Exaltación dos produtos de outono


Como cada ano, desde o Concello de Touro aprovéitase o cambio de estación para desenvolver diferentes actividades en aras dunha exaltación dos seus produtos. Así, este ano desde o 31 de outubro ao 5 de novembro, a capital do municipio levará a cabo a súa particular celebración do outono con roteiros de tapas, micolóxicos, concursos plásticos, conferencias...
Todas as actividades son unha celebración en si, pero a exaltación dos produtos do outono conta coa súa festa grande o domingo, día 5 coa Festa da Castaña, na que os diferentes postos ofrecen o mellor dos nosos recursos e como produto estrela, dadas as datas en que nos atopamos, non podía ser outro ca castaña.
Este ano ademais terá lugar a I edición do concurso plástico Dona Castaña, dirixido a estudiantes dos diferentes niveis educativos, e para o cal deberán basear a súa obra plástica no produto estrela do outono. Distinguirase aos tres primeiros de cada unha das categorías: Castaña fresca (ata 6 anos), Castaña Pilonga (de 6 a 12 anos) e Marrón Glacé (de 12 a 16 anos). Recolleranse as obras durante toda a mañá do día 31, ata as 14:30 h. Farase unha exposición das obras nas dependencias do concello, onde terá lugar a entrega de premios na mañana do domingo, coincidindo coa feira da castaña.