Que está a pasar?

A Deputación da Coruña despide unha nova edición de FITUR apostar pola proxección internacional da provincia e defender un modelo turístico que respecte a identidade

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou ao longo das tres xornadas profesionais en presentacións de proxectos propios, campañas dos xeodestinos e iniciativas de cooperación turística
venres, 23 Xaneiro, 2026

A Deputación da Coruña despídese da Feira Internacional de Turismo (FITUR) tras defender nesta cita un modelo turístico diverso, sustentábel e competitivo, que ao mesmo tempo preserve a identidade e autenticidade dos territorios. Nesta edición, a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi o principal reclamo súa proposta, mais tamén o apoio firme aos xeodestinos, ás mancomunidades e a proxectos estratéxicos do territorio.

O vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, desenvolveu ao longo das tres xornadas profesionais da feira unha intensa axenda institucional coa presentación da súa propia campaña, mais tamén xuntanzas sectoriais ou participación en actos promovidos por entidades e administracións coas que colabora.

Na primeira xornada de FITUR, Regueira interveu na presentación das tres probas da World Surf League que se celebrarán este ano na provincia, eventos que sitúan A Coruña na elite do surf mundial. O vicepresidente participou tamén nos actos vinculados ao xeodestino Ferrolterra, no que a Deputación xestiona tres Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD): Fragas do Eume, Xeoparque Cabo Ortegal e Patrimonio de Ferrol e Baterías de Costa. Nese contexto, lembrou o apoio da institución ao recoñecemento de Ferrol como Patrimonio Mundial da Unesco e expresou o seu desexo de que a cidade logre este distintivo, que na provincia xa posúen a Torre de Hércules, a Cidade Vella de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.

Esa mesma xornada, o vicepresidente participou tamén na presentación de ‘Fisterra-Muxía: o Camiño que remata no mar’, que definiu como unha ruta xacobea marítima que cómpre preservar e poñer en valor en tempos de turistificación; e acompañou o Concello de Santiago na presentación da campaña ‘Compostela é moito MICE’.

A segunda xornada estivo centrada na proposta da Deputación, coa presentación da campaña ‘Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña’. «Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», afirmou Regueira, ao tempo que reivindicou a potencialidade do astroturismo para un territorio que conta don dous Destinos Starlight.

Ao longo do día mantivo tamén un encontro con Alejandro Rubín Carballo, presidente da Asociación Internacional para a Cooperación e o Desenvolvemento Turísticos, e participou no acto dos Recoñecementos á Cooperación Turística Internacional 25, celebrado no pavillón de Perú, onde entregou o premio ao proxecto ‘Caminos Andinos’.

Na mesma xornada, o vicepresidente asistiu á presentación da campaña ‘Viaxe a través da historia dos sabores’, da Mancomunidade Barbanza Arousa, e interveu na presentación da Guía da paisaxe do Xeoparque Cabo Ortegal, onde anunciou que a Deputación reforzará en 2026 o apoio a novas iniciativas para seguir impulsando o desenvolvemento sustentábel, o turismo de calidade e o orgullo territorial.

Regueira participou tamén no acto de promoción de ‘Onde a terra fala e o ceo responde’, a nova campaña turística da CMAT, entidade que lle fixo entrega dunha peza de olaría de Buño como recoñecemento ao seu apoio e implicación coa Costa da Morte. A xornada pechouse coa presentación de ‘DesOrdes Xeodestino Mural’ e doutros proxectos da Mancomunidade de Ordes.

No terceiro e derradeiro día da parte de FITUR destinada a profesionais —durante a fin de semana abrirá para o público xeral—, Xosé Regueira participou na estrea da nova campaña da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, centrada nos produtos da terra e nas persoas que os fan posíbeis. Trátase dun relato que conecta directamente coa filosofía de ‘A paisaxe que sabe’ —a gran campaña provincial—, ao poñer no centro os produtores, hostaleiros, cociñeiros, guías e profesionais que constrúen identidade e valor desde o territorio.

Xosé Regueira convida a visitar a provincia da Coruña aproveitando o potencial do turismo vencellado á astronomía

A eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi a protagonista da proposta presentada pola Deputación da Coruña en FITUR
xoves, 22 Xaneiro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, presentou este xoves o gran proxecto turístico co que a institución acode esta semana á feira internacional FITUR, en Madrid. Trátase dunha proposta singular que toma como eixo central a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, pero acompañada dunha visión científica e dunha mensaxe que procura tanto atraer visitas como concienciar.

Xosé Regueira puxo en valor a capacidade de atraer visitas do turismo ligado á astronomía, o astroturismo. Fíxoo acompañado de voces autorizadas na materia, como a profesora da USC Begoña Nicolás, docente das áreas de Astronomía e Astrofísica; Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte; e José Romero, guía especializado en astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

O vicepresidente subliñou que a provincia da Coruña será un dos territorios de toda Europa onde mellor se poderá observar un fenómeno que non se vai repetir na nosa xeografía até dentro dun século, que cadrará tamén a poucos minutos da posta de sol, co que haberá practicamente dous ‘solpores’ consecutivos na mesma xornada.

Alén disto, lembrou que a cita cadrará co máximo da chuvia de estrelas das bágoas de San Lourenzo, previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto. «Esa noite non vai durmir ninguén», bromeu o responsábel provincial de Turismo.

Tanto Regueira como os demais relatores tamén incidiron na importancia de contar con espazos libres de contaminación lumínica para poder admirar este tipo de acontecementos na súa plenitude. Precisamente, a provincia ten dous xeodestinos coa consideración de Destinos Turísticos pola Fundación Starlight, como son A Costa da Morte e As Mariñas coruñesas.

O modelo diferencial da Deputación da Coruña

A eclipse foi a gran protagonista da campaña promocional da Deputación, que, con todo, acudiu a esta FITUR para defender tamén un modelo turístico diferente, onde a calidade prime sobre a cantidade e onde tamén se respecten tanto a identidade como a autenticidade dos territorios.

 

A Deputación da Coruña convidará en FITUR a gozar do espectáculo único da eclipse total de sol «na fin do mundo»

A presentación da Deputación na feira internacional terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, ás 11 horas, a cargo da astrofísica Begoña Nicolás
martes, 20 Xaneiro, 2026

A Deputación da Coruña volverá estar presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid do 21 ao 25 de xaneiro, cunha proposta propia integrada no espazo da Xunta de Galicia. A institución aproveitará este escaparate internacional para presentar unha iniciativa singular que sitúa a provincia como escenario idóneo para gozar dun acontecemento único: a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto.

O espazo estará situado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA, na parcela 9C07/9C09 1. A presentación da Área de Turismo da Deputación terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, ás 11 horas, co título «Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña», a cargo da astrofísica e profesora da Universidade de Santiago (USC) Begoña Nicolás Ávila.

Un fenómeno excepcional

A provincia da Coruña converterase o 12 de agosto de 2026 nun dos lugares privilexiados do mundo para observar un fenómeno astronómico excepcional: unha eclipse solar total. O evento terá lugar pouco antes do atardecer, polo que na mesma xornada, con pouco tempo de diferenza, o sol ocultarase dúas veces.

«Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», explica o vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira.

A provincia da Coruña conta con dous xeodestinos que están recoñecidos como Destinos Turísticos pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e As Mariñas. «Son dous territorios complementarios en que a calidade do ceo nocturno convive cun valioso patrimonio natural, cultural e histórico e ao alcance do visitante durante todo o ano», subliña Regueira.

Un territorio diverso cun modelo turístico versátil

A proposta que a Deputación da Coruña leva a FITUR encaixa cun modelo turístico «baseado na diversidade, na calidade e na competitividade», defende o vicepresidente da institución. A provincia posúe un territorio «versátil, capaz de xerar produtos turísticos para diferentes tipoloxías de visitantes», apoiándose nunha rede de oito xeodestinos complementarios e diferentes entre si: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo.

Este equilibrio entre turismo de costa, de interior, de natureza e vinculado aos Camiños de Santiago complétase cunha oferta urbana e patrimonial «de primeiro nivel», salienta Xosé Regueira.

Ademais da presentación específica sobre a eclipse solar total, a Deputación da Coruña levará a FITUR a Guía turística da provincia da Coruña, unha publicación dispoñíbel en edicións en galego e castelán. Trátase dun caderno lixeiro, con fotografías de gran calidade, que recolle información ampla sobre os principais recursos turísticos da provincia e ofrece consellos útiles para gozar ao máximo da experiencia de A provincia que sabe.

Regueira defende en Santiago a tapa como expresión da alta cociña e do produto de proximidade

A Deputación da Coruña apoia a celebración do XVII Santiago(é)Tapas, que nestes días desenvolve as probas de preselección con récord de participación
mércores, 14 Xaneiro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, fixo este mércores unha visita institucional á Aula Gastrocultural Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, onde se están a desenvolver as probas de preselección do certame Santiago(é)Tapas. Este veterano concurso, que promove e organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, celebra a súa décimo sétima edición do 19 de febreiro ao 8 de marzo.

Este ano concorren 48 locais —seis máis— e 73 tapas, a cifra máis alta desde que o concurso se celebra en febreiro, salientan desde a organización da emblemática cita gastronómica compostelá.

Na visita institucional, o vicepresidente estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a xerenta de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a xerenta da Praza de Abastos, Marta Rey; o director de Agacal, Martín Alemparte; e o coordinador do xurado técnico, o profesor do CIFP Compostela Xosé Quintáns. Tamén asistiron representantes doutras entidades e empresas que colaboran co certame.

Na súa intervención, o vicepresidente puxo en valor estes petiscos. «Temos que reivindicar a tapa, que non é un produto menor», apuntou, ao tempo que subliñou que experiencias como Santiago(é)Tapas demostran que este aperitivo «pode ser tamén un elemento de alta cociña co que poñer en valor toda a cadea enogastronómica e de distribución, o produto de proximidade; produto que vén das nosas hortas, dos nosos produtores e produtoras», subliñou.

Co apoio ao certame, a Deputación contribúe a reafirmar a idea de que a persoa que se achega a Galiza ou á provincia da Coruña para probar gastronomía «tamén proba identidade, historia, territorio». Así mesmo, salientou que os produtos galegos e o noso sector da restauración «son de primeira calidade e están ao nivel de calquera outro a nivel internacional».

Degustación e selección das tapas participantes

Os asistentes a este acto puideron probar a tapa de La Bodeguilla de Santa Marta, un dos locais que rexenta Javier Míguez, hostaleiro compostelán que nunca faltou á cita co Santiago(é)Tapas.

Entre os 48 locais presentarán, ata este venres na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, un total de 73 tapas —cinco máis ca o ano anterior—. Durante estes días o xurado técnico está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame. 

Luz verde á creación do comité de sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

O seu regulamento interno foi aprobado na recente asamblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal
venres, 2 Xaneiro, 2026

A Asemblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal aprobou o regulamento interno do Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e do Desenvolvemento Local, un acordo que permite activar un novo órgano estábel de gobernanza para o turismo no territorio. A creación deste comité enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, que ten como obxectivo o deseño e a posta en marcha dun produto turístico especializado no recentemente nomeado xeoparque mundial da UNESCO, apostando polo xeoturismo como eixo dunha estratexia de dinamización e desenvolvemento sustentábel.

O PSTD é froito do convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, que exerce como órgano executor dun proxecto composto por vinte e seis actuacións estruturadas arredor da transición verde e sostíbel, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a mellora da competitividade turística. O plan conta con financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Entre estas actuacións inclúese a implantación do sistema de indicadores turísticos ETIS e do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel, co fin de dotar o Xeoparque dun sistema estábel de gobernanza turística e de ferramentas técnicas que permitan mellorar a planificación, a avaliación do impacto da actividade turística e a toma de decisións estratéxicas.

A aprobación do regulamento do comité produciuse nunha reunión en decembro con participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, as alcaldesas e alcaldes dos sete concellos integrados no Xeoparque, así como o equipo técnico da Asociación para a Xestión do Xeoparque e da consultora Hidria, responsábel da asistencia técnica do proxecto.

Coa creación deste comité estabelécese un órgano permanente de seguimento da sostibilidade turística e do desenvolvemento local, que favorecerá a coordinación entre os distintos axentes do territorio e unha xestión colaborativa do turismo. Tras esta aprobación, o proxecto entra xa na súa fase operativa, coa posta en marcha do sistema de indicadores e o inicio do proceso de implantación do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel no Xeoparque Cabo Ortegal.

A Deputación da Coruña achega ‘A paisaxe que sabe’ ao Mercado da Estrela como escaparate do produto e do territorio

O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou o espazo da Deputación e destacou o papel da gastronomía como ferramenta de promoción territorial,
sábado, 20 Decembro, 2025

A Deputación da Coruña participa esta fin de semana no Mercado da Estrela de Santiago de Compostela cunha programación propia integrada baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’. O evento ten lugar en distintos espazos da cidade, concentrándose a oferta da institución provincial na praza 8 de Marzo e na praciña situada entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval.

O vicepresidente da institución e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, visitou este mediodía o espazo da Deputación, acompañado pola tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, e pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro.

Durante a visita, Regueira sinalou que ‘A paisaxe que sabe’ funciona como unha ferramenta para amosar, nun espazo urbano e aberto como o Mercado da Estrela, “a diversidade e a calidade do sector agroalimentario e artesanal” da provincia da Coruña. Indicou que a Deputación aposta por que a gastronomía “sexa tamén un instrumento de promoción do territorio”, capaz de conectar produto, paisaxe e saber facer.

O vicepresidente engadiu que a presenza neste evento reforza o compromiso cos proxectos que traballan desde o local, desde a proximidade e desde a identidade propia. Ao respecto, apuntou que, a través dos showcookings e da participación de profesionais da cociña galega, ponse de manifesto “como o produto de proximidade pode transformarse en propostas gastronómicas contemporáneas”.

Programación ampla

Os espazos da Deputación poden visitarse das 11 ás 21 horas, tanto o sábado coma o domingo. O autobús acolle demostracións culinarias dos chefs André Arzúa (Espazo Abella), Jorge Gago (A Maceta) e mais Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro).

Pola súa banda, a carpa de ‘A paisaxe que sabe’ conta tamén cunha ampla representación de proxectos agroalimentarios. As Camposeiras, Os Biosbardos, Vermú Lodeiros, Chichalovers, Galmesán, Cafés Aruba, Martietas de Fío, Galegas de Nata e Galuriña achegan ao público unha mostra diversa de produtos elaborados no territorio, con propostas que abranguen desde queixos e doces até cafés, empanadas, conservas e bebidas artesás.

Xunto á oferta agroalimentaria, a programación inclúe a participación de distintos proxectos artesáns: Rosa Isabel Rodríguez Vidal (Redeiras Artesás), María del Rosario Remo Casal (D Rositas), Ángel Miguel Gómez Bello (Devalo), Jorge Eiroa García (J. Eiroa Forxa), Iria García Pérez (Vacatola), Cecilia Machado (Moira Artesanía), Carlos Afonso Rubio Pita (O Carabel Ecocestos), Susana Anta López (Susana Anta Cerámica), Berta García Calderón (Na Mea Nani) e Sergio Picos Carballeira (Comeluz).

Regueira referenda a aposta da Deputación da Coruña polo valor xeolóxico, turístico, cultural e económico da comarca de Ortegal

O vicepresidente pechou en Valdoviño o acto de presentación de resultados de dúas actuacións do PSTD do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal para actividades de xeoturismo e a dinamización dos camiños a Santo André de Teixido
mércores, 17 Decembro, 2025

O vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, referendou a aposta da Deputación da Coruña polo valor xeolóxico, turístico, cultural e económico da comarca de Ortegal. Foi hoxe na Casa da Cultura de Valdoviño, no acto final de avaliación de resultados de dúas actuacións do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, relacionadas coa organización de actividades de xeoturismo e coa dinamización dos camiños a Santo André de Teixido.

Regueira referiuse ao PSTD como “un plan que xurdiu para seguir o camiño que a Deputación iniciou no seu momento co obxectivo de acadar algo que para min, como político, foi o maior logro desde que estou na Deputación da Coruña: o recoñecemento do Xeoparque pola Unesco, pero iso é algo que temos que saber xestionar e non só festexar”.

Ortegal ten, para o vicepresidente, “unha inmensa riqueza xeolóxica na súas costas, pero tamén un enorme valor patrimonial e cultural no camiño de Santo André, que se vai converter, seguramente, no gran proxecto que —fóra do Xeoparque— acometerá a Deputación en 2026”.

Iso será así, explicou, “porque implica persoas e empresas, nas que a Deputación sempre pensa á hora apoiar iniciativas que, como esta, teñen o obxectivo de xerar oportunidades, de xerar emprego e de manter a poboación no rural”. E engadiu que “disto se trata tamén: de sostibilidade, de conservar o talento e que unha empresa local non teña que marchar a núcleos urbanos para desenvolverse”.

Incidiu Regueira na riqueza do territorio ao lembrar outro dos atractivos da comarca, o surf, que se beneficia doutro proxecto en que tamén traballa a Deputación, a Red de Pueblos del Surf, “unha iniciativa que xestiona o turismo de surf de xeito sustentábel e que ademais fala de identidade, de cultura e do que somos”. 

Abundou o vicepresidente na riqueza de zona, “concentrada en moi poucos quilómetros de territorio”, e referiuse a dous proxectos máis que apoia a administración provincial: o do recoñecemento pola Unesco de Ferrol como candidata a Patrimonio Mundial e o de recuperación das baterías de Costa de Ferrolterra. “Se somos intelixentes”, rematou, “se seguimos a reforzar a cooperación entre as administracións públicas e o sector privado para xestionar esa riqueza neste territorio, sen dúbida vai haber grandes oportunidades para as empresas que traballades produto turístico e para as persoas que quixestes facer deste un lugar de vida e apostar por toda a potencialidade do territorio”.

A Deputación defende a súa aposta polo valor turístico e económico do Camiño Fisterra-Muxía

O goberno provincial achega cada ano 150.000 euros de recursos á Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía
sábado, 13 Decembro, 2025

O Parador da Costa da Morte, en Muxía, acolle hoxe o III Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, un encontro, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía en colaboración coa Deputación da Coruña, que este ano pon o foco na expansión e internacionalización da ruta e os retos de cara ao Ano Xacobeo 2027.

O vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, inauguraron unha xornada na que tamén se debate sobre proxectos dos concellos que transforman o territorio; o labor das técnicas de turismo municipais, que son maioría; a visión internacional dos modelos de comunicación, promoción e cooperación transfronteiriza de Irlanda, Reino Unido e Portugal; cultura, comunidade e innovación, e financiamento para o turismo sostible.

Acompañaron os deputados no acto de apertura a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e concelleira de Turismo de Cee, María Luisa Rodríguez; o director da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, e o alcalde de Muxía, Javier Sar. 

Despois dos saúdos oficiais, María Luisa Rodríguez entregoulle a Carlos Berdullas, da asociación de veciños da Ponte Maceira, o premio ‘Ti fas Camiño’, que recoñece a defensa dos valores esenciais da ruta xacobea entre Fisterra e Muxía. 

Co horizonte do Xacobeo 2027, Xosé Regueira reflexionou sobre os retos que deberá afrontar o sector. “Eu agardo”, desexou, “que sexa outro ano récord; no económico pero tamén para o sector turístico”. “Pero temos que ver tamén onde están as dificultades e que debemos facer para superalas”. “Este Camiño, e sobre todo Fisterra”, afirmou, “vai a ser un dos puntos onde se poña en marcha unha cuestión para nós fundamental, que é empezar a facer intelixencia turística: a recoller datos para saber despois que facer con eles e que estratexia marcar para que os proxectos se consoliden”.

Segundo eses datos, que os alcaldes dos concellos da ruta xacobea costeira xa lle transmitiron ao vicepresidente, polo Camiño Fisterra-Muxía pasan 300.000 peregrinos e peregrinas. Isto obriga as Administracións públicas a deseñaren estratexias para que estes visitantes tamén deixen un retorno económico nos concellos, que ademais son pequenos, de maneira que poidan ofrecer mellor servizo e e tamén mellorar a experiencia das persoas visitantes.

Para Regueira é tamén fundamental “unha boa conectividade cos estados emisores, aos que lles interesa este tipo de produto”. “Se unha persoa dose Estados Unidos ten que facer dous transbordos e vai a tardar doce horas en chegar aquí, ao mellor decide ir a outro lado”, argumentou. “Polo tanto, eu creo que un dos retos do Camiño, e máis se falamos de internacionalización, é a conectividade aérea”.

Para afrontar eses retos, “a Deputación da Coruña sempre vai estar aí”, sentenciou. “Levamos apostando durante moitísimos anos por este Camiño que é un Camiño que comeza e remata na nosa propia provincia, e achegamos cada ano 150.000 euros de recursos para que a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía poida xestionar o máis profesionalmente posible este itinerario”.

Antonio Leira reafirmou esa aposta da administración provincial polo Camiño Fisterra-Muxía. “Desde a Deputación levamos anos abrindo camiño, un camiño que iniciamos cun traballo de convicción, de constancia, para impulsar realmente un dos tesouros máis grandes que temos”. “E seguiremos apostando por el: apostando por un valor patrimonial, por un enorme potencial turístico, e, sobre todo, polas persoas que estades no territorio e que facedes posible todo isto”.

“Ao longo deste anos”, dixo o deputado, déronse pasos firmes, con apoios aos concellos, a promoción conxunta dentro e fóra de Galicia, e tamén cunha estratexia sostida que entendemos que é a esencia do Camiño: un Camiño que é unha experiencia humana, pero tamén é turismo, é patrimonio, é cultura, e tamén é economía”. “Grazas a ese traballo”, rematou, “hoxe o camiño Fisterra-Muxia está en alza, e sabemos que está a reforzar esa identidade, dinamizando a economía local dos concellos por onde pasa, e tamén sabemos que é unha alternativa cada vez máis atractiva para os peregrinos que nos visitan”.

Regueira destaca o compromiso da Deputación cun turismo sustentábel nunha entrevista con medios internacionais

O vicepresidente defende un modelo turístico de calidade e a cooperación territorial ante xornalistas de catro países
xoves, 11 Decembro, 2025

A Coruña acolle este xoves a III Xornada de Cooperación Turística Internacional, organizada por ASICOTUR. De maneira previa, a Deputación da Coruña recibiu oficialmente unha representación da entidade promotora e concedéuselle a catro medios de comunicación de varios países unha entrevista co vicepresidente e responsábel da Área de Turismo, Xosé Regueira. O deputado explicou as principais liñas de traballo da institución provincial en materia de turismo sustentábel, cooperación territorial e proxección exterior da provincia.

Estes medios de comunicación, procedentes de México, Perú, Venezuela e España, amosaron especial interese polo modelo turístico da Deputación, polas políticas de apoio aos concellos e polos proxectos que están a reforzar a identidade gastronómica, natural e cultural do territorio.

Durante a conversa, os xornalistas interesáronse pola campaña ‘A paisaxe que sabe’ e polos mecanismos previstos para garantir que o turismo de calidade non derive en sobrecarga nin perda de identidade local.

Tamén formularon preguntas sobre o impacto das axudas provinciais destinadas a concellos, entidades culturais, rutas de sendeirismo e vías verdes, e sobre como a Deputación impulsa unha cooperación turística efectiva entre municipios con características moi diversas.

Outro dos temas abordados foi a motivación e a orixe do novo catálogo de produtos paquetizábeis do proxecto Os Fogóns do Anllóns, así como o papel que desempeñan o sector privado, os produtores locais e os territorios na súa configuración.

A entrevista incluíu ademais cuestións relativas á estratexia provincial en materia de cooperación internacional ligada a destinos naturais como o Xeoparque de Cabo Ortegal, ás posíbeis alianzas e proxectos europeos para reforzar a proxección exterior da provincia e ao papel que pode xogar ASICOTUR neste proceso.

Tras a entrevista, o vicepresidente ofreceu a benvida institucional á delegación de ASICOTUR no salón de plenos da Deputación da Coruña. O encontro que ten lugar este xoves na Coruña reúne especialistas países como Bolivia, México, Perú, Bélxica ou Brasil e aborda ao longo do día o papel do turismo como ferramenta de desenvolvemento sustentábel, a proxección internacional do Camiño e a corresponsabilidade global nun contexto de transformación do sector.

ILUMINACIÓN FERVENZA DO ÉZARO 2025

Xeodestino/Concello: 
Costa da Morte » Dumbría

Este verán, 2025, estrease un novo espectáculo audiovisual que arranca o sábado 5 de xullo. Un espectáculo único que hai que vir ver!!

Ten lugar nas noites dos venres, sábados e vésperas de festivo dende as 22:30 ata as 00:30h.

O acceso é gratuíto, pero é aconsellable vir con tempo para poder estacionar con calma.

 

#DumbríaéTurismo #FervenzadoÉzaro #dumbría #ézaro #oézaro #costadamorte #fervenza #cascada #iluminación 

Imaxe: 
Lugar celebración: 
Fervenza do Ézaro
Galego
Entradiña: 
Este verán estréase un espectáculo audiovisual.
Data da celebración: 
sábado, 5 Xullo, 2025 a sábado, 20 Setembro, 2025

Puntos de interese