Que está a pasar?

Regueira reivindica no Congreso CEAV Protour 2026 o papel «humano» das axencias de viaxes fronte ás grandes plataformas e operadoras

O vicepresidente da Deputación da Coruña incidiu tamén na importancia das axencias como prescritoras dun turismo sustentábel e responsábel
venres, 8 Maio, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, interveu este xoves no Congreso CEAV Protour 2026, xornada profesional para axencias de viaxes celebrada no Hotel Finisterre da Coruña. Durante a súa intervención, agradeceu á organización a elección da Coruña como sede do encontro e definiu a cidade e a provincia como «un territorio singular, especial, unha porta de entrada a Galiza», cun produto turístico «moi consolidado» e aínda con grande potencial de desenvolvemento.

Neste foro, Regueira reivindicou o papel «humano» das pequenas e medianas axencias nun contexto turístico cada vez máis despersonalizado e puxo tamén en valor o papel histórico das axencias de viaxes na democratización do turismo e na creación de experiencias de calidade vinculadas ao coñecemento dos territorios.

«Convertestes lugares afastados en destinos desexados. Fixestes da persoa viaxeira non só alguén que quere ver, senón alguén que quere sentir e comprender», afirmou o responsábel provincial de Turismo. Asemade, salientou que as pequenas axencias seguen a conservar «esa alma» que permite unha relación directa coas persoas viaxeiras, fronte á deshumanización das grandes plataformas e operadoras.

O vicepresidente incidiu tamén na importancia das axencias como prescritoras dun turismo sustentábel e responsábel. Segundo explicou, son profesionais que «seguen preferindo a calidade á cantidade» e que «elixen a sustentabilidade no canto da depredación», contribuíndo así á construción de «destinos con sentido».

Presenza da marca ‘A paisaxe que sabe’

O acto incluíu unha benvida gastronómica con degustación de produtos ao abeiro da campaña da Deputación  ‘A paisaxe que sabe’, unha iniciativa de promoción agroalimentaria e turística da institución provincial. Participaron Empanadas Ternura (A Coruña), A Factoría do Lume (Narón), Martietas de Fío (Bergondo), Cienporcel Porco Celta (Santiago de Compostela) e Chichalovers (Santiago de Compostela).

Neste contexto, Regueira definiu a campaña como «unha invitación sensorial» para descubrir «unha paisaxe con saber e con sabor», vinculada á identidade gastronómica da provincia. «Falamos dunha terra que segue traballando para dar o mellor da súa gastronomía e do seu produto ás persoas que nos visitan», apuntou.

O vicepresidente concluíu trasladando o compromiso da área de Turismo da Deputación co sector das axencias de viaxes, que definiu como «unha parte indispensábel da cadea de valor do turismo» e clave para garantir «un destino de calidade e con futuro».

Un comité multidisciplinar fará seguimento da sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

Unha enquisa realizada a visitantes estima un gasto medio diario superior ao rexistrado en Galiza en categorías como aloxamento, restauración e actividades
xoves, 7 Maio, 2026

O concello de Cerdido acolleu o mércores desta semana a primeira reunión do comité de seguimento da sostibilidade turística e desenvolvemento local do Xeoparque do Cabo Ortegal. Trátase dun espazo de colaboración interinstitucional e multisectorial integrado 17 representantes das administracións públicas, da comunidade científica e do tecido empresarial e asociativo do territorio.

A presidencia corresponde actualmente ao presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), mentres que a secretaría técnica recae na xerencia da entidade.

A representación da administración local está formada polos alcaldes de Valdoviño, Cerdido, Cedeira, San Sadurniño, Ortigueira e Cariño, ademais da alcaldesa de Moeche. O órgano complétase con dous representantes do tecido empresarial local e outros dous do tecido asociativo.

No ámbito supramunicipal participan representantes da Deputación da Coruña, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. A comisión técnica de expertos está representada polo director científico da AXCO.

Este órgano ten como finalidade principal garantir o seguimento e a avaliación continua dos niveis de sostibilidade turística e desenvolvemento local no Xeoparque Cabo Ortegal, mediante a aplicación do sistema de indicadores ETIS (European Tourism Indicator System). Así mesmo, busca contribuír á mellora da planificación e da toma de decisións no eido turístico, baseándose nos datos obxectivos aportados polos indicadores.

O sistema ETIS constitúe unha ferramenta clave para o seguimento da sostibilidade turística, permitindo analizar dimensións ambientais, económicas e sociais do destino. A través deste sistema, recóllense e analízanse datos que facilitan a identificación de tendencias, a detección de áreas de mellora e a definición de accións estratéxicas adaptadas á realidade do territorio. Este enfoque permite avanzar cara a un modelo de xestión turística máis eficiente, responsábel e aliñado cos principios da UNESCO.

Enquisa a visitantes

No marco desta primeira reunión, presentáronse os primeiros resultados dos indicadores ETIS, que ofrecen unha fotografía inicial do estado da sostibilidade turística no Xeoparque. Son 19 indicadores, seleccionados logo dun proceso de deseño participativo, e que son nutridos con fontes estatísticas oficiais, dados proporcionados polos concellos e enquisas anuais ad hoc de residentes, visitantes, e infraestructuras e empresas turísticas. Entre os primeiros resultados presentados, destacan indicadores vinculados á satisfacción e fidelización da demanda turística, á estrutura da oferta de aloxamento e ao impacto económico do turismo no destino:

O indicador de satisfacción global dos visitantes amosa que o 86 % das persoas enquisadas valoran positivamente a súa experiencia no Xeoparque Cabo Ortegal, cunha mostra de 102 visitantes consultados en marzo de 2026. 

En relación coa fidelización do destino, o 96 % das persoas visitantes enquisadas xa visitaran previamente o Xeoparque Cabo Ortegal nos últimos cinco anos.

No ámbito da estrutura da oferta turística, identificáronse 619 empresas de aloxamento no Xeoparque Cabo Ortegal, das cales 558 corresponden a Vivendas de Uso Turístico (VUT), representando aproximadamente o 90% do total da oferta de aloxamento rexistrada.

Canto ao impacto económico do turismo, a enquisa realizada a visitantes estima un gasto medio diario superior ao rexistrado en Galiza en categorías como aloxamento, restauración e actividades. Destaca especialmente o gasto medio en aloxamento, cunha media de 37,67 € por persoa e día no Xeoparque, fronte aos 21,05 € rexistrados no conxunto de Galiza.

Reunións periódicas

O comité reunirase de maneira periódica, como mínimo dúas veces ao ano, co obxectivo de facer seguimento dos avances, avaliar os resultados obtidos e definir novas liñas de actuación que contribúan á mellora continua do destino Xeoparque Cabo Ortegal.

Esta actuación está promovida pola Deputación Provincial da Coruña, en colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A Deputación da Coruña instala contadores intelixentes de vehículos para o control de accesos ao Parque Natural das Fragas do Eume

Instaláronse nos concellos da Capela, Pontedeume e Monfero
mércores, 29 Abril, 2026

A Deputación da Coruña completa a instalación dun sistema de cálculo de vehículos en tempo real nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume na Capela, Pontedeume e Monfero, para garantir un turismo sostible e protexer a biodiversidade do parque.

Esta actuación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Fragas do Eume”, promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto culminou coa instalación de sensores de última xeración e a posta en marcha dun software de xestión avanzada en puntos estratéxicos dos municipios da Capela, Pontedeume e Monfero. Estes dispositivos permitirán aos xestores do parque obter datos exactos sobre o número de vehículos que acceden ao recinto en tempo real.

A instalación nos tres concellos clave A Capela, Pontedeume e Monfero, asegura unha cobertura integral do perímetro do parque. Os datos recollidos polo novo sistema de subscrición de software servirán para: previr a masificación en períodos de alta afluencia, optimizar os servizos públicos e de emerxencias na zona e establecer liñas estratéxicas para un turismo sostible que dinamice a economía local sen degradar a contorna.

Regueira reivindica en Vimianzo a cooperación institucional, o compromiso empresarial e a calidade como claves do futuro turístico da Costa da Morte

O vicepresidente da Deputación participou esta tarde no acto de entrega dos diplomas e distintivos SICTED a 33 entidades
mércores, 29 Abril, 2026

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da Área de Turismo, participou esta tarde en Vimianzo no acto de entrega dos diplomas e distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED). A cita, organizada por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), co apoio da institución provincial e Turismo de Galicia, recoñeceu 33 entidades distinguidas no ciclo 3 da anualidade 2025.

Durante a súa intervención, Regueira puxo o foco na colaboración, a cooperación e a coordinación entre administracións como unha mostra tamén de calidade, salientando que «buscamos esa fórmula de entendemento que é moi importante para o desenvolvemento de calquera sector». O vicepresidente quixo tamén destacar o papel «fundamental» do persoal técnico e dos servizos municipais de turismo na estruturación do produto turístico e na mellora da experiencia das persoas visitantes.

Regueira subliñou ademais o valor estratéxico do tecido empresarial, incidindo en que «non existe turismo sen rendibilidade empresarial» e que «sen empresas que aposten pola actividade, realmente non hai turismo». Neste sentido, deu os parabéns ás empresas distinguidas polo esforzo que realizan para ofrecer «os estándares máis altos de calidade» e por abrir camiño cara a un modelo no que «prioricemos a calidade sobre a cantidade».

O vicepresidente reivindicou tamén a autenticidade do territorio como un dos grandes valores da Costa da Morte, defendendo a necesidade de preservar unha identidade propia. «Vivimos nun territorio que non está turistificado, que segue sendo auténtico», asegurou, ao tempo que apelou a consolidar dinámicas de futuro a través dun turismo capaz de xerar benestar, economía e oportunidades para a poboación local.

As entidades distinguidas pertencen a diferentes ámbitos da oferta turística da comarca, entre eles hoteis e apartamentos turísticos, empresas de turismo activo, aloxamentos rurais, museos e centros de interese turístico visitábel, albergues, oficinas de información turística e turismo de benestar, nunha distribución equilibrada por todo o territorio.

O proceso de formación, asesoría e avaliación deste ciclo 3, desenvolvido desde setembro de 2025, permitiu incorporar 33 novas entidades ao proxecto, que se suman ás 32 entidades do ciclo 2 elevadas previamente pola Mesa de Calidade ao Comité de Distinción. A Mesa de Calidade da Costa da Morte está integrada pola Xunta Directiva da CMAT, o xestor SICTED, Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña apoia este proxecto a través das súas axudas aos entes de xestión turística, nunha aposta pola consolidación dun modelo turístico sustentábel e competitivo, orientado a fortalecer o territorio a través da excelencia, o respecto pola identidade e a cooperación entre todos os axentes implicados.

O programa terá continuidade durante 2026 cunha nova convocatoria, co obxectivo de seguir ampliando a participación e avanzar na incorporación progresiva de toda a cadea de valor do turismo da Costa da Morte.

A Deputación impulsa no Pazo de Mariñán a preparación do sector turístico coruñés e dos concellos ante a eclipse total de agosto

O vicepresidente, Xosé Regueira, coida que o principal reto pasa por anticiparse á mobilidade que xerará a eclipse e garantir unha resposta coordinada
mércores, 29 Abril, 2026

A Deputación da Coruña organizou este martes, 28 de abril, no Pazo de Mariñán (Bergondo), unha xornada formativa centrada na preparación do sector turístico da provincia ante a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. Trátase dun fenómeno astronómico excepcional que situará boa parte da provincia da A Coruña na franxa de totalidade e converterá o territorio nun punto estratéxico para a observación deste acontecemento.

A apertura da xornada correu a cargo do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, quen puxo o foco na importancia da prevención, da planificación e da información rigorosa como eixos fundamentais ante un evento destas características. «Agora non se trata tanto de promocionar o destino, que entendemos que xa está axeitadamente promocionado, como de organizar con responsabilidade os fluxos de visitantes e poñer o foco na información, na concienciación e na prevención», sinalou.

Neste sentido, Regueira incidiu en que o principal reto pasa por anticiparse á mobilidade que xerará a eclipse e garantir unha resposta coordinada tanto desde o punto de vista turístico como da seguridade e da saúde pública. «Temos que traballar para ordenar a mobilidade das persoas, prever impactos e ofrecer información precisa tamén desde o punto de vista da saúde, para que a experiencia sexa segura e positiva», destacou.

O vicepresidente tamén subliñou a importancia da divulgación práctica ao redor das condicións reais de observación, lembrando que a localización dentro da franxa de totalidade non garante por si soa unha visión axeitada do fenómeno. «Mesmo dentro da franxa de totalidade, non todos os lugares permitirán unha boa observación, porque o Sol estará moi baixo no horizonte e factores como o relevo ou os edificios poden impedir vela en condicións», explicou.

Na xornada participaron tamén alcaldes, alcaldesas e persoal técnico de turismo de diferentes concellos da provincia, nun encontro orientado a analizar as oportunidades e tamén os desafíos organizativos asociados a este fenómeno astronómico, que podería atraer unha importante afluencia de visitantes.

Durante a sesión abordáronse cuestións clave como a seguridade na observación, a planificación de espazos e accesos, a capacidade de acollida, a creación de produtos turísticos específicos e as estratexias de información e coordinación territorial, co obxectivo de que administracións, empresas e profesionais conten coas ferramentas necesarias para afrontar esta cita con planificación e responsabilidade.

A Deputación participa en Valdoviño na entrega das primeiras acreditacións ás empresas turísticas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García, pechou institucionalmente unha xornada en que se recoñeceu o compromiso de 22 empresas coa calidade, a sostibilidade e a posta en valor do territorio
mércores, 29 Abril, 2026

A Deputación da Coruña participou este martes en Valdoviño no acto de entrega das primeiras acreditacións ás empresas turísticas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal. Trátase dunha iniciativa promovida no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) para reforzar a implicación do tecido económico local no desenvolvemento sustentábel do territorio.

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García, participou na xornada xunto ao presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal (AXCO), Alberto Rey; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; representantes institucionais e empresas acreditadas, e foi a encargada de pechar institucionalmente o acto.

Nesta primeira edición recibiron a acreditación 22 empresas de diferentes ámbitos vinculados ao turismo, aos aloxamentos, aos servizos e ás experiencias no territorio: Destino Cedeira, Portal Norte (Cedeira Activa SL), Disfrutas Ortegal, Eu fun de vivo, Roteiros Lexendarios, Orixen SL, Granxa do Souto, MardOrtegal, ¿Queresvela?, Apartamento O Plantío, VUT Asesoría Couce, A Casa do Morcego, Casa rural San Andrés de Teixido, Casa Veiga, Apartamentos Lar da Revolta, VUT Casas de Fanego, VUT Monte do Limo, VUT Repousa-Maratico CB, Cabaliño do Lago, GoodLife consultoría, Mai Cerámica e Casa Rodrigo.

O proceso de adhesión, de carácter voluntario, está dirixido a empresas con actividade turística que cumpren requisitos vinculados á calidade do servizo, a sostibilidade e a difusión dos valores do Xeoparque. A acreditación, con vixencia de tres anos —renovábeis—, recoñece o compromiso das entidades participantes coa mellora continua e coa consolidación dun modelo turístico ligado á identidade e aos recursos do territorio.

Durante a xornada realizouse a entrega dos diplomas acreditativos e produciuse o asinamento dos acordos de colaboración coa entidade xestora do Xeoparque, culminando un proceso de acompañamento orientado á mellora da xestión empresarial e á incorporación de criterios de sustentabilidade.

Esta actuación está promovida pola Deputación da Coruña en colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, financiado con fondos europeos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A Deputación da Coruña reforza a promoción turística do Camiño Vello cunha viaxe de prensa a Santo André de Teixido

A acción reúne xornalistas de referencia para posicionar o Xeoparque Cabo Ortegal e dar visibilidade a Santo André de Teixido como destino sostíbel
venres, 24 Abril, 2026

Un grupo de cinco xornalistas procedentes de medios de comunicación de prestixio participou estes días nunha viaxe de prensa (press trip) a Santo André de Teixido, en Cedeira. O obxectivo é dar a coñecer o potencial do territorio e reforzar a proxección do Camiño Vello desde a aldea do Porto do Cabo, un dos itinerarios de peregrinación máis singulares do país.

A iniciativa, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración cos concellos do Xeoparque Cabo Ortegal, encádrase na estratexia de valorización turística do territorio, centrada na recuperación de camiños históricos e na creación de experiencias e produtos turísticos vinculados á paisaxe, á cultura e á identidade local.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, acompañado por alcaldes da zona e representantes do Xeoparque, recibiu o grupo de xornalistas á súa chegada ao santuario de Santo André. Regueira agradeceu o interese dos medios e subliñou o carácter singular do enclave, «un lugar mítico da provincia da Coruña», así como o seu papel histórico como destino de peregrinación, mesmo anterior á compostelá.

O vicepresidente explicou que esta acción forma parte dun dos grandes proxectos da Deputación para o que resta de 2026 e 2027, centrado na promoción do Xeoparque e do Camiño de Santo André. «Queremos que se converta tamén nunha referencia para aquelas persoas que buscan a través dos camiños programar a súa ruta de viaxe anual», engadiu en relación coa oportunidade que supón o Xacobeo 2027.

Durante a súa estancia na provincia da Coruña, os xornalistas coñeceron de primeira man algúns dos principais recursos do territorio. Un dos recunchos máis singulares incluídos no programa de visitas é Santo André de Teixido, un enclave onde conflúen espiritualidade, tradición e paisaxe, e que constitúe a meta de varias peregrinacións marcadas pola coñecida crenza popular que di «a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo».

O programa inclúe o percorrido polo Camiño Vello, antiga ruta de peregrinación que conecta O Porto do Cabo co santuario a través da Serra da Capelada, un itinerario de grande valor simbólico e paisaxístico que forma parte da aposta por recuperar e poñer en valor o Camiño de Santo André como produto turístico estruturado.

Así mesmo, as persoas participantes visitan algúns dos enclaves naturais máis representativos do Xeoparque, como os cantís de Vixía de Herbeira, os máis altos de Europa continental, e espazos como a praia de area negra de Teixidelo, a única non volcánica do mundo, que exemplifican a singularidade xeolóxica e paisaxística deste territorio recoñecido como Xeoparque Mundial da UNESCO en 2023.

A experiencia complétase coa posta en valor da gastronomía local, baseada en produtos de proximidade e no traballo de produtores, hostaleiros e artesáns, nunha presentación aliñada coa nosa campaña «A paisaxe que sabe».

Así mesmo, durante a viaxe os xornalistas coñeceron proxectos estratéxicos en desenvolvemento, como a recentemente aprobada recuperación do sendeiro do Plantío, que se financiará con fondos do Plan de Sostibilidade en Destino (PSTD), ou a posta en valor e rehabilitación de elementos patrimoniais como o conxunto da Casa da Bastona, antigo hospital de peregrinos do século XVI, situado no Porto do Cabo.

Regueira mostrou a súa confianza en que a difusión deste espazo contribúa a reforzar o posicionamento turístico da provincia e indicou que esperan que «este espazo tan mítico, tan marabilloso, pero tamén tan lendario como é Santo André e a súa capela» se consolide como unha referencia para o turismo sustentábel.

Con esta viaxe de prensa, a Deputación da Coruña e os concellos do Xeoparque reforzan a súa aposta por consolidar o Camiño Vello a Santo André como unha proposta turística diferenciada, baseada na autenticidade, na sostibilidade e na conexión co territorio.

A Deputación destina preto de 800 000 euros para financiar o persoal de 54 oficinas de turismo

O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca que este investimento «é clave para consolidar a provincia como un destino turístico sustentábel e ben xestionado»
venres, 10 Abril, 2026

A Deputación da Coruña concedeu definitivamente o programa de subvencións DP0029/2026. Esta liña de axudas, impulsada polo Servizo de Promoción e Desenvolvemento Turístico, permitirá que un total de 54 concellos e agrupacións locais da provincia conten con financiamento para sufragar os gastos de persoal das súas oficinas de turismo durante o presente exercicio.

O investimento total mobilizado pola institución provincial ascende a 795 217,43 euros. Estas axudas están destinadas especificamente a municipios de menos de 50 000 habitantes, asegurando que as localidades con menores recursos poidan ofrecer un servizo de atención ao visitante de calidade e profesional.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destaca que este investimento «é clave para consolidar a provincia como un destino turístico sustentábel e ben xestionado». Segundo Regueira, «o persoal técnico das oficinas é o primeiro contacto que o viaxeiro ten co noso territorio; o seu traballo é fundamental para poñer en valor o patrimonio, a gastronomía e a paisaxe dos nosos concellos».

«O programa de subvencións responde a un compromiso coa equidade territorial, explica o vicepresidente. Isto é «especialmente importante nos concellos máis pequenos», que poderán «manter equipos cualificados sen comprometer os seus orzamentos», abunda.

As subvencións cobren desde a contratación directa de técnicos ata a externalización de servizos de información, garantindo que os puntos de atención —moitos deles situados en enclaves estratéxicos como o Camiño de Santiago, as Fragas do Eume ou a Costa da Morte— permanezan operativos e atendidos por profesionais.

 

Regueira lembra na inauguración de Pata Pata que case un terzo dos hoteis coruñeses aceptan animais de compañía

«Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», sinalou o vicepresidente da Deputación
luns, 20 Abril, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este mediodía na inauguración da feira Pata Pata 2026, que se celebra en Expocoruña como un espazo de encontro ao redor do benestar animal e do papel crecente das mascotas na sociedade actual. A institución provincial é o principal patrocinador do evento, que na pasada edición reuniu preto de dez mil persoas na cidade.

Xosé Regueira interveu no acto de apertura xunto a representantes institucionais e do sector, e puxo en valor a relevancia social deste fenómeno. «As mascotas non son bens de consumo, senón parte das nosas vidas e das nosas familias», afirmou.

Neste sentido, lembrou que os datos estatais sinalan que case dous terzos dos fogares conviven con animais de compañía, e que un terzo dos hoteis coruñeses aceptan mascotas. Esta realidade, apuntou, responde a cambios profundos nos modelos sociais e nas relacións afectivas. «Este non é un fenómeno puntual, é un signo dos tempos que fala de como evolucionan as nosas prioridades e vínculos», engadiu.

Durante a súa intervención, Regueira explicou que factores como a dixitalización, a mobilidade ou a evolución das estruturas familiares están a impulsar este crecemento, e apuntou que «nas nosas vilas e cidades o número de animais de compañía censados supera xa o de menores de 14 anos», un dato que evidencia a transformación da sociedade.

O vicepresidente incidiu tamén nos retos que leva aparellado este cambio, lembrando que a tenza de animais implica responsabilidade, coidados e compromiso a longo prazo. «Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», sinalou.

Regueira lembra na inauguración de Pata Pata que case un terzo dos hoteis coruñeses aceptan animais de compañía

«Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», sinalou o vicepresidente da Deputación
luns, 20 Abril, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este mediodía na inauguración da feira Pata Pata 2026, que se celebra en Expocoruña como un espazo de encontro ao redor do benestar animal e do papel crecente das mascotas na sociedade actual. A institución provincial é o principal patrocinador do evento, que na pasada edición reuniu preto de dez mil persoas na cidade.

Xosé Regueira interveu no acto de apertura xunto a representantes institucionais e do sector, e puxo en valor a relevancia social deste fenómeno. «As mascotas non son bens de consumo, senón parte das nosas vidas e das nosas familias», afirmou.

Neste sentido, lembrou que os datos estatais sinalan que case dous terzos dos fogares conviven con animais de compañía, e que un terzo dos hoteis coruñeses aceptan mascotas. Esta realidade, apuntou, responde a cambios profundos nos modelos sociais e nas relacións afectivas. «Este non é un fenómeno puntual, é un signo dos tempos que fala de como evolucionan as nosas prioridades e vínculos», engadiu.

Durante a súa intervención, Regueira explicou que factores como a dixitalización, a mobilidade ou a evolución das estruturas familiares están a impulsar este crecemento, e apuntou que «nas nosas vilas e cidades o número de animais de compañía censados supera xa o de menores de 14 anos», un dato que evidencia a transformación da sociedade.

O vicepresidente incidiu tamén nos retos que leva aparellado este cambio, lembrando que a tenza de animais implica responsabilidade, coidados e compromiso a longo prazo. «Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», sinalou.

Puntos de interese