
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da Área de Turismo, participou esta tarde en Vimianzo no acto de entrega dos diplomas e distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED). A cita, organizada por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), co apoio da institución provincial e Turismo de Galicia, recoñeceu 33 entidades distinguidas no ciclo 3 da anualidade 2025.
Durante a súa intervención, Regueira puxo o foco na colaboración, a cooperación e a coordinación entre administracións como unha mostra tamén de calidade, salientando que «buscamos esa fórmula de entendemento que é moi importante para o desenvolvemento de calquera sector». O vicepresidente quixo tamén destacar o papel «fundamental» do persoal técnico e dos servizos municipais de turismo na estruturación do produto turístico e na mellora da experiencia das persoas visitantes.
Regueira subliñou ademais o valor estratéxico do tecido empresarial, incidindo en que «non existe turismo sen rendibilidade empresarial» e que «sen empresas que aposten pola actividade, realmente non hai turismo». Neste sentido, deu os parabéns ás empresas distinguidas polo esforzo que realizan para ofrecer «os estándares máis altos de calidade» e por abrir camiño cara a un modelo no que «prioricemos a calidade sobre a cantidade».
O vicepresidente reivindicou tamén a autenticidade do territorio como un dos grandes valores da Costa da Morte, defendendo a necesidade de preservar unha identidade propia. «Vivimos nun territorio que non está turistificado, que segue sendo auténtico», asegurou, ao tempo que apelou a consolidar dinámicas de futuro a través dun turismo capaz de xerar benestar, economía e oportunidades para a poboación local.
As entidades distinguidas pertencen a diferentes ámbitos da oferta turística da comarca, entre eles hoteis e apartamentos turísticos, empresas de turismo activo, aloxamentos rurais, museos e centros de interese turístico visitábel, albergues, oficinas de información turística e turismo de benestar, nunha distribución equilibrada por todo o territorio.
O proceso de formación, asesoría e avaliación deste ciclo 3, desenvolvido desde setembro de 2025, permitiu incorporar 33 novas entidades ao proxecto, que se suman ás 32 entidades do ciclo 2 elevadas previamente pola Mesa de Calidade ao Comité de Distinción. A Mesa de Calidade da Costa da Morte está integrada pola Xunta Directiva da CMAT, o xestor SICTED, Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña.
A Deputación da Coruña apoia este proxecto a través das súas axudas aos entes de xestión turística, nunha aposta pola consolidación dun modelo turístico sustentábel e competitivo, orientado a fortalecer o territorio a través da excelencia, o respecto pola identidade e a cooperación entre todos os axentes implicados.
O programa terá continuidade durante 2026 cunha nova convocatoria, co obxectivo de seguir ampliando a participación e avanzar na incorporación progresiva de toda a cadea de valor do turismo da Costa da Morte.


