Torpedeiro Habana (1888-2018): 130 anos dunha catástrofe

O 5 de abril de 1888 a escuadra formada polos torpedeiros Habana, Azor, Halcón, Rayo, Ariete e o Cazatorpedeiros Destructor partiu de Ferrol nas primeiras horas da mañá. Ese día, navegando entre Cabo da Nave e Fisterra, viuse saír polo ventilador da cámara de caldeiras e polas escotillas de baixada á máquina do torpedeiro Habana gran cantidade de vapor e fume que daban conta dunha avaría na zona de caldeiras. Isto confirmouse cando se oíron os berros de socorro, dor e sufrimento e se viron saír catro homes case carbonizados da zona de caldeiras.
O Cazatorpedeiros Destructor e o Torpedeiro Ariete déronse conta da gravidade da situación e puxeron rumbo ao Habana para auxilialo. Coa colaboración dos buques e da súa dotación púidose poñer a salvo o persoal do Habana, chegar ao Cabo Fisterra e fondear o buque en Corcubión, éxito que se debeu en grande medida ao Comandante do Habana, Juan Ozamiz e ao do Destructor, Fernando Villaamil.
Nesa mesma tarde, no antigo cemiterio de Corcubión (situado onde actualmente se atopan os xulgados da vila) deuse sepultura aos restos das catro vítimas mortais.
Corcubión e todo o país amosaron unha grande solidariedade coas vítimas desta traxedia, recadando donativos para axudar ás vítimas e aos seus familiares. Tamén é de eloxiar o comportamento dos seus compañeiros, que por iniciativa propia decidiron levantar un mausoleo que perpetuase a memoria destes mariños. O mausoleo consistiu nunha columna truncada simbolizando así que se lles cortou a vida en toda a súa plenitude; nel figura a seguinte inscrición:
A la memoria de los maquinistas de la Armada D. José Manso, D. Bernardo Montero y los fogoneros Antonio Aneiros y Pedro Martínez Vidal, que víctimas del cumplimiento de su deber fallecieron en el torpedero HABANA el 5 de abril de 1888. Las dotaciones del HABANA, DESTRUCTOR, ARIETE Y FERROLANO.
Con motivo do 130 aniversario desta traxedia, o sábado 7 de xullo inaugúrase a exposición sobre o torpedeiro Habana. Poderase visitar ata o 30 de setembro, en horario de 10:00 a 19:00h, no edificio do antigo cárcere de Corcubión, situado no porto da mesma vila.
Por outra parte, o 7 de xullo tamén terán lugar os seguintes actos en relación con este buque:
- De 10:30h a 11:30h: xornadas de portas abertas no Patrullero P-28 Tabarca no porto de Corcubión.
- Ás 12:00h: acto de homenaxe ás vítimas do Torpedeiro Habana.
- Ás 12:30h: inauguración da exposición “Torpedeiro Habana (1888-2018): 130 anos dunha catástrofe”.
- De 15:00h a 17:00h: xornadas de portas abertas no Patrullero P-28 Tabarca no porto de Corcubión.
Máis información en Revista General de Marina (maio 2018).