‘A paisaxe que sabe’ leva o Mercado da Deputación e un concerto de Ses á Romaría da Virxe da Barca

Contido recente

“Para o departamento provincial de Turismo é unha honra poder traer o noso mercado á Barca de Muxía", sinalou Xosé Regueira
venres, 11 Setembro, 2026

‘A paisaxe que sabe’, eixo da estratexia de Turismo da Deputación nos últimos dous anos, terá presencia na Romaría da Virxe da Barca 2026, que se vai celebrar en Muxía do 11 ao 14 de setembro. O departamento provincial levará o Mercado da Deputación ao Cabo da Vila, onde instalarán os seus postos, para dar a coñecer o talento do territorio, os produtores, creadores e artesáns locais De Rositas, Silvereira, Miña Terra, Pepiña Medias Longas, Moira Artesanía, Vacatola, Devalo, Pampillo, Reina Lupa, Axóuxeres. A participación da Deputación complétase co concerto de Sés, esta tarde ás 20.30 horas.

Á apertura da celebración asistiu o vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, quen convidou a veciños e visitantes “a achegarse e comprar no Mercado da Deputación”. “Para o departamento provincial de Turismo”, engadiu, “é unha honra poder traer o noso mercado á Barca de Muxía, romaría ancestral e festa de interese turístico, que encherá de xente e de ambiente esta localidade todos estes días”.

O vicepresidente agradeceulles ao alcalde da localidade, Javier Sar, e ao Concello muxián “todas as facilidades para podervos traer aquí unha pequena escolma da calidade da artesanía da Coruña, nun mercado que abrimos xa e que hoxe ademais estará amenizado por unha das máis grandes artistas do noso país, como é Sés”.