TOURO NADAL

Achegámonos a unhas datas moi especiais para a veciñanza, nas que esta nova normalidade obríganos a reinventar as actividades tradicionais do NADAL porque en Touro, o mes de decembro non esquecerá as festas!
TOURO NADAL
Terras de Santiago » Touro
07 Decembro a 28 Decembro

 

Comezamos esta singular programación coas vacacións da cativada, nun concerto de Nadal moi especial: Os Apalpadoriños, con Álvaro Cardalda, lago Prieto, Nelson Quinteiro e Yohel Santos, entre outros/as. Dende o lugar máis agochado do Courel chegarán o Xigantón do Apalpador e máis a Apalpadora Xigante, dous títeres de máis de 3 m. de alto aos que acompañan Os Apalpadoriños, elfos rústicos e axudantes destes personaxes

Lembrade vir coas vosas cartas para o Apalpador e a Apalpadora!

A un día da gran cea de Noiteboa gozaremos cun espectáculo baseado no libro-cd A voar, un conto para soñar con música para brincar de Cê Orquestra Pantasma, no que ao son do seu enerxético ritmo, Cê Orquestra Pantasma pretender axudar as nenas e nenos a reivindicaren a confianza necesaria para satisfaceren as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre; así pois, rapazada... a voar!!

As cativas e os cativos que non mandaran as súas cartas poderán facelo nesta xornada nun correo especial para Papá Noel!

Non hai dúbida, o protagonismo destas festas vai para a cativada! Nunhas datas tan sinaladas, marcadas pola nova normalidade, as nenas e os nenos do concello de Touro seguirán a gozar das tradicións do Nadal e unha árbore moi especial agardará polos desexos, debuxos ou pequenos afeites de todos na Casa da Cultura para deslumbrar ao novo ano coa vosa creatividade. Participade todas e todos no derradeiro reto do ano!

E para que todas e todos poidamos seguir gozando desta maxia, a poucos días de rematar o ano toda a veciñanza poderá deixar as cartas para as súas maxestades de oriente no buzón disposto no concello ou no seu propio correo electrónico reis.magos@concellodetouro.gal

Coa estrea do novo ano e agardando pola visita dos Reis Magos de Oriente, a cativada de Touro coñecerá das súas maxestades as dúbidas coas cartas recibidas, porque este ano tan especial, Melchor, Gaspar e Baltasar queren atinar ben con cada un dos desexos da veciñanza. Estade moi atentas e atentos ao correo!

PROGRAMACIÓN DECEMBRO

Pavillón e Casa da Cultura de Touro

  • ÁRBORE DO NADAL                                             Desde o martes 2
  • OS APALPADORIÑOS                                           Venres 18 ás 17.30 h
  • A VOAR                                                                  Mércores 23 ás 17 h
  • ÁRBORE DOS DESEXOS                                     Ata o mércores 23 ás 17 h
  • CARTAS AOS REIS MAGOS DE ORIENTE          Ata o luns 28 ás 14.30 h

Ditos espectáculos terán lugar na Casa da Cultura e a celebración dos mesmos adáptase ás esixencias marcadas pola pandemia do COVID-19 e o uso de máscaras e a hixiene de mans é de obrigado cumprimento para o acceso ao recinto previa inscrición.

Debido ás ditas medidas de seguridade, protección e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19 prégase acudir con anticipación á hora sinalada para acceder de maneira ordenada e cumprindo cos protocolos de seguridade.

Galego