
A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Coma en edicións anteriores, a Área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, leva a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística. No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentou hoxe a proposta titulada ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.
Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da Deputación da Coruña afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social. A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Barbanza e Iria.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega». Neste senso, reivindicou o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».
Durante a súa intervención, Regueira explicou que a proposta presentada en B-Travel inclúe o proxecto do centro de interpretación da conserva de Barbanza Arousa e destacou o papel histórico desta industria no conxunto do litoral galego. Así, lembrou que a tradición conserveira está presente ao longo de toda a costa e puxo en valor a súa orixe, ligada en boa medida á chegada de industriais cataláns, aos que posteriormente se sumaron maragatos e portugueses, configurando un sector que se foi expandindo e diversificando co paso do tempo.
«Hai unha tradición asentada desde hai moitos séculos e viñemos contar un relato que tamén conecta con Cataluña, onde estamos hoxe, xa que a nosa industria conserveira chegou a Galiza da man, sobre todo, dos cataláns», explicou Regueira, quen engadiu que «buscamos na gastronomía o primeiro leitmotiv para convidar a visitar Galiza e falar de industria, pero tamén da relación co territorio e da necesidade de reivindicar un turismo de calidade, baseado na nosa identidade e na excelencia das experiencias que podemos ofrecer».
A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.


