Feira do Galo e xornadas de tapeo

A tradicional Feira do Galo arteixá celébrase este ano un día antes da Noiteboa na contorna da praza do Balneario. Nesta xornada exhíbense máis dun cento de galos de curral e hai sorteos e actuacións musicais. Esta cita conta coa actriz María Tasende como pregoeira. No decorrer da mañá venderanse rifas para o sorteo de diversas cestas de Nadal, algunhas delas con galos vivos e a recadación desta venda destinarase a causas solidarias. Esta tradicional Feira do Galo coincide coa feira dos sábados polo que tamén se poden adquirir produtos da horta.
XORNADAS DE TAPEO NO NADAL
Confluíndo coa data da antedita Feira do Galo, os días 21, 22 e 23 de decembro teñen lugar as xornadas de tapeo no Nadal onde participan uns vinte establecementos de hostalaría que ofrecen diferentes petiscos ou pratos elaborados con ingredientes propios destas datas.
Para máis info premer aquí.