Festas Patronais de Santa María

Entre outras está confirmada a presenza de Heredeiros da Crus, Leilía, A Roda, ademais de orquestras como Olympus, Palladium ou Ceniza. O 15 de agosto será o día grande na honra a Santa María e o 16 estará adicado aos emigrantes galegos
Terras de Santiago » Ordes
11 Xullo

A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes xa ten debullado o seu programa de actuacións para as festas patronais de Santa María, as cales se celebrarán dende o 14 ata o 17 de agosto.

     O II Festival Sons de Ordes terá lugar o primeiro día. A música rock e pop dos anos 80 e 90 será a que faga moverse a todos e a todas. Para isto contarase coas actuacións de Dani Royo & Verson´s band. Pero sen dúbida o prato forte para este día virá dun dos grupos pioneiros do estilo bravú, Heredeiros da Crus.

      Para o día grande, o 15 de agosto, o ambiente de orquestra inundará Ordes grazas ás actuacións de Palladium e da Orquestra Principal. Por suposto non faltará a misa solemne (12 horas) seguida da procesión, na que sempre participan centos de veciños e veciñas acompañando á imaxe da santa polas principais rúas do pobo. A Banda Escola de Música de Rianxo e os gaiteiros e cabezudos tradicionais da Asociación Cultural Espadana animarán a mañá.

     Como cada ano a xornada do día 16 terá como máximos protagonistas ás persoas que un día tiveron que saír da súa terra en busca dun futuro con posibilidades. O Día do Emigrante incluirá misa (13 horas) e ofrenda floral ante o monumento erixido na honra da diáspora galega. A Banda de Música de Ordes e o grupo Acirema porán a nota musical desa mañá. Xa pola noite celebrarase o III Festival Folk. Este ano o cartel compóñeno dous grupos referentes dentro da música tradicional galega, as pandeireteiras Leilía e os vigueses A Roda.

     Para pechar as festas o día 17 están confirmadas as actuacións das orquestras Olympus e Ceniza. Ademais tamén haberá unha gran feira de artesanía.

Aquelas persoas que queiran colaborar coas festas poden facer un ingreso a Asociación de Festexos da Vila de Ordes no  seguinte número de conta do Pastor Grupo Banco Popular: ES34–0238-8188-2506-0105-1240.

Galego