Roteiro a pé dende Soaserra (Cabanas) a Caaveiro

O Concello de Cabanas, a través da área de deporte, organiza unha nova saída de sendeirismo no marco do programa “Pateando Cabanas”, que terá lugar o próximo sábado 21 de maio, con saída ás 9 horas da Igrexa de Soaserra.
Trátase dunha ruta circular, de 15 quilómetros, cun desnivel de subida duns 450 metros, polo que a súa dificultade será alta. O percorrido parte da Igrexa de Santa Olaia de Soaserra, levando ás participantes até Coto Redondo, o Mosteiro de Caaveiro e o Río Eume, para regresar despois ao punto de partida, onde se conta chegar arredor das 14 horas.
A ruta ten descensos por pistas esvaradías con lousas soltas, polo que é recomendable o uso de bastóns. No percorrido contemplaranse varios puntos con vistas panorámicas, nos que se pode desfrutar da paisaxe das Fragas.
O prazo de inscrición permanecerá aberto até o próximo mércores 18 de maio, e as inscricións poden facerse a través da plataforma de xestión deportiva Sporttia: https://app.sporttia.com/events/3879 ou enviando un correo a deporte@cabanas.gal, no que se debe indicar o nome e apelidos, DNI, data de nacemento (día/mes/ano), número de teléfono e localidade de procedencia.
Recoméndase levar roupa e calzado axeitados (botas ou zapatillas de montaña con taco), así como auga e algo para comer. Lémbrase ademais que esta actividade require dun mínimo de preparación física e estar exento de patoloxías médicas que desaconsellen a práctica da actividade deportiva.