Presentación do libro "No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos" do escritor Héitor Picallo

O venres 22 de febreiro ás 20:30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, presentarase o novo libro de Héitor Picallo
Barbanza-Arousa » A Pobra do Caramiñal
22 Febreiro
20:30

O vindeiro venres o Museo Valle-Inclán vai celebrar no seu auditorio a presentación do libro "No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos", editado pola editorial Fervenza en outubro de 2018.

Dentro das diversas iniciativas promovidas por esta institución, a realización de actividades de promoción e difusión do noso patrimonio considéranse funcións prioritarias das súas tarefas.

Esta publicación recolle o último traballo do escritor e ilustrador Héitor Picallo Fuentes (Cuntis, 1974) na súa faceta de investigador e dinamizador da nosa herdanza común. Colaborador e amigo deste museo, baséase nunha extensa e meticulosa análise documental para recuperar a importancia histórica desta árbore e os seus froitos en Galicia. En palabras do director do museo Valle-Inclán, o historiador Antonio González Millán, este libro é “a mellor historia escrita sobre os usos e implantación do castiñeiro e a súa rendibilidade social, económica e cultural na Galicia Medieval”.

Cunha perspectiva antropolóxica e global, o autor realiza unha revisión dos usos do castiñeiro que vai máis aló da súa presenza na nosa paisaxe. Achéganos aos diferentes aproveitamentos históricos, fonte de riqueza e sinal de prestixio, así como o seu impacto en diversos aspectos da Idade Media: dende a economía á creación artesanal e artística, da gastronomía á toponimia.

Podemos afirmar que con este estudo Héitor Picallo demostra unha vez máis o seu compromiso na difusión e defensa do noso patrimonio, ao por en valor toda unha serie de aspectos vencellados ao castiñeiro convidándonos a reflexionar sobre a súa profunda imbricación en expresións actuais da nosa cultura. E é que en Galicia, a sombra do castiñeiro é alongada.

Entrada de balde!

Intervirán:

Antonio González Millán (director do Museo Valle-Inclán)

Heitor Picallo (autor do libro)

Galego