Turismo Científico

O Turismo Científico no concello de Arteixo iniciouse con tres paseos xeolóxicos realizados durante os anos 2016 e 2017, e que continuarán neste 2018. Na presente anualidade impúlsase con outros dous paseos arqueolóxicos. O turismo científico, que non significa que sexa o mesmo có de natureza, permite entender mellor o funcionamento da natureza e do medio que se visita. Por exemplo, saber que temos praias fósiles en Barrañán e Sorrizo, o gabro á vista na canteira de Barrañán, campos de dobras en Campelo, unha falla de desgarre en Valcovo, unha furna circular na Torre (pseudokarst)... Nos paseos arqueolóxicos deste ano comezamos cunha visita á "Loureda patrimonial" a través da cal se explica o patrimonio histórico e etnográfico da zona do Igrexario, o significado do castro de Santa Locaia e a súa situación de atalaia no val de Loureda, as estribacións do golfo Ártabro, a configuración da paisaxe histórica ou as pedrafitas ou menhires como expresión da cultura megalítica en Vilarchán (na zona de deslinde entre o concello de Arteixo e o concello da Laracha).
Este paseo realizarase o 7 de abril, saíndo ás 10.00 horas da oficina de turismo. É necesario facer a inscrición na propia oficina ou chamar ao 981 659 177. Máis información.