Exposición "Trece Luces na Nosa Costa"

Antonio Fernández Martínez, carballés e mestre xubilado de Lingua Galega, é afeccionado á fotografía, contando xa con varios premios en diferentes certames da zona. A súa exposición “Trece Luces da Nosa Costa” poderá visitarse no Antigo Cárcere de Corcubión (situado no porto) do 16 de setembro ao 30 de outubro.
Con esta exposición preténdese contar a historia dos faros da Costa da Morte e a función que tiveron no tempo. Aínda que cos avances tecnolóxicos instalados nos barcos hoxe en día a finalidade que os faros tiñan no seu momento xa non sexa tan necesaria na actualidade, iso non impide que estas construcións sexan, a día de hoxe, parte dun importante legado patrimonial para todos nós.
Estas fotografías destacan non só polos enclaves onde están tomadas, senón tamén por estar feitas cunha técnica especial que aporta ás imaxes outra dimensión creativa e asombrosa. É un tipo de fotografía pouco visto e moi recomendable.
Máis información sobre Antonio Fernández en http://antoniofernandez.eu/