A Deputación exhibe en Alimentaria a cadea de valor enogastronómica e o modelo de turismo sustentábel que impulsa a institución

Contido recente

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira participará nesta cita en dúas mesas redondas sobre gastronomía e turismo sustentábel
mércores, 25 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa esta semana nunha nova edición de Alimentaria, o encontro internacional de referencia para os profesionais da industria do sector e que se organiza cada dous anos en Barcelona, cunha destacada presenza institucional e da cadea de valor enogastronómica da provincia. Neste marco, o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará mañá, xoves 26 de marzo, en dúas mesas redondas nas que se abordará o papel da gastronomía como motor económico e turístico, así como os retos do modelo sustentábel baseado no produto local.

Ambas as dúas sesións organízanse no contexto da Gran Final do Concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano, que se celebra tamén ese mesmo día, nun certame co que a provincia da Coruña xa mantén vínculos, tras acoller o pasado ano unha das súas semifinais a través dun acordo coa Deputación.

A primeira das intervencións terá lugar ás 11:30 horas, baixo o título ‘A Coruña provincia, A paisaxe que sabe: territorio enogastronómico’, un espazo centrado na identidade dos produtos e na súa vinculación co territorio. Nesta mesa, na que tamén participarán representantes da cadea enogastronómica galega como A Conserveira (Ribeira), Galmesán (Arzúa) ou Despensa D’Lujo (Coristanco), porase en valor a calidade e singularidade dos produtos da provincia, así como o traballo conxunto entre o sector produtor e a administración para a súa promoción dentro e fóra de Galiza.

Durante o debate, Regueira abordará as liñas de apoio impulsadas desde a Deputación para posicionar os produtos da provincia nos mercados estatal e internacional, nun contexto no que a gastronomía se consolida como un dos principais elementos de diferenciación territorial e de xeración de valor engadido.

A continuación, ás 12:00 horas, o vicepresidente participará na mesa ‘Turismo gastronómico: impacto na cidade dun turismo sustentábel’, na que compartirá reflexións con representantes institucionais doutras administracións sobre o papel da gastronomía nas estratexias turísticas. O encontro permitirá afondar en cuestións como a capacidade da oferta gastronómica para atraer visitantes, o papel dos eventos e da restauración na promoción dos destinos e a importancia de avanzar cara a modelos turísticos máis sostíbeis e vinculados ao produto de proximidade.

A participación da Deputación da Coruña en Alimentaria encádrase na súa aposta pola promoción da provincia como destino enogastronómico de calidade, baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’, que pon en relación produto, territorio e identidade como elementos clave para un desenvolvemento turístico equilibrado e positivo para o territorio.