O Xeoparque Cabo Ortegal pon en marcha o proceso de adhesión de empresas e produtores da zona á súa marca agroalimentaria KB0 Ortegal

Contido recente

A iniciativa enmárcase na estratexia de desenvolvemento territorial do Xeoparque e no Plan de Sostibilidade Turística en Destino
xoves, 9 Abril, 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal vén de iniciar o proceso de adhesión á marca agroalimentaria KB0 Ortegal, que busca visibilizar os produtos da zona e xerar novas oportunidades que contribúan a fomentar a actividade económica do territorio e á xeración de emprego. Os requisitos para sumarse a este selo identificativo déronse a coñecer hoxe nunha xornada á que asistiron empresas e produtores da zona, e que foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque, Alberto Rey, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.

KB0 Ortegal é unha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, á que poden adherirse produtores e empresas dos sete concellos que integran o Xeoparque, dedicadas á obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou do mar, así como ao envasado, elaboración, procesado e comercialización de produtos de alimentación. Este proxecto está sufragado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - Next Generation EU.

Un selo para impulsar o tecido empresarial local

Para a súa incorporación á marca, os operadores interesados deberán cumprir cunha serie de requisitos obrigatorios, acreditando que producen, transforman ou comercializan nalgún dos sete concellos do destino. Así mesmo, o proceso de adhesión contempla unha batería de requisitos avaliables, dos cales será preciso cumprir cunha porcentaxe. Entre outras cuestións valorarase a vinculación co territorio, a aposta polo produto de proximidade, a aplicación de criterios de calidade, seguridade alimentaria e sostibilidade na operativa diaria e o compromiso co Xeoparque.

Unha iniciativa enmarcada na estratexia de desenvolvemento do territorio

O vicepresidente da Deputación da Coruña puxo en valor a importancia para Cabo Ortegal de contar cunha marca internacional como a do Xeoparque Mundial da Unesco, resultado dun proceso de investimento e planificación estratéxica no territorio. “Despois de investir en torno a 1,5 millóns de euros para a proxección dese territorio baixo o paraugas do Xeoparque”, explicou, trátase agora de “consolidar ese traballo e traducilo en oportunidades reais para a xente que vive aquí”.

Neste sentido, subliñou que este impulso debe entenderse tamén desde o sistema produtivo, que cualificou “de primeira orde”, e que conta con infraestruturas como A Fusquenlla, “que permiten dar servizo ao sistema produtivo agrario para a transformación e o envasado dos produtos, reforzando así a cadea de valor”.

“Temos unha marca e agora é necesario que o sistema produtivo se acolla a ela e se sirva dela para posicionar produto e economía no ámbito do turismo enogastronómico”.

No encontro déronse a coñecer outros casos de éxito vinculados a marcas agroalimentarias ou clubs de produto implantados noutros territorios. Así, compareceron como relatoras convidadas Clara Rey, do equipo técnico do club de produto Galicia Destino Sostible, e Eva Gil, directora de proxectos do Grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste. Nas súas intervencións destacaron o potencial deste tipo de marcas como elementos de vertebración da oferta e incidiron no papel do sector primario como motor de desenvolvemento local.

Esta xornada, celebrada no Auditorio de Cedeira, supón o arranque operativo de KB0 Ortegal, un paso máis na estratexia de posicionamento do Xeoparque, que busca poñer en valor os seus recursos naturais, culturais e gastronómicos para impulsar un modelo que integra turismo, produción local e sostibilidade.