Apertura do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM)

Apertura do Centro de Interpretación do Medio Mariño en Cabanas acompañado de actividades esta fin de semana.
Ferrolterra e Eume » Cabanas
17 Xuño a 19 Xuño
19:00

O Concello de Cabanas ten programada a inauguración do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) para este venres, 17 de xuño, un proxecto impulsado pola área de medio ambiente que nace coa pretensión de ser un espazo de encontro para a veciñanza e visitantes arredor da cultura mariñeira.

Co obxectivo de amosar ao público o seu potencial, o CIMM iniciará a súa axenda de actividades esta mesma fin de semana para dar a coñecer toda a súa potencialidade.

Para o sábado 18 de xuño ás 18.30h está prevista a realización dunha novidosa xornada interpretativa, para a que se fará uso dun robot submarino que estará retransmitindo imaxes en directo do fondo mariño de Cabanas ás instalacións do CIMM, onde persoal experto dará explicacións sobre o que se está a ver en directo e, posteriormente, completarase a experiencia cunha saída nun barco eléctrico e accesíbel polo estuario do Eume, onde se sitúa o banco marisqueiro. As prazas para participar nesta actividade son limitadas, e resulta necesario inscribirse no correo cimm@cimmcabanas.gal ou chamando ao 637 559 873 indicando nome completo, teléfono e DNI.

A actividade continúa o domingo 19 de xuño, cunha andaina interpretativa que sairá ás 10 da mañá do CIMM. Cunha distancia de 7,5 quilómetros e dificultade baixa, as persoas participantes visitarán o estuario do Eume e descubrirán os seus valores mariñeiros, afondando na fauna e na importancia das mareas no noso litoral. Esta actividade tamén precisa de inscrición previa por correo electrónico cimm@cimmcabanas.gal ou no 637 559 873.

Galego