Que está a pasar?

Regueira salienta a tradición conserveira de Barbanza Arousa como eixo do turismo industrial

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da institución provincial afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa
luns, 23 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Coma en edicións anteriores, a Área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, leva a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística. No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentou hoxe a proposta titulada ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da Deputación da Coruña afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social. A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Barbanza e Iria.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega». Neste senso, reivindicou o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».

Durante a súa intervención, Regueira explicou que a proposta presentada en B-Travel inclúe o proxecto do centro de interpretación da conserva de Barbanza Arousa e destacou o papel histórico desta industria no conxunto do litoral galego. Así, lembrou que a tradición conserveira está presente ao longo de toda a costa e puxo en valor a súa orixe, ligada en boa medida á chegada de industriais cataláns, aos que posteriormente se sumaron maragatos e portugueses, configurando un sector que se foi expandindo e diversificando co paso do tempo.

«Hai unha tradición asentada desde hai moitos séculos e viñemos contar un relato que tamén conecta con Cataluña, onde estamos hoxe, xa que a nosa industria conserveira chegou a Galiza da man, sobre todo, dos cataláns», explicou Regueira, quen engadiu que «buscamos na gastronomía o primeiro leitmotiv para convidar a visitar Galiza e falar de industria, pero tamén da relación co territorio e da necesidade de reivindicar un turismo de calidade, baseado na nosa identidade e na excelencia das experiencias que podemos ofrecer».

A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.

Regueira destaca Santiago(é)Tapas como ferramenta para desestacionalizar o turismo e poñer en valor o produto local e o talento da hostalaría

O vicepresidente provincial participou na entrega do Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa
luns, 16 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participou este luns no acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas, celebrado na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, no que se recoñeceu o talento e a creatividade dos establecementos participantes nun certame consolidado como unha das grandes citas gastronómicas da cidade. O vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, participou no acto institucional do concurso, que organiza Turismo de Santiago e no que a Deputación da Coruña é principal colaboradora. Na súa intervención, destacou o valor estratéxico dunha iniciativa que contribúe a dinamizar o sector hostaleiro e a reforzar a proxección gastronómica do territorio.

Regueira subliñou que Santiago(é)Tapas é «un evento cun gran valor estratéxico, que leva anos demostrando que a gastronomía é unha das mellores portas de entrada para descubrir o territorio». Neste sentido, sinalou que o certame «non só dinamiza o sector hostaleiro nun mes clave, senón que tamén proxecta a imaxe de Santiago como un destino gastronómico de vangarda e calidade e serve de plataforma para exhibir o enorme talento que temos nos fogóns do noso territorio».

O vicepresidente provincial puxo tamén en valor a tapa como formato culinario capaz de expresar a excelencia da gastronomía galega. «Temos que reivindicar a tapa non é un produto menor; todo o contrario, pode ser tamén unha expresión da alta cociña coa que poñer en valor o produto de proximidade e toda a cadea enogastronómica que hai detrás», subliñou.

Premio Deputación á ‘Mellor tapa creativa’

A principal novidade desta edición foi que o galardón principal do certame incorporou por primeira vez o nome da institución provincial. Por este motivo, a alcaldesa de Santiago chamou ao vicepresidente provincial ao escenario para facer entrega conxunta do Premio Deputación da Coruña á ‘Mellor tapa creativa’, no transcurso do acto celebrado no Auditorio de Galiza.

O concurso confirmou nesta edición o seu éxito de participación e consumo, superando as 33 000 tapas vendidas, un 10 % máis ca no ano anterior e por riba das máis de 30 000 rexistradas en 2025 e das 25 000 contabilizadas en 2024. Estes datos reafirman o papel do evento como unha ferramenta eficaz para fomentar o consumo durante a temporada baixa e avanzar cara a un modelo turístico máis desestacionalizado.

Xosé Regueira pon en valor o impulso da Feira do Queixo de Moeche como motor económico e social para a comarca

«Concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou Regueira
martes, 10 Marzo, 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este martes na presentación da VIII Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o próximo domingo, 15 de marzo. No acto estivo acompañado pola deputada de Plans Provinciais, Cristina García —concelleira no municipio—, e pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Na súa intervención, salientou o papel destes eventos na dinamización económica e social do territorio, especialmente en concellos de pequeno tamaño, con influencia tanto na produción agrogandeira como na hostalaría.

«Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», insistiu o vicepresidente da Deputación.

Xosé Regueira puxo en valor o esforzo do Concello por consolidar ao longo dos anos unha cita que, segundo subliñou, ten un impacto que vai máis alá da propia feira. «Hai concellos que teñen enormes orzamentos, pero que non son capaces de emprender ou que non se atreven a emprender retos como o que emprende o concello de Moeche mantendo cada ano unha Feira do Queixo tan importante coma esta, mellorando en cada edición», afirmou.

Apoio da Deputación da Coruña

O vicepresidente lembrou que a Deputación leva anos apoiando a feira e que nesta edición se dá «un paso máis». Neste sentido, indicou que «a Deputación leva apoiando esta feira desde hai moito tempo, e este ano damos un pasiño máis, pois ademais do apoio económico a través da liña de subvencións, pedímoslle ao Concello a posibilidade de estar na feira co noso mercado de artesanía agroalimentaria».

Esta iniciativa permitirá, na súa opinión, que outros produtores da provincia participen e coñezan de primeira man o funcionamento dun evento que se consolidou como referente ao redor do queixo e doutros produtos de calidade. O vicepresidente engadiu que «a feira está escalando e a Deputación o que vai intentar é darlle, ademais, soporte ao resto da cadea de valor da enogastronomía que traballa habitualmente connosco, para que se sirva tamén da cantidade de xente que se vai achegar durante estas dúas xornadas ao recinto feiral de Moeche».

Variada programación

A programación desenvolverase durante toda a fin de semana con propostas para todos os públicos. Haberá postos de venda de queixos e produtos artesáns, actuacións musicais, obradoiros, catas comentadas, actividades infantís, visitas guiadas e sorteos de produtos. No espazo do Mercado da Deputación organizaranse tamén varias mostras de cociña a cargo do chef Adnré Azúa —ás 11:30, 12:30 e 13:30 horas—. Ademais, o grupo De Ninghures oferecerá un concerto, tamén financiado pola Deputación, ás 19:30.

A Deputación da Coruña pecha con satisfacción a primeira participación en HIP destacando a boa acollida do público profesional e a apertura de vías de negocio

Restaurantes e produtores de Bergantiños, Barbanza, Compostela, Ferrolterra, Arzúa e A Coruña exhibiron o potencial enogastronómico da provincia durante os tres días da feira
venres, 20 Febreiro, 2026

A Deputación da Coruña despide hoxe a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo con evidente satisfacción tras tres xornadas de intensa actividade no posto provincial baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’. Este ano foi a primeira participación da institución nesta feira profesional, que tivo lugar no IFEMA madrileño, e onde se sucederon demostracións culinarias, presentacións de produto e obradoiros de harmonías que puxeron en valor a cadea de valor enogastronómica da provincia.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que «a valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva». Neste sentido, destaca que «así o indican tanto a afluencia ao noso posto, como o interese amosado polo público e as propias impresións do sector enogastronómico que nos acompañou nestes tres días».

Regueira incide no perfil profesional das persoas asistentes e asegura que «a xente que se achega a nós son visitantes profesionais, son persoas interesadas en abrir vías de negocio. Coa calidade do produto que temos e co sector tan altamente profesional como hai na provincia da Coruña, coido que o éxito está asegurado». O vicepresidente engade que agora cómpre dar unha marxe de tempo, polo menos dun mes ou mes e medio, para comprobar se os contactos establecidos se traducen en oportunidades reais de mercado.

A xornada de hoxe estivo protagonizada polos dous obradoiros ofrecidos polo chef carballés Adrián Felípez, á fronte do restaurante Miga (A Coruña). O cociñeiro elaborou unha terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido, así como unha albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra, propostas que volveron atraer numeroso público profesional ao posto da Deputación.

Entre ambas as demostracións, o sumiller Alejandro Paadín conduciu un obradoiro de harmonías centrado nos viños da subzona Ribeiras Coruñesas do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas, acompañados de queixo Galmesán (Arzúa) e patacas fritidas Bonilla a la Vista (A Coruña). A despedida do evento completouse coa presentación e degustación de mexillón afumado da Conserveira (Ribeira), maridado con Vermut Lodeiros (Santiago).

Ao longo dos tres días participaron restaurantes de referencia como Illas Gabeiras, de Ferrol; As Garzas, de Barizo, en Malpica de Bergantiños; e o xa mencionado Miga, que amosaron a capacidade creativa da cociña atlántica e a reinterpretación contemporánea do produto de proximidade. Xunto a eles, produtores e comercializadores de diferentes comarcas contribuíron a ofrecer unha visión ampla e diversa do potencial enogastronómico coruñés.

Empresas como Martietas de Fío, de Bergondo; Empanadas Ternura, da Coruña; La Despensa D’Lujo, de Coristanco; A Conserveira, de Ribeira; Cien por Cel e Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela; Galmesán, de Arzúa; ou Bonilla a la Vista, da Coruña, participaron nas distintas sesións.

Con esta primeira participación en HIP, a Deputación da Coruña consolida a súa aposta pola promoción conxunta do produto, da transformación e da restauración baixo unha estratexia común de marca, proxectando a imaxe dunha provincia que combina excelencia, identidade territorial e capacidade empresarial para competir nos mercados profesionais.

A Deputación da Coruña despide unha nova edición de FITUR apostar pola proxección internacional da provincia e defender un modelo turístico que respecte a identidade

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou ao longo das tres xornadas profesionais en presentacións de proxectos propios, campañas dos xeodestinos e iniciativas de cooperación turística
venres, 23 Xaneiro, 2026

A Deputación da Coruña despídese da Feira Internacional de Turismo (FITUR) tras defender nesta cita un modelo turístico diverso, sustentábel e competitivo, que ao mesmo tempo preserve a identidade e autenticidade dos territorios. Nesta edición, a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi o principal reclamo súa proposta, mais tamén o apoio firme aos xeodestinos, ás mancomunidades e a proxectos estratéxicos do territorio.

O vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, desenvolveu ao longo das tres xornadas profesionais da feira unha intensa axenda institucional coa presentación da súa propia campaña, mais tamén xuntanzas sectoriais ou participación en actos promovidos por entidades e administracións coas que colabora.

Na primeira xornada de FITUR, Regueira interveu na presentación das tres probas da World Surf League que se celebrarán este ano na provincia, eventos que sitúan A Coruña na elite do surf mundial. O vicepresidente participou tamén nos actos vinculados ao xeodestino Ferrolterra, no que a Deputación xestiona tres Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD): Fragas do Eume, Xeoparque Cabo Ortegal e Patrimonio de Ferrol e Baterías de Costa. Nese contexto, lembrou o apoio da institución ao recoñecemento de Ferrol como Patrimonio Mundial da Unesco e expresou o seu desexo de que a cidade logre este distintivo, que na provincia xa posúen a Torre de Hércules, a Cidade Vella de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.

Esa mesma xornada, o vicepresidente participou tamén na presentación de ‘Fisterra-Muxía: o Camiño que remata no mar’, que definiu como unha ruta xacobea marítima que cómpre preservar e poñer en valor en tempos de turistificación; e acompañou o Concello de Santiago na presentación da campaña ‘Compostela é moito MICE’.

A segunda xornada estivo centrada na proposta da Deputación, coa presentación da campaña ‘Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña’. «Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», afirmou Regueira, ao tempo que reivindicou a potencialidade do astroturismo para un territorio que conta don dous Destinos Starlight.

Ao longo do día mantivo tamén un encontro con Alejandro Rubín Carballo, presidente da Asociación Internacional para a Cooperación e o Desenvolvemento Turísticos, e participou no acto dos Recoñecementos á Cooperación Turística Internacional 25, celebrado no pavillón de Perú, onde entregou o premio ao proxecto ‘Caminos Andinos’.

Na mesma xornada, o vicepresidente asistiu á presentación da campaña ‘Viaxe a través da historia dos sabores’, da Mancomunidade Barbanza Arousa, e interveu na presentación da Guía da paisaxe do Xeoparque Cabo Ortegal, onde anunciou que a Deputación reforzará en 2026 o apoio a novas iniciativas para seguir impulsando o desenvolvemento sustentábel, o turismo de calidade e o orgullo territorial.

Regueira participou tamén no acto de promoción de ‘Onde a terra fala e o ceo responde’, a nova campaña turística da CMAT, entidade que lle fixo entrega dunha peza de olaría de Buño como recoñecemento ao seu apoio e implicación coa Costa da Morte. A xornada pechouse coa presentación de ‘DesOrdes Xeodestino Mural’ e doutros proxectos da Mancomunidade de Ordes.

No terceiro e derradeiro día da parte de FITUR destinada a profesionais —durante a fin de semana abrirá para o público xeral—, Xosé Regueira participou na estrea da nova campaña da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, centrada nos produtos da terra e nas persoas que os fan posíbeis. Trátase dun relato que conecta directamente coa filosofía de ‘A paisaxe que sabe’ —a gran campaña provincial—, ao poñer no centro os produtores, hostaleiros, cociñeiros, guías e profesionais que constrúen identidade e valor desde o territorio.

Xosé Regueira convida a visitar a provincia da Coruña aproveitando o potencial do turismo vencellado á astronomía

A eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi a protagonista da proposta presentada pola Deputación da Coruña en FITUR
xoves, 22 Xaneiro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, presentou este xoves o gran proxecto turístico co que a institución acode esta semana á feira internacional FITUR, en Madrid. Trátase dunha proposta singular que toma como eixo central a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, pero acompañada dunha visión científica e dunha mensaxe que procura tanto atraer visitas como concienciar.

Xosé Regueira puxo en valor a capacidade de atraer visitas do turismo ligado á astronomía, o astroturismo. Fíxoo acompañado de voces autorizadas na materia, como a profesora da USC Begoña Nicolás, docente das áreas de Astronomía e Astrofísica; Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte; e José Romero, guía especializado en astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

O vicepresidente subliñou que a provincia da Coruña será un dos territorios de toda Europa onde mellor se poderá observar un fenómeno que non se vai repetir na nosa xeografía até dentro dun século, que cadrará tamén a poucos minutos da posta de sol, co que haberá practicamente dous ‘solpores’ consecutivos na mesma xornada.

Alén disto, lembrou que a cita cadrará co máximo da chuvia de estrelas das bágoas de San Lourenzo, previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto. «Esa noite non vai durmir ninguén», bromeu o responsábel provincial de Turismo.

Tanto Regueira como os demais relatores tamén incidiron na importancia de contar con espazos libres de contaminación lumínica para poder admirar este tipo de acontecementos na súa plenitude. Precisamente, a provincia ten dous xeodestinos coa consideración de Destinos Turísticos pola Fundación Starlight, como son A Costa da Morte e As Mariñas coruñesas.

O modelo diferencial da Deputación da Coruña

A eclipse foi a gran protagonista da campaña promocional da Deputación, que, con todo, acudiu a esta FITUR para defender tamén un modelo turístico diferente, onde a calidade prime sobre a cantidade e onde tamén se respecten tanto a identidade como a autenticidade dos territorios.

 

A Deputación da Coruña convidará en FITUR a gozar do espectáculo único da eclipse total de sol «na fin do mundo»

A presentación da Deputación na feira internacional terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, ás 11 horas, a cargo da astrofísica Begoña Nicolás
martes, 20 Xaneiro, 2026

A Deputación da Coruña volverá estar presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid do 21 ao 25 de xaneiro, cunha proposta propia integrada no espazo da Xunta de Galicia. A institución aproveitará este escaparate internacional para presentar unha iniciativa singular que sitúa a provincia como escenario idóneo para gozar dun acontecemento único: a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto.

O espazo estará situado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA, na parcela 9C07/9C09 1. A presentación da Área de Turismo da Deputación terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, ás 11 horas, co título «Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña», a cargo da astrofísica e profesora da Universidade de Santiago (USC) Begoña Nicolás Ávila.

Un fenómeno excepcional

A provincia da Coruña converterase o 12 de agosto de 2026 nun dos lugares privilexiados do mundo para observar un fenómeno astronómico excepcional: unha eclipse solar total. O evento terá lugar pouco antes do atardecer, polo que na mesma xornada, con pouco tempo de diferenza, o sol ocultarase dúas veces.

«Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», explica o vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira.

A provincia da Coruña conta con dous xeodestinos que están recoñecidos como Destinos Turísticos pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e As Mariñas. «Son dous territorios complementarios en que a calidade do ceo nocturno convive cun valioso patrimonio natural, cultural e histórico e ao alcance do visitante durante todo o ano», subliña Regueira.

Un territorio diverso cun modelo turístico versátil

A proposta que a Deputación da Coruña leva a FITUR encaixa cun modelo turístico «baseado na diversidade, na calidade e na competitividade», defende o vicepresidente da institución. A provincia posúe un territorio «versátil, capaz de xerar produtos turísticos para diferentes tipoloxías de visitantes», apoiándose nunha rede de oito xeodestinos complementarios e diferentes entre si: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo.

Este equilibrio entre turismo de costa, de interior, de natureza e vinculado aos Camiños de Santiago complétase cunha oferta urbana e patrimonial «de primeiro nivel», salienta Xosé Regueira.

Ademais da presentación específica sobre a eclipse solar total, a Deputación da Coruña levará a FITUR a Guía turística da provincia da Coruña, unha publicación dispoñíbel en edicións en galego e castelán. Trátase dun caderno lixeiro, con fotografías de gran calidade, que recolle información ampla sobre os principais recursos turísticos da provincia e ofrece consellos útiles para gozar ao máximo da experiencia de A provincia que sabe.

Regueira defende en Santiago a tapa como expresión da alta cociña e do produto de proximidade

A Deputación da Coruña apoia a celebración do XVII Santiago(é)Tapas, que nestes días desenvolve as probas de preselección con récord de participación
mércores, 14 Xaneiro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, fixo este mércores unha visita institucional á Aula Gastrocultural Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, onde se están a desenvolver as probas de preselección do certame Santiago(é)Tapas. Este veterano concurso, que promove e organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, celebra a súa décimo sétima edición do 19 de febreiro ao 8 de marzo.

Este ano concorren 48 locais —seis máis— e 73 tapas, a cifra máis alta desde que o concurso se celebra en febreiro, salientan desde a organización da emblemática cita gastronómica compostelá.

Na visita institucional, o vicepresidente estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a xerenta de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a xerenta da Praza de Abastos, Marta Rey; o director de Agacal, Martín Alemparte; e o coordinador do xurado técnico, o profesor do CIFP Compostela Xosé Quintáns. Tamén asistiron representantes doutras entidades e empresas que colaboran co certame.

Na súa intervención, o vicepresidente puxo en valor estes petiscos. «Temos que reivindicar a tapa, que non é un produto menor», apuntou, ao tempo que subliñou que experiencias como Santiago(é)Tapas demostran que este aperitivo «pode ser tamén un elemento de alta cociña co que poñer en valor toda a cadea enogastronómica e de distribución, o produto de proximidade; produto que vén das nosas hortas, dos nosos produtores e produtoras», subliñou.

Co apoio ao certame, a Deputación contribúe a reafirmar a idea de que a persoa que se achega a Galiza ou á provincia da Coruña para probar gastronomía «tamén proba identidade, historia, territorio». Así mesmo, salientou que os produtos galegos e o noso sector da restauración «son de primeira calidade e están ao nivel de calquera outro a nivel internacional».

Degustación e selección das tapas participantes

Os asistentes a este acto puideron probar a tapa de La Bodeguilla de Santa Marta, un dos locais que rexenta Javier Míguez, hostaleiro compostelán que nunca faltou á cita co Santiago(é)Tapas.

Entre os 48 locais presentarán, ata este venres na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, un total de 73 tapas —cinco máis ca o ano anterior—. Durante estes días o xurado técnico está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame. 

Luz verde á creación do comité de sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

O seu regulamento interno foi aprobado na recente asamblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal
venres, 2 Xaneiro, 2026

A Asemblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal aprobou o regulamento interno do Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e do Desenvolvemento Local, un acordo que permite activar un novo órgano estábel de gobernanza para o turismo no territorio. A creación deste comité enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, que ten como obxectivo o deseño e a posta en marcha dun produto turístico especializado no recentemente nomeado xeoparque mundial da UNESCO, apostando polo xeoturismo como eixo dunha estratexia de dinamización e desenvolvemento sustentábel.

O PSTD é froito do convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, que exerce como órgano executor dun proxecto composto por vinte e seis actuacións estruturadas arredor da transición verde e sostíbel, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a mellora da competitividade turística. O plan conta con financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Entre estas actuacións inclúese a implantación do sistema de indicadores turísticos ETIS e do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel, co fin de dotar o Xeoparque dun sistema estábel de gobernanza turística e de ferramentas técnicas que permitan mellorar a planificación, a avaliación do impacto da actividade turística e a toma de decisións estratéxicas.

A aprobación do regulamento do comité produciuse nunha reunión en decembro con participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, as alcaldesas e alcaldes dos sete concellos integrados no Xeoparque, así como o equipo técnico da Asociación para a Xestión do Xeoparque e da consultora Hidria, responsábel da asistencia técnica do proxecto.

Coa creación deste comité estabelécese un órgano permanente de seguimento da sostibilidade turística e do desenvolvemento local, que favorecerá a coordinación entre os distintos axentes do territorio e unha xestión colaborativa do turismo. Tras esta aprobación, o proxecto entra xa na súa fase operativa, coa posta en marcha do sistema de indicadores e o inicio do proceso de implantación do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel no Xeoparque Cabo Ortegal.

A Deputación da Coruña achega ‘A paisaxe que sabe’ ao Mercado da Estrela como escaparate do produto e do territorio

O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou o espazo da Deputación e destacou o papel da gastronomía como ferramenta de promoción territorial,
sábado, 20 Decembro, 2025

A Deputación da Coruña participa esta fin de semana no Mercado da Estrela de Santiago de Compostela cunha programación propia integrada baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’. O evento ten lugar en distintos espazos da cidade, concentrándose a oferta da institución provincial na praza 8 de Marzo e na praciña situada entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval.

O vicepresidente da institución e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, visitou este mediodía o espazo da Deputación, acompañado pola tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, e pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro.

Durante a visita, Regueira sinalou que ‘A paisaxe que sabe’ funciona como unha ferramenta para amosar, nun espazo urbano e aberto como o Mercado da Estrela, “a diversidade e a calidade do sector agroalimentario e artesanal” da provincia da Coruña. Indicou que a Deputación aposta por que a gastronomía “sexa tamén un instrumento de promoción do territorio”, capaz de conectar produto, paisaxe e saber facer.

O vicepresidente engadiu que a presenza neste evento reforza o compromiso cos proxectos que traballan desde o local, desde a proximidade e desde a identidade propia. Ao respecto, apuntou que, a través dos showcookings e da participación de profesionais da cociña galega, ponse de manifesto “como o produto de proximidade pode transformarse en propostas gastronómicas contemporáneas”.

Programación ampla

Os espazos da Deputación poden visitarse das 11 ás 21 horas, tanto o sábado coma o domingo. O autobús acolle demostracións culinarias dos chefs André Arzúa (Espazo Abella), Jorge Gago (A Maceta) e mais Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro).

Pola súa banda, a carpa de ‘A paisaxe que sabe’ conta tamén cunha ampla representación de proxectos agroalimentarios. As Camposeiras, Os Biosbardos, Vermú Lodeiros, Chichalovers, Galmesán, Cafés Aruba, Martietas de Fío, Galegas de Nata e Galuriña achegan ao público unha mostra diversa de produtos elaborados no territorio, con propostas que abranguen desde queixos e doces até cafés, empanadas, conservas e bebidas artesás.

Xunto á oferta agroalimentaria, a programación inclúe a participación de distintos proxectos artesáns: Rosa Isabel Rodríguez Vidal (Redeiras Artesás), María del Rosario Remo Casal (D Rositas), Ángel Miguel Gómez Bello (Devalo), Jorge Eiroa García (J. Eiroa Forxa), Iria García Pérez (Vacatola), Cecilia Machado (Moira Artesanía), Carlos Afonso Rubio Pita (O Carabel Ecocestos), Susana Anta López (Susana Anta Cerámica), Berta García Calderón (Na Mea Nani) e Sergio Picos Carballeira (Comeluz).

Puntos de interese