‘A Paisaxe que Sabe’ da Deputación, presente no CHICHAFEST de Santiago

Contido recente

Regueira asistiu esta mañá ao encontro, acompañado da alcaldesa, Goretti Sanmartín.
sábado, 13 Xuño, 2026

A campaña da Deputación da Coruña, ‘A Paisaxe que Sabe’, conta cun protagonismo central hoxe, sábado 13 de xuño, no CHICHAFEST. O evento, que acolle a gran final da primeira edición do certame musical ONDACHICHA na Sala Capitol de Santiago de Compostela, contará cun espazo gastronómico propio da institución provincial deseñado para promover a excelencia agroalimentaria e o territorio da provincia da Coruña.

A través deste espazo, as persoas que asistan ao festival poderán degustar algúns dos mellores produtos locais da nosa gastronomía mentres gozan da proposta musical do festival. O obxectivo que se persegue coa presenza de ‘A Paisaxe que Sabe’ neste tipo de eventos é combinar a gastronomía e o produto local da provincia con espazos culturais e todo tipo de feiras, dándolles un espazo aos produtores e cociñeiros e cociñeiras da provincia para amosar todo o potencial que ten a provincia da Coruña a nivel gastronómico.

As portas da Sala Capitol abriranse ás 12:30 horas para recibir aos asistentes, dando paso ás 13:00 á presentación oficial do proxecto ONDACHICHA. A partir das 13:30 arrancará formalmente a sesión vermú, momento no que o espazo gastronómico de A Paisaxe que Sabe cobrará especial relevancia coas propostas de produtores locais, degustacións, activacións e diversas sorpresas que convivirán cunha barra especial de Chichalovers.

O apartado musical comezará ás 15:00 cos concertos das tres bandas finalistas: Fuego Lolita, WhyNot e Skadelos, que competirán pola gravación dun EP nos estudos Garaxeland. Tras as actuacións, o xurado profesional retirarase a deliberar ás 17:00, para anunciar a banda gañadora media hora despois. O evento pecharase ás 18:15 cun acto de agradecemento, completando unha xornada única que une o talento emerxente galego co mellor da nosa despensa.