A Deputación da Coruña reforza a promoción turística do Camiño Vello cunha viaxe de prensa a Santo André de Teixido

Contido recente

A acción reúne xornalistas de referencia para posicionar o Xeoparque Cabo Ortegal e dar visibilidade a Santo André de Teixido como destino sostíbel
venres, 24 Abril, 2026

Un grupo de cinco xornalistas procedentes de medios de comunicación de prestixio participou estes días nunha viaxe de prensa (press trip) a Santo André de Teixido, en Cedeira. O obxectivo é dar a coñecer o potencial do territorio e reforzar a proxección do Camiño Vello desde a aldea do Porto do Cabo, un dos itinerarios de peregrinación máis singulares do país.

A iniciativa, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración cos concellos do Xeoparque Cabo Ortegal, encádrase na estratexia de valorización turística do territorio, centrada na recuperación de camiños históricos e na creación de experiencias e produtos turísticos vinculados á paisaxe, á cultura e á identidade local.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, acompañado por alcaldes da zona e representantes do Xeoparque, recibiu o grupo de xornalistas á súa chegada ao santuario de Santo André. Regueira agradeceu o interese dos medios e subliñou o carácter singular do enclave, «un lugar mítico da provincia da Coruña», así como o seu papel histórico como destino de peregrinación, mesmo anterior á compostelá.

O vicepresidente explicou que esta acción forma parte dun dos grandes proxectos da Deputación para o que resta de 2026 e 2027, centrado na promoción do Xeoparque e do Camiño de Santo André. «Queremos que se converta tamén nunha referencia para aquelas persoas que buscan a través dos camiños programar a súa ruta de viaxe anual», engadiu en relación coa oportunidade que supón o Xacobeo 2027.

Durante a súa estancia na provincia da Coruña, os xornalistas coñeceron de primeira man algúns dos principais recursos do territorio. Un dos recunchos máis singulares incluídos no programa de visitas é Santo André de Teixido, un enclave onde conflúen espiritualidade, tradición e paisaxe, e que constitúe a meta de varias peregrinacións marcadas pola coñecida crenza popular que di «a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo».

O programa inclúe o percorrido polo Camiño Vello, antiga ruta de peregrinación que conecta O Porto do Cabo co santuario a través da Serra da Capelada, un itinerario de grande valor simbólico e paisaxístico que forma parte da aposta por recuperar e poñer en valor o Camiño de Santo André como produto turístico estruturado.

Así mesmo, as persoas participantes visitan algúns dos enclaves naturais máis representativos do Xeoparque, como os cantís de Vixía de Herbeira, os máis altos de Europa continental, e espazos como a praia de area negra de Teixidelo, a única non volcánica do mundo, que exemplifican a singularidade xeolóxica e paisaxística deste territorio recoñecido como Xeoparque Mundial da UNESCO en 2023.

A experiencia complétase coa posta en valor da gastronomía local, baseada en produtos de proximidade e no traballo de produtores, hostaleiros e artesáns, nunha presentación aliñada coa nosa campaña «A paisaxe que sabe».

Así mesmo, durante a viaxe os xornalistas coñeceron proxectos estratéxicos en desenvolvemento, como a recentemente aprobada recuperación do sendeiro do Plantío, que se financiará con fondos do Plan de Sostibilidade en Destino (PSTD), ou a posta en valor e rehabilitación de elementos patrimoniais como o conxunto da Casa da Bastona, antigo hospital de peregrinos do século XVI, situado no Porto do Cabo.

Regueira mostrou a súa confianza en que a difusión deste espazo contribúa a reforzar o posicionamento turístico da provincia e indicou que esperan que «este espazo tan mítico, tan marabilloso, pero tamén tan lendario como é Santo André e a súa capela» se consolide como unha referencia para o turismo sustentábel.

Con esta viaxe de prensa, a Deputación da Coruña e os concellos do Xeoparque reforzan a súa aposta por consolidar o Camiño Vello a Santo André como unha proposta turística diferenciada, baseada na autenticidade, na sostibilidade e na conexión co territorio.