¿Qué está pasando?

A Deputación impulsa o turismo sostible no Anllóns con dúas obras en Cabana e Ponteceso

Estas actuacións buscan poñer en valor as contornas naturais e potenciar o turismo sostible na comarca.
Lunes, 13 Julio, 2026

A Deputación vén de rematar dúas actuacións para poñer en valor a contorna do río Anllóns, concretamente en Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Ambas obras están enmarcadas no plan enogastronómico provincial “Os fogóns do Anllóns” e o seu obxectivo é potenciar o turismo sostible na comarca.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou os concellos de Cabana e Ponteceso, onde foi recibido polos seus alcaldes, José Muíño e José Manuel Mato, respectivamente; para despois desprazarse ata os lugares das obras a comprobar, de primeira man, o resultado das mesmas.

En Cabana de Bergantiños, o proxecto centrouse na creación do novo miradoiro do Anllóns, situado no lugar de Sinde, pertencente á parroquia de Canduas. Esta nova infraestrutura abre unha ventá á riqueza ambiental da canle fluvial, poñendo a disposición da veciñanza e dos viaxeiros un espazo integrado na contorna e pensado para a contemplación da paisaxe

De forma paralela, a actuación desenvolvida no veciño municipio de Ponteceso supuxo a recuperación ambiental e a mellora dos accesos peonís nunha das zonas de maior interese do estuario do Anllóns, facilitando que os visitantes poidan percorrer a ribeira de forma segura e respectuosa co ecosistema. A actuación dota a Ponteceso dun recurso interpretativo relacionado directamente co miradoiro de Cabana.

Ambos proxectos, financiados a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), forman parte do plan enogastronómico que impulsa a institución provincial. O obxectivo principal desta estratexia é conectar a beleza paisaxística do estuario do Anllóns co potencial culinario e cultural da zona.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou hoxe ambas intervencións e afirmou que “estes dous proxectos son unha mostra de como os fondos europeos poden transformarse en actuacións útiles para o territorio, poñendo en valor a paisaxe, o patrimonio natural e a identidade da comarca. Precisamente, o obxectivo dos Fogóns do Anllóns era crear experiencias turísticas sostibles que contribúan a dinamizar a economía local, reforcen a oferta dos cinco concellos participantes e fagan do río Anllóns un dos grandes referentes do turismo de natureza e gastronómico. Estes espazos non son só lugares para contemplar a paisaxe, senón tamén unha invitación a descubrir o territorio, a súa gastronomía e o seu patrimonio desde unha perspectiva sostible e de calidade."

Con estas dúas obras rematadas, a comarca do de Bergantiños conta con dúas novas ferramentas para competir no mercado turístico actual. A mellora das infraestruturas públicas na contorna do río Anllóns funciona como un elemento tractor que enriquecerá a oferta hostaleira e de lecer da zona, garantindo un impacto positivo a longo prazo na economía local.

A Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle acolle un programa sobre o eclipse

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado, Antonio Leira, participaron na xornada, que se celebrou na antiga estación de tren de Ordes
Miércoles, 8 Julio, 2026

A antiga estación de tren de Ordes transformouse esta mañá nun estudo de radio, acollendo a gravación do programa “Más de uno” de Onda Cero Galicia. O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado, Antonio Leira, participaron no programa, xunto ao presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela – Tambre - Lengüelle, Álex Doval. O programa centrouse no proxecto da Vía Verde e no eclipse do vindeiro 12 de agosto.

Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle

Regueira referiuse a conxunto do xeodestino onde se atopa a Vía Verde, Terras da Comarca de Ordes, “perfecto para desfrutar dun turismo sostible, da natureza, da paisaxe e da gastronomía”. Este destino, “supón unha oportunidade para desconcentrar o turismo”. O vicepresidente animou aos oíntes a coñecer a Vía Verde, o Camiño Inglés e todos os concellos do xeodestino.

“Esta Vía Verde é un proxecto de territorio que conecta persoas, concellos e oportunidades a través dun modelo de desenvolvemento sustentable. Un claro exemplo de mobilidade sostible, recuperación do noso patrimonio ferroviario e creación dun novo produto turístico de calidade, capaz de xerar actividade económica e fixar valor no territorio”, engadiu Regueira.

O deputado Antonio Leira sinalou que se trata dun espazo “para a veciñanza, para quen queira desprazarse andando ou en bicicleta con seguridade, pero tamén para atraer un turismo responsable”. Leira salientou a importancia de “recuperar espazos” para ofrecer servizos aos visitantes e á veciñanza e celebrou a colaboración entre administracións “para seguir construíndo este soño”.

A eclipse do 12 de agosto

Durante o programa tamén se abordaron os principais retos que representa o eclipse. “A provincia da Coruña é un territorio moi amplo dende o que se vai poder ver o eclipse, o territorio máis demandado, e temos que estar preparados”, sinalou Regueira. O vicepresidente fixo un chamamento á responsabilidade individual e colectiva, “para desfrutalo e poder lembralo dun xeito positivo”. Ademais, fixo fincapé en outros fenómenos como o solpor e as perseidas, que coinciden no tempo.

A utilización de gafas homologadas; unha boa hidratación ou o uso de protección solar son algunhas das medidas que hai que ter en conta para desfrutar do eclipse con seguridade.

Regueira pon en valor a competitivade turística da provincia na entrega das distincións de calidade do SICTED a 151 empresas de Compostela

O vicepresidente participou esta tarde no acto de entrega, sendo este ano a maior cifra de distinguidos co SICTED dende a recuperación deste selo de calidade no 2018, cando houbo 60 distincións
Miércoles, 8 Julio, 2026

A Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos acolleu o acto de entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED) que para este 2026 recoñecen a 151 empresas e servizos turísticos do concello, vinte máis que o ano pasado. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou no acto, xunto á concelleira de turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o representante de Unión Hotelera Compostela, José Antonio Liñares.

Regueira felicitou ás empresas polo recoñecemento, “unha mostra do voso compromiso coa calidade, coa sustentabilidade e coa mellora continua”. “Este distintivo”, engadiu, “recoñece o camiño percorrido, pero tamén a vontade de seguir mellorando.” O vicepresidente puxo en valor o papel do sector privado “clave” na mellora da competitividade turística, “e as empresas recoñecidas hoxe, a maior cifra da historia do SICTED, así o demostra”.

Neste sentido, sinalou o “bo facer” do sector, que é quen de ofrecer “experiencias auténticas, responsables e ben coidadas. Algo polo que destaca, sen dúbida, a nosa provincia”. E, ademais, referiuse ao modelo turístico da Deputación, “baseado na calidade e na sustentabilidade, porque son a mellor garantía para fortalecer o sector, crear valor no territorio e conservar todo aquilo que fai única a nosa provincia”..

Pola súa banda, a concelleira de turismo Míriam Louzao destacou que “a calidade é unha ferramenta necesaria para desenvolver un novo modelo turístico na cidade, que aposte máis polo valor engadido que polas meras cifras. Neste sentido, se queremos continuar posicionándonos como un destino global de calidade, precisamos contar cunha oferta de calidade.”

Así mesmo, no acto fíxose unha pequena presentación do novo SICTED, no que a sostibilidade e a intelixencia turísticas pasan a ter un papel central, promovendo así a mellora continua dos destinos a través do traballo coordinado cos servizos turísticos, coa implantación de boas prácticas centradas na sostibilidade social, económica e ambiental e na calidade, como piares estratéxicos do desenvolvemento do ecosistema turístico de Santiago de Compostela.

O percebe de Puerto Vega (Asturias) gaña en Cedeira o II Campionato Mundial de Percebe organizado por Turismo da Deputación

Participaron un total de 27 confrarías de Galiza, Asturias, Cantabria, País Vasco, Portugal, Bretaña Francesa, Portugal, Marrocos, Mauritania e Porugal
Lunes, 6 Julio, 2026

Cedeira converteuse esta tarde na capital internacional do percebe, acollendo o II Campionato Mundial de Percebe, que gañou a confraría de. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta tarde na xornada, onde puxo en valor o percebe "que non é un simple marisco, é un símbolo da nosa identidade, representa a tenacidade das nosas xentes do mar, que moitas veces se xoga a súa vida para traernos o mellor produto".

A proposta gañadora obtivo 129 puntos nunha cata a cegas realizada por un panel de xuíces excepcional, integrado por cociñeiros de renome e con estrelas Michelin como Albert Adrià, Javier Olleros e Bittor Arguinzoniz, xunto con Diego García (de Pescaderías Coruñesas) e o escritor gastronómico Alfredo Vozmediano. Cedeira acadou o segundo posto, mentres que Luarca completou o podio nunha competición marcada pola extraordinaria calidade das propostas —e pola gran reñidez entre elas—, con diferenzas mínimas de puntuación entre os primeiros clasificados.

Regueira sinalou que "neste anaco dos 956 Km de costa coruñesa que é Costa Ártabra, onde as rochas desafían as ondas con bravura, celebramos unha vez máis o encontro entre a paisaxe e o sabor, a esencia do que lle dá nome á nosa campaña de promoción, "A paisaxe que sabe"."Hoxe non competimos só por un premio", engadiu Regueira, "tamén partillamos. Partillamos por poñer en valor un xeito de vida sustentábel, un produto de excelencia e unha paisaxe que sabe como poucas. Que gañe a mellor colleita, que brille o traballo ben feito e que este campionato sexa un festín para os sentidos".

No concurso participaron un total de 32 confrarías pertencentes a Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Portugal, Marrocos, a Bretaña Francesa e Mauritania, que, en palabras do vicepresidente, “representan a diversidade dun océano que non coñece fronteiras cando se trata de respecto polo mar e pola tradición”.

Regueira destaca a autenticidade dos “viños que falan moi ben de nós” na xornada sobre os viños das IXP de Galicia

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá nunha das xornadas enoturísticas das IXP de Viño de Galicia que se celebrou no Pazo de Mariñán, adicada aos viños de Betanzos
Lunes, 29 Junio, 2026

O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá unha das cinco xornadas dos viños das IXP de Galicia, “Viños que falan de nós”, que hoxe se adicou ao viño da Terra de Betanzos, sumándose ás do viño da Terra Val do Miño (Ourense); Viño da Terra de Barbanza e Iria; Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na inauguración, onde salientou a “calidade e autenticidade” destes viños, “que falan moi ben de nós”.

“O viño é, para nós, un dos elementos fundamentais na promoción do territorio”, sinalou Regueira, “e o lema destas xornadas (Viños que falan de nós) vai na mesma liña que a nosa estratexia de promoción turística, que pon en valor a paisaxe, o territorio e as persoas que viven e traballan nel”. Neste sentido, destacou o “esforzo” das persoas que “cun gran compromiso coa terra souberon manter un conservar un traballo tradicional como este, e un legado, e traelo até aquí”.

Nese sentido, o vicepresidente apuntou que un turismo de calidade “é aquel que, precisamente, sabe respectar o territorio e valorar a nosa autenticidade”, e a cultura enogastronómica é “fundamental” porque “fala de nós, e fala moi ben de nós”, por iso “é para a área de turismo da Deputación un elemento de promoción estratéxico”.

As xornadas “Viños que falan de nós”, organizadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos no marco do proxecto de cooperación LEADER “IXP Viños de Galicia” están destinadas a poñer en valor a cultura vitivinícola do país, buscando sinerxías que permitan promocionar o patrimonio vitivinícola de cada zona mediante un turismo sostible que pona en valor a tradición e cultura do viño a través de experiencias turísticas únicas. A que se celebra hoxe no Pazo de Mariñán inclúe unha presentación dun itinerario enoturístico da IXP Betanzos; dun proxecto de cooperación e unha cata institucional.

Regueira destaca no V Foro Económico o papel do sector da produción agroalimentaria da provincia, "clave na xeración de oportunidades no rural”

O vicepresidente participou esta tarde na conversa “O potencial de Galicia no ámbito gastronómico” do V Foro Económico Español “La Galicia que viene”
Martes, 16 Junio, 2026

“Pasamos de ser un territorio onde se come ben a ser un territorio gastronómico”, comezaba Regueira a súa conversa sobre “O potencial de Galicia no ámbito gastronómico” no V Foro Económico Español “La Galicia que viene”. “E isto débese”, afirmaba, “ao talento dos nosos cociñeiros e cociñeiras que tratan a materia prima co máximo respecto mantendo sempre a súa esencia.”

“Neste país, e concretamente nesta provincia, aínda somos quen de manter a nosa autenticidade e como consecuencia a calidade dos nosos produtos”, sinalaba. “Esa é a nosa principal fortaleza: que conservamos a identidade do produto”. Neste sentido, explicaba que “contamos cun sector moi comprometido, que cada vez trata mellor o produto, e que ademais está xerando oportunidades no medio rural”. Así, “o reto e poñer en valor a nosa gastronomía e buscar os mercados axeitados para que eses produtos teñan un retorno positivo no medio rural”.

Sobre o papel do sector privado, o vicepresidente apuntou que exerce unha labor “fundamental”, cunha “aposta moi grande” e “dende as administracións debemos apoialo e recoñecelo”. “Un sector que está despuntando en todo o mundo, con profesionais que se están formando e que promoven iniciativas que son sinónimo de compromiso co territorio”.

Regueira sinalou tamén que “non somos conscientes do valor que ten o noso produto gastronómico nin da riqueza da nosa terra”. “Vivimos nun territorio”, engadiu, “que aínda conserva as catro estacións, con todo o que iso implica, polo que agora mesmo a gastronomía é un dos nosos principais destinos turísticos”. E conclúe reflexionando que “Galicia precisa un perfil de turista que valore a nosa artesanía alimentaria”.

‘A Paisaxe que Sabe’ da Deputación, presente no CHICHAFEST de Santiago

Regueira asistiu esta mañá ao encontro, acompañado da alcaldesa, Goretti Sanmartín.
Sábado, 13 Junio, 2026

A campaña da Deputación da Coruña, ‘A Paisaxe que Sabe’, conta cun protagonismo central hoxe, sábado 13 de xuño, no CHICHAFEST. O evento, que acolle a gran final da primeira edición do certame musical ONDACHICHA na Sala Capitol de Santiago de Compostela, contará cun espazo gastronómico propio da institución provincial deseñado para promover a excelencia agroalimentaria e o territorio da provincia da Coruña.

A través deste espazo, as persoas que asistan ao festival poderán degustar algúns dos mellores produtos locais da nosa gastronomía mentres gozan da proposta musical do festival. O obxectivo que se persegue coa presenza de ‘A Paisaxe que Sabe’ neste tipo de eventos é combinar a gastronomía e o produto local da provincia con espazos culturais e todo tipo de feiras, dándolles un espazo aos produtores e cociñeiros e cociñeiras da provincia para amosar todo o potencial que ten a provincia da Coruña a nivel gastronómico.

As portas da Sala Capitol abriranse ás 12:30 horas para recibir aos asistentes, dando paso ás 13:00 á presentación oficial do proxecto ONDACHICHA. A partir das 13:30 arrancará formalmente a sesión vermú, momento no que o espazo gastronómico de A Paisaxe que Sabe cobrará especial relevancia coas propostas de produtores locais, degustacións, activacións e diversas sorpresas que convivirán cunha barra especial de Chichalovers.

O apartado musical comezará ás 15:00 cos concertos das tres bandas finalistas: Fuego Lolita, WhyNot e Skadelos, que competirán pola gravación dun EP nos estudos Garaxeland. Tras as actuacións, o xurado profesional retirarase a deliberar ás 17:00, para anunciar a banda gañadora media hora despois. O evento pecharase ás 18:15 cun acto de agradecemento, completando unha xornada única que une o talento emerxente galego co mellor da nosa despensa.

O vicepresidente presenta en Negreira a nova guía turística do municipio, editada co apoio da Deputación

“O Camiño contribúe a crear actividade económica, a xerar emprego e a proxectar a nosa imaxe máis alá das nosas fronteiras"
Viernes, 12 Junio, 2026

Negreira presentou esta tarde na Casa da Cultura de Negreira a súa nova guía turística, elaborada en colaboración coa Deputación da Coruña. O vicepresidente provincial e a deputada Natividade González asistiron ao acto de presentación, onde estiveron acompañados do rexedor, Ángel Leis; do autor, Amancio Liñares e da exdocente, Clara Rodríguez.

Trátase da terceira publicación do historiador local, que aporta novos contidos e información actualizada, e pon o foco no fenómeno xacobeo e a súa repercusión no municipio. Neste sentido, Regueira sinalou que “é unha valiosa ferramenta para dar a coñecer a riqueza patrimonial, paisaxística e cultural do municipio desde unha mirada actualizada, con rigor e un gran respecto como ven facendo sempre Amancio Liñares”.

O vicepresidente tamén destacou a relevancia do Xacobeo para o municipio, “que o converte nun punto estratéxico do Camiño a Fisterra e Muxía, xerando novas oportunidades para o desenvolvemento local e para a promoción dun turismo de calidade”. Así, “esta nova guía recolle esa transformación e amosa como Negreira soubo aproveitar a oportunidade para reforzar a súa oferta turística, mellorar os servizos e poñer en valor o seu patrimonio natural, histórico e cultural”.

“O Camiño non só trae visitantes; tamén axuda a crear actividade económica, a xerar emprego e a proxectar a imaxe do municipio máis alá das nosas fronteiras. Por iso é importante contar con publicacións como esta, que permiten poñer en valor os recursos propios do territorio, reforzar a súa identidade e ofrecer aos visitantes unha experiencia máis completa”.

A publicación ofrece datos demográficos e económicos actualizados, e do apartado gráfico encargáronse as profesionais locais de Abraham Fotógrafas. Tamén recolle o crecemento en albergues e a inclusión de Negreira entre os pobos máis bonitos pola ponte de Maceira, así como os novos miradoiros de Sopensa e do Cotro.

‘A Paisaxe que sabe’ da Deputación exhibe o talento gastronómico e artesanal da provincia na Festa do Marisco da Confraría de Barallobre

A institución provincial participa nesta cita culinaria coa súa campaña 'A Paisaxe que sabe' a través dun espazo propio que acollerá demostracións de cociña en directo e seis firmas artesás.
Viernes, 12 Junio, 2026

A Deputación súmase esta fin de semana á Festa do Marisco da Confraría de Barallobre en Xubia (Narón) cun espazo propio centrado na súa campaña 'A Paisaxe que sabe', unha iniciativa institucional coa que promove o potencial agroalimentario dos municipios coruñeses. O organismo provincial instalará no corazón deste evento unha carpa que funcionará como escaparate da gastronomía e artesanía da provincia, unindo nun mesmo ambiente exclusivo as demostracións culinarias en directo e o traballo de vangarda de seis recoñecidos creadores do tecido artesanal coruñés.

Nesta firme aposta polo deseño local e os oficios tradicionais revisados, o público que visite a feira de Narón poderá coñecer de preto as propostas de Cecilia Machado coa marca ‘Moira Artesanía’, José Rodrigo Riveiro Requeijo a través de ‘Ferraxe de Prata’, Iria García Pérez co selo ‘Vacatola’, Sergio Picos Carballeira baixo a firma ‘Comeluz’, María Isabel Alonso Brandariz de ‘Bo Peixe’ e Berta García Calderón co proxecto ‘Na Mea Nani’.

De xeito paralelo, a cociña en directo converterase nun dos grandes atractivos de 'A Paisaxe que sabe' grazas aos showcookings que impartirá Nair González, recoñecida chef do restaurante ‘Muelle 43’ de Mugardos. A cociñeira ofrecerá un total de tres pases diarios fixados para as 11:30, as 13:00 e as 17:30 horas, asegurando unha ampla cobertura para que todos os visitantes poidan descubrir as súas creacións.

O menú deseñado para o sábado día trece centrarase no produto Mariño a través dunha tosta de vieira de Ferrol mariñada con crema de queixo do Eume e cítricos da Fusquenlla, á que sucederá un prato protagonizado polo polbo de Mugados. Na xornada do domingo día catorce, a proposta variará cara a sabores intensos e texturas atlánticas, ofrecendo en primeiro lugar un carneiro en salsa da ría para pechar a programación cun fresco ceviche atlántico de peixe sapo.

O vicepresidente pon en valor o Pico Sacro, que, “representa unha forma de entender o territorio”

Trala visita, Regueira e o alcalde visitaron o espazo de Enoturismo María Manuela
Jueves, 11 Junio, 2026

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación do documental “Pico Sacro, monte de mitos e lendas”, unha produción audiovisual que afonda na riqueza histórica, cultural, relixiosa e natural deste enclave singular, acompañado do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. Regueira salientou durante a súa intervención que o documental “supón unha excelente oportunidade para achegarnos a un dos espazos máis emblemáticos da nosa xeografía desde unha nova mirada”.

“O Pico Sacro é, ademais, un dos grandes símbolos da nosa identidade. Non é só unha elevación singular na paisaxe. É un lugar onde conviven a natureza, a historia, as lendas e a identidade dun territorio que soubo conservar un patrimonio de valor extraordinario”. “Mais o valor do Pico Sacro”, engadiu, “vai moito máis alá do seu significado histórico. Representa unha forma de entender o territorio. Un territorio que non é un decorado, senón un espazo vivo, construído xeración tras xeración polas persoas que habitan e coidan esta terra”.

Tralas presentacións, proxectouse a peza audiovisual, que propón unha viaxe polas diferentes dimensións que conforman a identidade do Pico Sacro. O documental explora a súa relevancia histórica e literaria, o seu papel na tradición relixiosa vinculada ás lendas xacobeas e ás romarías populares, a súa singularidade xeográfica e xeolóxica, así como o extenso imaxinario colectivo que, ao longo dos séculos, o converteu en escenario de mitos, fogar de dragóns e porta cara ao inframundo.

Despois da presentación do documental, o vicepresidente e o alcalde trasladáronse ao espazo de Enoturismo María Manuela para coñecer as súas instalacións. “exemplo de como o patrimonio, a paisaxe e a actividade económica poden ir da man para crear proxectos con identidade propia e fortemente vinculados ao territorio”. Ademais, Regueira fixo fincapé nas oportunidades que xeran no rural “iniciativas como esta, que apostan pola calidade, pola posta en valor dos recursos locais e por un modelo de desenvolvemento sustentable”.

Puntos de interés