Que está a pasar?

Xosé Regueira: «No Salón Gourmets ponse de manifesto o tirón da gastronomía galega e a calidade do produto desta terra»

O vicepresidente provincial destaca o interese profesional xerado arredor do expositor coruñés e subliña o potencial da gastronomía da provincia como atractivo turístico
martes, 14 Abril, 2026

A Deputación da Coruña completou hoxe a primeira xornada da súa participación no 39.º Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta gama que se celebra ata o xoves no recinto feiral de Ifema, en Madrid, cun amplo programa de actividades orientadas á promoción do produto local e da gastronomía da provincia. Ao longo da xornada, o espazo da Deputación, baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’, acolleu diferentes propostas gastronómicas e divulgativas que permitiron amosar a diversidade e calidade da produción agroalimentaria coruñesa.

A programación arrincou cunha degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café, seguida do relatorio e cata de viños impartidos por Luís Paadín baixo o título ‘Betanzos: territorio branco lexítimo’.

Xa en horario de mediodía, Noelia Rodríguez, do restaurante Casa Peto (Outes), protagonizou dous showcookings nos que elaborou mexillón en escabeche ‘Leocadia’ e tosta de sardiña afumada de Portosín. Pola tarde foi a quenda do carballés Adrián Felípez, do restaurante Miga (A Coruña), que presentou elaboracións como peixe do día curado en auga de mar, sopa de xunco mariño e herbas do litoral escabechadas, e terrina de cabeza de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido.

A programación completouse con presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como cunha proposta de Chichalovers (Santiago) arredor do bocadillo de rixóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, valorou moi positivamente esta primeira xornada e destacou que «esta feira e a afluencia de público demostran o tirón da gastronomía galega e, sobre todo, do noso produto». Neste sentido, subliñou tamén o interese profesional xerado ao redor do espazo provincial, apuntando que foron numerosas as persoas vinculadas ao sector, especialmente da distribución, que se achegaron ao expositor da Deputación para coñecer de primeira man as propostas presentadas polas empresas que participan con ‘A paisaxe que sabe’.

Regueira puxo ademais en valor o labor desenvolvido polos chefs presentes nesta edición e salientou que «a parte de restauración que nos acompaña está facendo un traballo magnífico», xa que permite ao público profesional «ver o produto e probalo en fresco directamente da man dunha cociña de primeiro nivel». O vicepresidente destacou especialmente o papel de Noelia Rodríguez e Adrián Felípez, que ao longo desta xornada «están resaltando o produto, o territorio e as posibilidades da nosa gastronomía e da provincia como destino turístico».

Programación do martes

A Deputación da Coruña seguirá en Gourmets cunha intensa actividade o martes, mércores e xoves. Mañá volverá comezar cunha nova degustación de café de especialidade ás 11.00 horas e, ás 12.00, o relatorio e cata ‘Barbanza e Iria: a expresión do albariño’, tamén a cargo de Luís Paadín.

A partir das 13.00 horas repetiranse os showcookings de Noelia Rodríguez, mentres que Adrián Felípez ofrecerá novas creacións gastronómicas con pratos como guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo, e repolo estofado, sopa de berberechos e codium. A xornada pecharase coas degustacións de Gallegas de Nata, A Conserveira e Chichalovers.

A presenza da Deputación neste foro profesional internacional enmárcase na campaña ‘A paisaxe que sabe’, coa que a institución provincial promove os produtos agroalimentarios e a excelencia gastronómica da provincia como parte da identidade do territorio.

A Deputación destina preto de 800 000 euros para financiar o persoal de 54 oficinas de turismo

O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca este investimento
venres, 10 Abril, 2026

A Deputación da Coruña concedeu definitivamente o programa de subvencións DP0029/2026. Esta liña de axudas, impulsada polo Servizo de Promoción e Desenvolvemento Turístico, permitirá que un total de 54 concellos e agrupacións locais da provincia conten con financiamento para sufragar os gastos de persoal das súas oficinas de turismo durante o presente exercicio.

O investimento total mobilizado pola institución provincial ascende a 795 217,43 euros. Estas axudas están destinadas especificamente a municipios de menos de 50 000 habitantes, asegurando que as localidades con menores recursos poidan ofrecer un servizo de atención ao visitante de calidade e profesional.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destaca que este investimento «é clave para consolidar a provincia como un destino turístico sustentábel e ben xestionado». Segundo Regueira, «o persoal técnico das oficinas é o primeiro contacto que o viaxeiro ten co noso territorio; o seu traballo é fundamental para poñer en valor o patrimonio, a gastronomía e a paisaxe dos nosos concellos».

«O programa de subvencións responde a un compromiso coa equidade territorial, explica o vicepresidente. Isto é «especialmente importante nos concellos máis pequenos», que poderán «manter equipos cualificados sen comprometer os seus orzamentos», abunda.

As subvencións cobren desde a contratación directa de técnicos ata a externalización de servizos de información, garantindo que os puntos de atención —moitos deles situados en enclaves estratéxicos como o Camiño de Santiago, as Fragas do Eume ou a Costa da Morte— permanezan operativos e atendidos por profesionais.

A Deputación leva ao 39.º Salón Gourmets unha programación con máis de trinta actividades para promocionar ‘A paisaxe que sabe’

A participación neste evento permite «dar visibilidade ao traballo das produtoras e produtores locais e abrir novas oportunidades comerciais», sinala o vicepresidente, Xosé Regueira
luns, 13 Abril, 2026

A Deputación da Coruña participa na 39.ª edición do Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta calidade, coa súa iniciativa ‘A paisaxe que sabe’. Será a segunda presenza da institución provincial neste evento, que se celebra entre o luns 13 e o xoves 16 de abril. A institución contará cun posto propio situado no pavillón 7 do recinto feiral Ifema, en Madrid.

No seu espazo, a Deputación desenvolverá un amplo programa con máis de trinta actividades ao longo dos catro días do evento, no que se combinan demonstracións culinarias, relatorios, catas e degustacións a cargo de profesionais e empresas da provincia.

A programación estrutúrase ao redor da campaña ‘A paisaxe que sabe’, coa que a institución pon o foco nos elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía da provincia e reforza a súa aposta por un modelo turístico de calidade, sustentable desde o punto de vista social, económico e ambiental.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, sinala que a participación neste foro responde á aposta da institución polo sector agroalimentario da provincia e destaca que permite «dar visibilidade ao traballo das produtoras e produtores locais e abrir novas oportunidades comerciais». Neste sentido, subliña que se trata tamén dun «espazo clave» para reforzar o posicionamento da provincia nun ámbito profesional de primeiro nivel.

Neste sentido, os produtores e produtoras que participan ao abeiro da marca ‘A paisaxe que sabe’ teñen a oportunidade «non só de dar a coñecer o seu traballo, senón tamén de xerar negocio e establecer contactos que contribúan ao seu crecemento», apunta o vicepresidente.

Xosé Regueira engade que a presenza da Deputación inclúe tamén a participación de chefs de referencia que elaboran propostas gastronómicas con produtos do territorio, o que permite «poñer en valor a cadea agroalimentaria da provincia e amosar ante un público profesional todo o que este territorio é capaz de ofrecer».

Ampla variedade da produción da provincia

Neste escaparate internacional, dirixido exclusivamente a profesionais do sector, terán presenza destacada produtoras e produtores da provincia como A Conserveira (Ribeira), Enoturismo María Manuela (Boqueixón), Cafés Aruba (A Coruña), Gallegas de Nata (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago), Chichalovers (Santiago), La Despensa d’Lujo (Coristanco), Empanadas Ternura (A Coruña), Lenatt Food (A Coruña) e Casa da Avoa (Outes).

Pola súa banda, a representación gastronómica contará con chefs de referencia da provincia como Noelia Rodríguez (Casa Peto, Outes), Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Juan Crujeiras (Bido, A Coruña) e Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña, unha estrela Michelin), que ofrecerán distintas elaboracións en formato showcooking.

O programa inclúe tamén relatorios e catas de viño a cargo do sumiller Luís Paadín, centradas en diferentes territorios e tipoloxías vitivinícolas da provincia, así como presentacións e degustacións de produtos, entre elas propostas de pastelería, conservas e bocadillos de autor.

Ao longo das xornadas repetiranse actividades como cafés de especialidade, catas comentadas e degustacións maridadas, configurando unha proposta que combina tradición, innovación e produto local.

A Deputación reafirma na XLIV Exaltación do Viño da Ulla a súa aposta pola promoción do sector vitivinícola coruñés

O vicepresidente, Xosé Regueira, afirma que «queremos seguir dando visibilidade a un produto que forma parte da nosa cultura e que ten un enorme potencial como xerador de riqueza e oportunidades para o territorio»
sábado, 11 Abril, 2026

A Deputación da Coruña participa esta fin de semana na programación da XLIV Exaltación do Viño da Ulla coa organización dunha demostración culinaria incluída na súa campaña 'A paisaxe que sabe'. A actividade celebrouse este sábado e consistiu nun showcooking con tres pases a cargo do chef André de Arzúa, de Espazo Abella.

As demostracións de Arzúa tiveron lugar ás 18:30, 19:30 e 20:30 horas, e incluíron harmonización con viños da subzona Ribeira do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Durante a actividade, o cociñeiro elaborou un lingote meloso de tenreira galega con maionesa de chipotle e risoto de shiitake, así como unha torta de queixo de Arzúa con crumble de mazá e marmelada de arandos.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca que «o viño da Ulla representa á perfección esa unión entre territorio, tradición e excelencia pola que apostamos desde a Deputación» e subliña que «promover este sector é tamén apoiar o rural, a paisaxe, a gastronomía e a identidade propia da nosa provincia».

Regueira afirma ademais que «queremos seguir dando visibilidade a un produto que forma parte da nosa cultura e que ten un enorme potencial como xerador de riqueza e oportunidades para o territorio».

Ao respecto, cómpre lembrar que —hai pouco máis dun ano— a área de Turismo presentou a páxina web viñosdacoruña.gal, un espazo divulgativo dedicado aos viños da provincia que inclúe tamén información específica sobre os caldos da Ribeira do Ulla.

O Xeoparque Cabo Ortegal pon en marcha o proceso de adhesión de empresas e produtores da zona á súa marca agroalimentaria KB0 Ortegal

A iniciativa enmárcase na estratexia de desenvolvemento territorial do Xeoparque e no Plan de Sostibilidade Turística en Destino
xoves, 9 Abril, 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal vén de iniciar o proceso de adhesión á marca agroalimentaria KB0 Ortegal, que busca visibilizar os produtos da zona e xerar novas oportunidades que contribúan a fomentar a actividade económica do territorio e á xeración de emprego. Os requisitos para sumarse a este selo identificativo déronse a coñecer hoxe nunha xornada á que asistiron empresas e produtores da zona, e que foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque, Alberto Rey, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.

KB0 Ortegal é unha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, á que poden adherirse produtores e empresas dos sete concellos que integran o Xeoparque, dedicadas á obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou do mar, así como ao envasado, elaboración, procesado e comercialización de produtos de alimentación. Este proxecto está sufragado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - Next Generation EU.

Un selo para impulsar o tecido empresarial local

Para a súa incorporación á marca, os operadores interesados deberán cumprir cunha serie de requisitos obrigatorios, acreditando que producen, transforman ou comercializan nalgún dos sete concellos do destino. Así mesmo, o proceso de adhesión contempla unha batería de requisitos avaliables, dos cales será preciso cumprir cunha porcentaxe. Entre outras cuestións valorarase a vinculación co territorio, a aposta polo produto de proximidade, a aplicación de criterios de calidade, seguridade alimentaria e sostibilidade na operativa diaria e o compromiso co Xeoparque.

Unha iniciativa enmarcada na estratexia de desenvolvemento do territorio

O vicepresidente da Deputación da Coruña puxo en valor a importancia para Cabo Ortegal de contar cunha marca internacional como a do Xeoparque Mundial da Unesco, resultado dun proceso de investimento e planificación estratéxica no territorio. “Despois de investir en torno a 1,5 millóns de euros para a proxección dese territorio baixo o paraugas do Xeoparque”, explicou, trátase agora de “consolidar ese traballo e traducilo en oportunidades reais para a xente que vive aquí”.

Neste sentido, subliñou que este impulso debe entenderse tamén desde o sistema produtivo, que cualificou “de primeira orde”, e que conta con infraestruturas como A Fusquenlla, “que permiten dar servizo ao sistema produtivo agrario para a transformación e o envasado dos produtos, reforzando así a cadea de valor”.

“Temos unha marca e agora é necesario que o sistema produtivo se acolla a ela e se sirva dela para posicionar produto e economía no ámbito do turismo enogastronómico”.

No encontro déronse a coñecer outros casos de éxito vinculados a marcas agroalimentarias ou clubs de produto implantados noutros territorios. Así, compareceron como relatoras convidadas Clara Rey, do equipo técnico do club de produto Galicia Destino Sostible, e Eva Gil, directora de proxectos do Grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste. Nas súas intervencións destacaron o potencial deste tipo de marcas como elementos de vertebración da oferta e incidiron no papel do sector primario como motor de desenvolvemento local.

Esta xornada, celebrada no Auditorio de Cedeira, supón o arranque operativo de KB0 Ortegal, un paso máis na estratexia de posicionamento do Xeoparque, que busca poñer en valor os seus recursos naturais, culturais e gastronómicos para impulsar un modelo que integra turismo, produción local e sostibilidade.

A Deputación exhibe en Alimentaria a cadea de valor enogastronómica e o modelo de turismo sustentábel que impulsa a institución

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira participará nesta cita en dúas mesas redondas sobre gastronomía e turismo sustentábel
mércores, 25 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa esta semana nunha nova edición de Alimentaria, o encontro internacional de referencia para os profesionais da industria do sector e que se organiza cada dous anos en Barcelona, cunha destacada presenza institucional e da cadea de valor enogastronómica da provincia. Neste marco, o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará mañá, xoves 26 de marzo, en dúas mesas redondas nas que se abordará o papel da gastronomía como motor económico e turístico, así como os retos do modelo sustentábel baseado no produto local.

Ambas as dúas sesións organízanse no contexto da Gran Final do Concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano, que se celebra tamén ese mesmo día, nun certame co que a provincia da Coruña xa mantén vínculos, tras acoller o pasado ano unha das súas semifinais a través dun acordo coa Deputación.

A primeira das intervencións terá lugar ás 11:30 horas, baixo o título ‘A Coruña provincia, A paisaxe que sabe: territorio enogastronómico’, un espazo centrado na identidade dos produtos e na súa vinculación co territorio. Nesta mesa, na que tamén participarán representantes da cadea enogastronómica galega como A Conserveira (Ribeira), Galmesán (Arzúa) ou Despensa D’Lujo (Coristanco), porase en valor a calidade e singularidade dos produtos da provincia, así como o traballo conxunto entre o sector produtor e a administración para a súa promoción dentro e fóra de Galiza.

Durante o debate, Regueira abordará as liñas de apoio impulsadas desde a Deputación para posicionar os produtos da provincia nos mercados estatal e internacional, nun contexto no que a gastronomía se consolida como un dos principais elementos de diferenciación territorial e de xeración de valor engadido.

A continuación, ás 12:00 horas, o vicepresidente participará na mesa ‘Turismo gastronómico: impacto na cidade dun turismo sustentábel’, na que compartirá reflexións con representantes institucionais doutras administracións sobre o papel da gastronomía nas estratexias turísticas. O encontro permitirá afondar en cuestións como a capacidade da oferta gastronómica para atraer visitantes, o papel dos eventos e da restauración na promoción dos destinos e a importancia de avanzar cara a modelos turísticos máis sostíbeis e vinculados ao produto de proximidade.

A participación da Deputación da Coruña en Alimentaria encádrase na súa aposta pola promoción da provincia como destino enogastronómico de calidade, baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’, que pon en relación produto, territorio e identidade como elementos clave para un desenvolvemento turístico equilibrado e positivo para o territorio.

Regueira salienta a tradición conserveira de Barbanza Arousa como eixo do turismo industrial

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da institución provincial afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa
luns, 23 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Coma en edicións anteriores, a Área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, leva a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística. No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentou hoxe a proposta titulada ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da Deputación da Coruña afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social. A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Barbanza e Iria.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega». Neste senso, reivindicou o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».

Durante a súa intervención, Regueira explicou que a proposta presentada en B-Travel inclúe o proxecto do centro de interpretación da conserva de Barbanza Arousa e destacou o papel histórico desta industria no conxunto do litoral galego. Así, lembrou que a tradición conserveira está presente ao longo de toda a costa e puxo en valor a súa orixe, ligada en boa medida á chegada de industriais cataláns, aos que posteriormente se sumaron maragatos e portugueses, configurando un sector que se foi expandindo e diversificando co paso do tempo.

«Hai unha tradición asentada desde hai moitos séculos e viñemos contar un relato que tamén conecta con Cataluña, onde estamos hoxe, xa que a nosa industria conserveira chegou a Galiza da man, sobre todo, dos cataláns», explicou Regueira, quen engadiu que «buscamos na gastronomía o primeiro leitmotiv para convidar a visitar Galiza e falar de industria, pero tamén da relación co territorio e da necesidade de reivindicar un turismo de calidade, baseado na nosa identidade e na excelencia das experiencias que podemos ofrecer».

A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.

Regueira destaca Santiago(é)Tapas como ferramenta para desestacionalizar o turismo e poñer en valor o produto local e o talento da hostalaría

O vicepresidente provincial participou na entrega do Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa
luns, 16 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participou este luns no acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas, celebrado na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, no que se recoñeceu o talento e a creatividade dos establecementos participantes nun certame consolidado como unha das grandes citas gastronómicas da cidade. O vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, participou no acto institucional do concurso, que organiza Turismo de Santiago e no que a Deputación da Coruña é principal colaboradora. Na súa intervención, destacou o valor estratéxico dunha iniciativa que contribúe a dinamizar o sector hostaleiro e a reforzar a proxección gastronómica do territorio.

Regueira subliñou que Santiago(é)Tapas é «un evento cun gran valor estratéxico, que leva anos demostrando que a gastronomía é unha das mellores portas de entrada para descubrir o territorio». Neste sentido, sinalou que o certame «non só dinamiza o sector hostaleiro nun mes clave, senón que tamén proxecta a imaxe de Santiago como un destino gastronómico de vangarda e calidade e serve de plataforma para exhibir o enorme talento que temos nos fogóns do noso territorio».

O vicepresidente provincial puxo tamén en valor a tapa como formato culinario capaz de expresar a excelencia da gastronomía galega. «Temos que reivindicar a tapa non é un produto menor; todo o contrario, pode ser tamén unha expresión da alta cociña coa que poñer en valor o produto de proximidade e toda a cadea enogastronómica que hai detrás», subliñou.

Premio Deputación á ‘Mellor tapa creativa’

A principal novidade desta edición foi que o galardón principal do certame incorporou por primeira vez o nome da institución provincial. Por este motivo, a alcaldesa de Santiago chamou ao vicepresidente provincial ao escenario para facer entrega conxunta do Premio Deputación da Coruña á ‘Mellor tapa creativa’, no transcurso do acto celebrado no Auditorio de Galiza.

O concurso confirmou nesta edición o seu éxito de participación e consumo, superando as 33 000 tapas vendidas, un 10 % máis ca no ano anterior e por riba das máis de 30 000 rexistradas en 2025 e das 25 000 contabilizadas en 2024. Estes datos reafirman o papel do evento como unha ferramenta eficaz para fomentar o consumo durante a temporada baixa e avanzar cara a un modelo turístico máis desestacionalizado.

Xosé Regueira pon en valor o impulso da Feira do Queixo de Moeche como motor económico e social para a comarca

«Concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou Regueira
martes, 10 Marzo, 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este martes na presentación da VIII Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o próximo domingo, 15 de marzo. No acto estivo acompañado pola deputada de Plans Provinciais, Cristina García —concelleira no municipio—, e pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Na súa intervención, salientou o papel destes eventos na dinamización económica e social do territorio, especialmente en concellos de pequeno tamaño, con influencia tanto na produción agrogandeira como na hostalaría.

«Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», insistiu o vicepresidente da Deputación.

Xosé Regueira puxo en valor o esforzo do Concello por consolidar ao longo dos anos unha cita que, segundo subliñou, ten un impacto que vai máis alá da propia feira. «Hai concellos que teñen enormes orzamentos, pero que non son capaces de emprender ou que non se atreven a emprender retos como o que emprende o concello de Moeche mantendo cada ano unha Feira do Queixo tan importante coma esta, mellorando en cada edición», afirmou.

Apoio da Deputación da Coruña

O vicepresidente lembrou que a Deputación leva anos apoiando a feira e que nesta edición se dá «un paso máis». Neste sentido, indicou que «a Deputación leva apoiando esta feira desde hai moito tempo, e este ano damos un pasiño máis, pois ademais do apoio económico a través da liña de subvencións, pedímoslle ao Concello a posibilidade de estar na feira co noso mercado de artesanía agroalimentaria».

Esta iniciativa permitirá, na súa opinión, que outros produtores da provincia participen e coñezan de primeira man o funcionamento dun evento que se consolidou como referente ao redor do queixo e doutros produtos de calidade. O vicepresidente engadiu que «a feira está escalando e a Deputación o que vai intentar é darlle, ademais, soporte ao resto da cadea de valor da enogastronomía que traballa habitualmente connosco, para que se sirva tamén da cantidade de xente que se vai achegar durante estas dúas xornadas ao recinto feiral de Moeche».

Variada programación

A programación desenvolverase durante toda a fin de semana con propostas para todos os públicos. Haberá postos de venda de queixos e produtos artesáns, actuacións musicais, obradoiros, catas comentadas, actividades infantís, visitas guiadas e sorteos de produtos. No espazo do Mercado da Deputación organizaranse tamén varias mostras de cociña a cargo do chef Adnré Azúa —ás 11:30, 12:30 e 13:30 horas—. Ademais, o grupo De Ninghures oferecerá un concerto, tamén financiado pola Deputación, ás 19:30.

A Deputación da Coruña pecha con satisfacción a primeira participación en HIP destacando a boa acollida do público profesional e a apertura de vías de negocio

Restaurantes e produtores de Bergantiños, Barbanza, Compostela, Ferrolterra, Arzúa e A Coruña exhibiron o potencial enogastronómico da provincia durante os tres días da feira
venres, 20 Febreiro, 2026

A Deputación da Coruña despide hoxe a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo con evidente satisfacción tras tres xornadas de intensa actividade no posto provincial baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’. Este ano foi a primeira participación da institución nesta feira profesional, que tivo lugar no IFEMA madrileño, e onde se sucederon demostracións culinarias, presentacións de produto e obradoiros de harmonías que puxeron en valor a cadea de valor enogastronómica da provincia.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que «a valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva». Neste sentido, destaca que «así o indican tanto a afluencia ao noso posto, como o interese amosado polo público e as propias impresións do sector enogastronómico que nos acompañou nestes tres días».

Regueira incide no perfil profesional das persoas asistentes e asegura que «a xente que se achega a nós son visitantes profesionais, son persoas interesadas en abrir vías de negocio. Coa calidade do produto que temos e co sector tan altamente profesional como hai na provincia da Coruña, coido que o éxito está asegurado». O vicepresidente engade que agora cómpre dar unha marxe de tempo, polo menos dun mes ou mes e medio, para comprobar se os contactos establecidos se traducen en oportunidades reais de mercado.

A xornada de hoxe estivo protagonizada polos dous obradoiros ofrecidos polo chef carballés Adrián Felípez, á fronte do restaurante Miga (A Coruña). O cociñeiro elaborou unha terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido, así como unha albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra, propostas que volveron atraer numeroso público profesional ao posto da Deputación.

Entre ambas as demostracións, o sumiller Alejandro Paadín conduciu un obradoiro de harmonías centrado nos viños da subzona Ribeiras Coruñesas do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas, acompañados de queixo Galmesán (Arzúa) e patacas fritidas Bonilla a la Vista (A Coruña). A despedida do evento completouse coa presentación e degustación de mexillón afumado da Conserveira (Ribeira), maridado con Vermut Lodeiros (Santiago).

Ao longo dos tres días participaron restaurantes de referencia como Illas Gabeiras, de Ferrol; As Garzas, de Barizo, en Malpica de Bergantiños; e o xa mencionado Miga, que amosaron a capacidade creativa da cociña atlántica e a reinterpretación contemporánea do produto de proximidade. Xunto a eles, produtores e comercializadores de diferentes comarcas contribuíron a ofrecer unha visión ampla e diversa do potencial enogastronómico coruñés.

Empresas como Martietas de Fío, de Bergondo; Empanadas Ternura, da Coruña; La Despensa D’Lujo, de Coristanco; A Conserveira, de Ribeira; Cien por Cel e Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela; Galmesán, de Arzúa; ou Bonilla a la Vista, da Coruña, participaron nas distintas sesións.

Con esta primeira participación en HIP, a Deputación da Coruña consolida a súa aposta pola promoción conxunta do produto, da transformación e da restauración baixo unha estratexia común de marca, proxectando a imaxe dunha provincia que combina excelencia, identidade territorial e capacidade empresarial para competir nos mercados profesionais.

Puntos de interese