A Muiñada de Vimianzo

A terceira edición da Muiñada de Vimianzo consolídase como unha festa moi singular e especialmente alegre onde aprender ou rememorar aspectos do noso pasado recente e a cultura popular
Muiñada 3
Costa da Morte » Vimianzo
21 Outubro

O próximo sábado 21 de outubro en Vimianzo poderemos gozar do que os organizadores chaman unha antropofesta ou muiñada moi singular. Unha celebración destinada á lembranza, pero tamén á reivindicación alegre dun pasado aínda recente, cando o muíño era ademais dun lugar de traballo, un sitio para o encontro das xentes. Rememorando aquelas reunións, moitas das veces festeiras e capaces de animar as rutinas máis fatigosas, xurde a Muiñada de Vimianzo, que toma como escenario o Muíño da Agra, interesante testemuña da tradición en Vimianzo situado no propio centro da Vila.

A xornada comezará alegre con choupos teatrais e cantos de taberna dende a mañá, a música tradicional continuará durante a Sesión Café, de pota por suposto, mentres  inauguran un mercado retro e eco, que ademais de produtos ecolóxicos presentará obxectos doutros tempos. A colaboración da veciñanza será fundamental e ben apreciada coas doazóns de empanadas ou doces, así como no artellamento de distintas actividades como unha exposición de fotografías antigas, a pasarela de oficios ou a debullada popular. A brincadeira animarase durante a cea e o magosto popular acompañarase de foliada, para continuar durante toda a noite cunha sucesión de concertos ben interesantes ó son de Ghavetas, Tanxugueiras e a Compañía do Ruído.

En definitiva a Muiñada de Vimianzo vaise consolidando na súa terceira edición como unha celebración da tradición, onde podemos aprender ou recordar moitos aspectos da nosa cultura popular ó tempo que nos divertimos revivindo a festa compartida entre  os máis novos e os vellos, entre todos os veciños e aqueles que teñan a ben achegarse a esta xeira tan especial.

Galego