma unha espectacular presentación para este destino. A historia e a arte conxúganse nesta zona, ademais das espectaculares paraxes naturais dos concellos que conforman esta contorna privilexiada: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilamaior.

 

O Faro de Estaca de Bares, en Mañón, aluma os cantís máis setentrionais da Península Ibérica, o lugar que separa naturalmente o océano Atlántico das augas do mar Cantábrico. Nestas terras atoparemos 'o mellor banco do mundo', estratexicamente colocado nos cantís de Loiba, en Ortigueira, e tamén, co permiso de Santiago de Compostela, outro dos destinos de peregrinación da provincia, Santo André de Teixido, en Cedeira, afamado pola súa lenda 'vai de morto que non foi de vivo'. Na costa que une as rías destas dúas localidades, álzanse os cantís máis altos da Europa continental, pertencentes á Serra da Capelada. No seu extremo máis elevado, a máis de 600 metros de altura, a Garita de Herbeira bríndanos un fabuloso miradoiro no que contemplar a inmensidade do océano Atlántico. 

Os ventos característicos da costa galega brindan ás praias da provincia unhas condicións óptimas para a práctica do surf, destacando Pantín, famosa pola celebración de campionatos mundiais deste deporte. Pero entre as praias de enérxica ondada, contrastan lagoas naturais como as de Doniños ou A Frouxeira, ou lagos artificiais como o das Pontes, un lugar ideal para a práctica de deportes como vela ou piragüismo. Terra dentro, unha excursión polas impresionantes Fragas do Eume descubriranos os Mosteiros de Caaveiro e de Monfero e o patrimonio histórico-artístico dos Andrade.

Multitude de areais de gran beleza destacan nesta contorna privilexiada, do mesmo xeito que praias como a de Pantín (famosa pola celebración de campionatos mundiais de surf) ou lagoas de importante valor ecolóxico como a de Doniños ou a da Frouxeira. Con respecto precisamente ao surf, hai que sinalar a transcendencia que adquire neste xeodestino, explicada en gran medida polas características das propias praias, as distintas escolas, os shapers, as opcións de aloxamento (surf camps e surf houses), as tendas especializadas e ata os bares e locais sensibilizados con este deporte. De aí a existencia de Costa das Ondas, produto turístico sostible de surf que comunga excelentemente coa realidade da zona.

 

INDISPENSABLES

Fragas do Eume: espazo protexido considerado como o bosque atlántico costeiro máis importante e mellor situado de Europa. O río Eume, de case 100 km de lonxitude, desde a fronteira entre as provincias da Coruña e Lugo ata a súa desembocadura na ría de Ares, conserva as ribeiras máis ricas da rede hidrográfica norte. As excursións e paseos polas súas ribeiras son difíciles de esquecer, como impresionante é descubrir o cenobio beneditino, do que se teñen noticias, máis antigo de Galicia: o Mosteiro de Caaveiro, desde o cal se pode observar unha impresionante panorámica das Fragas, ou o Mosteiro de Monfero, cunha fachada axedrezada que non deixa indiferente á persoa que o visita. 

Ferrol: cidade vinculada á industria naval, tanto civil como militar. Destacan o barrio racionalista da Magdalena, o Museo Naval e as prazas señoriais de Armas e de Amboaxe. As fortificacións defensivas do Castelo de San Filipe e o da Palma álzanse na entrada da ría dando a benvida á persoa visitante.

Santo André de Teixido: as visitas á Capela de San André e á súa romaría atópanse entre as máis frecuentes de Galicia. A lenda de San André xunto á existencia dun Camiño medieval fan que miles de visitantes se acheguen cada ano ata este enclave.

Serra da Capelada:  o cantil máis alto de Europa continental, con máis de 600 metros de altura, que acolle impresionantes miradoiros como en Garita de Herbeira, onde se goza da inmensidade do océano e a súa espectacular paisaxe. 

Festival Celta de Ortigueira: festa declarada de Interese Turístico e que a mediados do mes de xullo, desde o ano 1978 ata a actualidade, reúne a miles de persoas ao redor de diversas actividades musicai:, música folk, tradicional e todo tipo de eventos populares acompañados por outras actividades paralelas como deportes tradicionais, gastronomía típica e talleres etnográficos.

TURISMO SLOW NORTE DE GALICIA

Turismo Slow Norte de Galicia, proxecto pioneiro en Galicia, posto en marcha en colaboración entre o Xeodestino Ferrolterra e o Xeodestino Mariña Lucense apoiándose en Renfe-Feve como elemento vertebrador de ambos destinos. Ofrece unha oportunidade para gozar dun territorio limpo, sen masificar, cun litoral abrupto e numerosos espazos naturais protexidos… e dun ritmo de vida que paga a pena recuperar, un ritmo marcado unicamente polo teu reloxo biolóxico, e onde se pode experimentar unha forma diferente de viaxar, de vagar, gozando de cada sensación para aprender ou reaprender a gozar a vida doutra maneira. Un produto turístico que ofrece unha viaxe sustentable, con consciencia, onde interactuar coa cultura local, degustar produtos da zona e realizar actividades na natureza.

O Norte do Norte, é un lugar especial e máxico, donde o océano Atlántico se funde co mar Cantábrico, un de eses rincóns de España onde a naturaleza só compite co silencio e as lendas e un lugar no que podes descubrir recunchos secretos do norte de Galicia e sentir a calma dun espazo onde parece deterse o tempo e no que podes gozar da hospitalidade dos nosos anfitrións.

Páxina web: www.turismoslow.gal

 

Percebes de Cedeira: ao longo da Costa Norte, desde Ferrol a Bares, a calidade dos produtos do mar é incuestionable. Desde o soado 'marraxo', ata todo tipo de mariscos pódense degustar en calquera punto deste territorio. 
Os percebes desta zona, son valorados en toda a xeografía. Este produto é o protagonista dunha curtametraxe preseleccionada para os Premios Goya 2012 dirixido por David Beriain, que conta a historia dun percebeiro de Cedeira: 'Percebeiros' 

Pan de Neda: a sona do pan de Neda ten a súa orixe na construción da base naval na Ría de Ferrol por parte de Filipe II. Co obxectivo de abastecer á armada, esta zona que xa contaba con numerosos muíños desde a Idade Media, converteuse na principal abastecedora deste produto. 
Cada ano, o primeiro domingo de setembro desde 1989 celébrase a Festa do Pan de Neda por iniciativa da Asociación de veciños e veciñas.

Polbo de Mugardos: o polbo, produto consumido en toda a xeografía galega, convértese na vila de Mugardos nun prato exclusivo pola orixinalidade da súa receita. O polbo á mugardesa é unha peculiar forma de preparación dun prato que se pode degustar en todos os restaurantes da zona. No parque da Constitución de Mugardos celébrase cada ano a 'Festa do Polbo' declarada Festa de Interese Turístico que acolle a un numeroso público. 
 
Costrada de Pontedeume: este produto exclusivo de Pontedeume ten a súa orixe nunha comunidade de monxes italiana que trae este manxar medieval ao refectorio do Mosteiro de Caaveiro no século XII. Trátase dunha especie de empanada formada por varias capas, tanto de carne como de peixe, que se pode conseguir en calquera establecemento da zona. 

Chanfaina de San Sadurniño: a chanfaina é unha das especialidades gastronómicas deste concello elaborado a base de sangue, carne e especias. Este produto, ademais de ser protagonista dunha festa gastronómica anual é o alimento que lle dá nome ao proxecto audiovisual Chanfaina Lab, un encontro de cineastas galegos e galegas que se converteu nunha experiencia de referencia neste sector, co que se pretende pór en valor o territorio rural a través dos ollos de creadores e creadoras do audiovisual

Grelos de Monfero: o grelo, un dos produtos máis populares da gastronomía galega, ten especial fama neste concello do interior da provincia da Coruña. O clima frío das parroquias da montaña coruñesa fai que este produto alcance nestas zonas menos acidez e se torne máis tenro. Cada ano, celébrase na parroquia do Val de Xestoso, en Monfero, a Festa gastronómica que rende homenaxe a esta verdura, cadrando sempre co domingo anterior ao entroido.