LOCALIZACIÓN

Unha cidade de luz protexida por un faro histórico e unha fértil comarca na que o mar se impón coa súa beleza. Este xeodestino constrúese en torno á área metropolitana coruñesa, a maior da provincia.
Destacan as súas praias e os seus espazos naturais como a zona do Mandeo.  Tamén os seus recursos patrimoniais, entre os cales a Torre de Hércules, declarada patrimonio da Humanidade pola Unesco, é o faro activo máis antigo do mundo. Para atopar as raíces, esta proposta ofréceche os seus numerosos castros distribuídos ao longo do territorio.
Os municipios que abarca este destino turístico son os de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, A Coruña, Culleredo, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne e Sada. 

 

PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL

Praias: destaca en Arteixo a de Barrañán, debido á súa lonxitude, fermosa contorna e orientación ao visitante, incluíndo un areal para nudistas ou moi bo espazo para o surf. Tamén cobran transcendencia as distintas praias da ría de Betanzos, ou Mera (Oleiros), cunhas vistas espectaculares das rías da Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol.

Espazos naturais: no interior destacan varios recunchos como o encoro de Cecebre, declarado como Lugar de Importancia Comunitaria, que abastece á área metropolitana. Tamén o Lugar de Chelo, no municipio de Coirós, situado no corazón do río Mandeo, que destaca polos seus bosques e a súa paisaxe natural.

Patrimonio: a Torre de Hércules , declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, é o faro activo máis antigo do mundo, ademais de ser o único romano. Convén destacar tamén distintos castros distribuídos ao longo do territorio: Elviña (A Coruña), Meirás (Sada), Alvedro (Culleredo)...

Arquitectura civil: o Pazo de Mariñán, no municipio de Bergondo, conta con xardíns de tipoloxía francesa e a presenza das tan prezadas camelias. Tamén as pontes medievais de Miño e do Burgo entre os municipios de Culleredo e Cambre, forman parte da arquitectura destacada. Meritorio é tamén o edificio modernista A Terraza, de Sada.

Arquitectura relixiosa: declaradas como Ben de Interese Cultural temos as Igrexas de Santiago e San Xurxo (A Coruña), San Salvador (Bergondo), San Francisco (Betanzos), Santa María de Azogue (Betanzos), Santa María de Cambre, Santa María do Dexo (Oleiros) ou San Nicolás de Cis (Oza-Cesuras).

 

PUNTOS DE INTERESE

A Coruña: esta cidade ofrece unha amplísima oferta turística. Desde a mítica, e xa anteriormente citada, Torre de Hércules ata o Monte de San Pedro ou o xardín romántico de San Carlos. A Cidade Vella e o Castelo de San Antón así como a ampla rede de museos presente na cidade, fan da Coruña un destino que ofrece múltiples formas de gozar da urbe. 

Betanzos: o centro histórico de Betanzos garda unha gran riqueza arquitectónica e artística nas súas rúas e prazas. Destaca a igrexa de Santa María de Azogue ou a Igrexa de San Francisco, que garda o sepulcro de Ferán Pérez de Andrade, o Bo. Outra parada obrigada nesta vila, é o Parque do Pasatempo, un orixinal espazo de finais do século XIX.

Costa de Dexo: a Costa de Dexo Serantes, considerado monumento natural, ocupa o tramo costeiro entre o Faro de Mera e o porto de Lorbé. Trátase dun espazo integrado na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e destaca a paisaxe do Seixo Branco, desde onde se divisa a Marola e a ría de Ares e Ferrol. 

Fragas do Mandeo: a riqueza arquitectónica, natural e cultural do Mandeo habita en máxicas paisaxes, onde a natureza convive entre pequenas capelas e encantadores conxuntos etnográficos. Desde as montañas de Aranga ata Bergondo, este territorio ofrece variadas rutas á persoa visitante.

Praia de Barrañán: o areal de Barrañán, situado no Concello de Arteixo, é un destino ideal para a práctica do surf. Este areal conta tamén cunha zona nudista. 

 

GASTRONOMÍA

Mexillóns de Lorbé: o porto de Lorbé, con gran tradición na produción de mexillóns, é o único porto das rías Altas que conta con bateas adicadas á produción deste molusco. Cada ano nesta localidade do Concello de Oleiros celébrase a Festa do Mexillón no mes de agosto. 

Tortilla de Betanzos: a recoñecida fama da tortilla de Betanzos provoca que moitas persoas visiten esta antiga vila co obxectivo de degustar este produto. Durante o mes de outubro, celébrase a Semana da tortilla onde a través de distintas rutas gastronómicas poderanse visitar os numerosos e variados locais existentes nas calexas da cidade. 

Viño de Betanzos: o 'viño da terra de Betanzos' é unha indicación xeográfica protexida para designar os viños producidos nos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño, Paderne, Abegondo, Oza-Cesuras e Sada. Son típicos na zona os 'furanchos' que abren as súas portas entre decembro e xuño como adegas improvisadas onde ir degustar o 'viño do país'

Pan de Carral: son numerosas as panadarías que en Carral manteñen unha produción artesanal de pan, de faragulla esponxosa. Cada ano nesta localidade celébrase a 'Festa do pan' con diversas actividade ao redor deste produto.

Fábrica de Sargadelos en O Castro, Sada
luns, 5 Marzo, 2018
Patrimonio inicia os trámites para declarar BIC o museo Carlos Maside en Sada
A declaración de BIC do museo Carlos Maside plasma o compromiso do Concello, o cal anunciara medidas para por en valor tanto o edificio das Cerámicas do Castro como o valor artístico, cultural e histórico que atesoura, fundamental para a dinamización turística e económica de Sada
"Arteixo soa"
venres, 13 Outubro, 2017
A música protagoniza unha nova edición da Feira 1900
A nova edición desta feira histórica será os días 13, 14 e 15 do presente mes.
Romaría San Miguel de Pastoriza
xoves, 21 Setembro, 2017
Romaría San Miguel de Pastoriza
O vindeiro 30 de setembro celébrase na contorna do santuario de Pastoriza a Romaría de San Miguel, con gaiteiros, pandereteiras, música Folk e a posta en valor da Feira da Madeira coas lembranzas da vida mariñeira, sempre acubillada baixo o manto da Virxe de Pastoriza.
Cartaz
IX Festa da Xiba
27 Abr a 29 Abr
O concello de Sada invítate a experimentar unha Ruta gastronómica con 13 establecementos, que darán a desgustar tapas de xiba a un euro con cada consumición.