Regueira reivindica o «modelo de éxito» do Xeoparque Cabo Ortegal baseado na colaboración institucional

Contido recente

O vicepresidente da Deputación participou nun acto de ASICOTUR onde repasou o proceso de certificación do Xeoparque e puxo en valor o traballo desenvolvido ao abeiro do PSTD
xoves, 28 Maio, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta tarde no II Taller de Cooperación Turística Internacional organizado por ASICOTUR en Lobios (Ourense), un encontro centrado na imaxe visual dos destinos turísticos como ferramenta de cooperación e promoción internacional. A xornada reuniu representantes institucionais e profesionais do sector turístico de Europa, América e África para abordar estratexias de promoción turística transnacional, identidade visual e desenvolvemento territorial sustentábel.

Regueira tomou a palabra no acto inaugural xunto a representantes de ASICOTUR, ONU Turismo, Turismo de Galicia, o Clúster de Turismo de Galicia, o INORDE e a Embaixada de Cabo Verde en España.

Posteriormente, o vicepresidente da Deputación interveu cun relatorio sobre o proceso de certificación do Xeoparque Cabo Ortegal por parte da Unesco. Xosé Regueira explicou que o proceso comezou en 2020, cando o proxecto non superou o primeiro filtro, continuou en 2021, cando xa pasou o corte, até que en 2022 foi admitida a candidatura, fundamentalmente grazas «á excelencia» do expediente presentado.

O tamén deputado de Turismo e Promoción Económica reivindicou o «modelo de éxito» que permitiu a certificación do Xeoparque Cabo Ortegal, destacando especialmente a colaboración entre administracións como unha das claves do proceso.

Tras enumerar todo o traballo realizado ao abeiro do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, subliñou que o recoñecemento da Unesco «é o maior logro nos anos que levo na política provincial» e incidiu na necesidade de continuar traballando na xestión e consolidación.

Entrega de distintivos

Por outra parte, o vicepresidente da Deputación participará mañá, xoves 28 de maio, ás 18 horas, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira, no acto institucional de entrega dos distintivos ás primeiras empresas adheridas á marca agroalimentaria KB0 Ortegal.

No acto participarán tamén o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, Alberto Rey, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín.