Programa de roteiros "Verán no Tambre"

Volve unha nova edición do programa de roteiros "Verán no Tambre" nos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra.
rutas, sendeirismo, senderismo, río Tambre, Negreira, A Baña, Val do Dubra,
Terras de Santiago » Negreira
08 Agosto a 05 Setembro

Os concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra organizan por segundo ano consecutivo o Verán no Tambre, un programa con tres rutas de sendeirismo nas proximidades do río Tambre, coas que se visitarán paisaxes únicas e enclaves singulares que forman parte da historia da zona.
O 8 de agosto, xuntarémonos na praza da feira de Negreira para percorrer a coñecida Ruta dos tres Pazos, con 15,5 Km circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, o monte Bergando, a eterna Ponte Maceira e os tres grandes pazos que hai no concello: o do Cotón, o de Baladrón e o de Albariña, todos eles a pouca distancia do Tambre.
O 29 de agosto, partiremos da área recreativa de Fiopáns (A Baña) para facer a Ruta da Ribeira do Tambre cos seus 11 Km entre ida e volta. Subindo o río ao deixarmos atrás o Portalaxe coas súas pontellas, percorreremos camiños de pescadores e de labregos, e deixarémonos levar por un inmenso bosque de galería con carballos centenarios (como o de Cancelos) e muíños que contribuíron a escribir a nosa historia.
O 5 de setembro achegámonos á Ruta do Remuíño, con 13 Km entre ida e volta; partimos do colexio de Portomouro (Val do Dubra), para subir río arriba pasando a impoñente ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e os restos da súa vella capela, bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira desta zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do S. XX.
As saídas serán ás 09:00 e cómpre inscribirse previamente no número de teléfono 650 796 956 para calquera das tres rutas.
Debido á situación sanitaria actual, haberá prazas limitadas, e cada persoa poderá inscribir un máximo de 4 persoas.
É imprescindible o uso de máscara e seguir as recomendacións sanitarias vixentes.

Galego