No Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, exponse dende o día 16 a mostra “As baterías de costa da provincia de A Coruña”. A exposición, cedida temporalmente pola Deputación Provincial de A Coruña, está composta por 20 paneis que recollen a ubicación, descrición e funcionalidade destas construcións estratéxicas, historicamente indispensables para a protección das prazas de A Coruña e Ferrol e do territorio marítimo do Golfo Ártabro.
O día 18 as 20:00 horas, contaremos coa presenza do destacado estudoso da historia militar, José M. López Hermida, e con José M. Yáñez Rodríguez, xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación e especialista no patrimonio construído da provincia, coautores do libro “La defensa de la costa. Provincia de A Coruña”. Ofrecerannos un interesante relatorio sobre a importancia histórica e o valor patrimonial destes elementos defensivos das nosas costas. A entrada é libre ata completar aforo da sala.
A exposición “As baterías da costa”, que forma parte das actividades programadas polo CIMM de Cabanas destinadas a divulgar, visibilizar e dinamizar os recursos patrimoniais do noso territorio, permanecerá aberta ao público durante toda a segunda quincena de xullo no horario habitual do centro.
Posteriormente, a mostra poderá visiarse nos concellos de Sada, Ares, Valdoviño, Ferrol e, xa no outono, no Castelo de Santa Cruz en Oleiros