Fin de semana dos naufraxios

A fin de semana do 10, 11 e 12 de novembro, o Concello de Camariñas homenaxea aos náufragos da Costa da Morte no 127º aniversario do afundimento do HMS Serpent.
Fin de semana dos naufraxios en Camariñas. 10, 11 e 12 de novembro.
Costa da Morte » Camariñas
11 Novembro
11:00

Na fin de semana do 10, 11 e 12 de novembro, Camariñas volverá a ter unha emotiva cita co seu pasado. O vindeiro venres, día 10 de novembro, cúmprese o 127 aniversario do afundimento, na costa de Camariñas, do torpedeiro da Royal Navy HMS Serpent, tráxico suceso no que faleceron 172 dos 175 tripulantes que ían a bordo deste buque inglés e que foron soterrados no agora coñecido como Cemiterio dos Ingleses de Camariñas.

Nestas datas e como cada ano, o Concello celebra unha serie de actos de homenaxe en memoria dos náufragos da Costa da Morte e do afundimento do HMS Serpent. Estes significativos e tradicionais actos veranse arroupados este ano, por un programa de actividades relacionadas cos naufraxios: música, teatro, relatos, testemuñas, exposicións e unha ruta guiada, entre outros.

O venres, 10 de novembro, a partir das 21:00, terán lugar no Cemiterio dos Ingleses os actos en homenaxe ao HMS Serpent e aos náufragos da Costa da Morte. A noite dará comezo coa representación teatral de Noite de Naufraxios da man de Dequenquen Teatro; logo terá lugar o descubrimento da placa que indica que o Cemiterio dos Ingleses forma parte da European Cemeteries Route (Ruta Europea dos Cemiterios) declarada Ruta Cultural Europea polo Consello de Europa; e, de seguido, homenaxe do Concello de Camariñas e da Real Liga Naval Española a todas as vítimas dos naufraxios acontecidos na Costa da Morte.

O sábado, 11 de novembro, ás 11:00, ruta guiada por Bernardino Martínez na contorna do Cemiterio dos Ingleses. Verase na pantalla dos móbiles o naufraxio do Serpent usando Layar, app de Realidade Aumentada, coa que se descubren 62 naufraxios e escoitanse as suás historias. Ruta gratuíta, previa inscrición no punto de información turística de Camariñas, teléfono 981 73 72 04 e correo electrónico turismo@camarinas.net. A partir das 12:00, exposición fotográfica sobre o naufraxio do HMS Serpent ao longo do Paseo Marítimo de Camariñas.

Durante toda a fin de semana, nos locais de hostalaría de Camariñas, poderase desfrutar de música e relatos, na compaña duns petiscos temáticos tamén relacionados cos naufraxios. Así pois, en colaboración coa hostalaría, ofrécense un conxunto de actividades que somerxerán aos presentes nun mar de historias, lembranzas, mitos e lendas sobre os naufraxios da nosa costa.

Para máis información, poden consultar o programa de actividades no seguinte enlace: PROGRAMA DA FIN DE SEMANA DOS NAUFRAXIOS.

 

 

 

Galego