Proxecto Life WaterWay

PROXECTO LIFE WATER WAY" (CREACIÓN DUN NOVO CONCEPTO DE FONTES PÚBLICAS E DEMOSTRACIÓN DA SÚA VIABILIDADE NO CAMIÑO INGLÉS)

ENLACE VÍDEO FASE 1: https://youtu.be/UVSRlx_NP5k

O proxecto Life Water Way forma parte do programa Life, que é o instrumento financeiro da Unión Europea para a promoción de tecnoloxías innovadoras en materia de medio ambiente que permitan "vivir ben, respectando os límites do noso planeta".

As bases do Programa LIFE da Unión Europea foron establecidas polo Regulamento (UE) nº 1293/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, relativo ao establecemento dun Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 614/2007 (DOUEL do 20 de decembro do 2013).

O coordinador do proxecto é o Concello de Abegondo. O coordinador, ademais das actividades técnicas que lle correspondan na súa condición de beneficiario do proxecto, realizará, entre outras, as seguintes funcións: comunicación coa Axencia, transferencia dos fondos a cada un dos socios beneficiarios e supervisión do progreso do proxecto.

Os beneficiarios asociados son a entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Consellería de Sanidade, a Deputación Provincial da Coruña, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

Problema medioambiental:

O problema ambiental que xustifica este proxecto é a paulatina desaparición en Europa das fontes naturais destinadas ao consumo humano conforme á Directiva 98/83/CE. Así, na actualidade non é posible ofrecer auga con garantía sanitaria nas sendas e itinerarios naturais e culturais europeos nos tramos onde non existen redes de abastecemento de augas, entre eles o Camiño de Santiago.

 

Obxectivo do proxecto:

Coa finalidade de dar resposta á necesidade exposta no apartado anterior, o Concello de Abegondo (beneficiario coordinador), a Consellería de Sanidade,  a entidade empresarial Augas de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (beneficiarios asociados), puxéronse dacordo para desenvolver no marco do devandito Programa Life da Unión Europea o proxecto "Creating a new concept of natural drinking fountains and demonstrating its viability along ST James' Way: LIFE16 ENV/ES/000533 WATER WAY" (Creación dun novo concepto de fontes públicas e demostración da súa viabilidade ao longo do Camiño de Santiago).

Deste xeito, o obxectivo principal do proxecto é, conforme á Directiva 98/83/CE desenvolver unha estratexia que permita recuperar as fontes públicas tradicionais como solución de micro-abastecemento en áreas onde non chegan as redes centralizadas de augas de consumo.

O éxito deste reto dependerá da consecución coordinada de cinco (5) metas:

1. Determinar un protocolo de actuación extrapolable a calquera contorna e situación fronte aos actuais riscos sanitarios do consumo de auga a partir de mananciais naturais.

2. Deseñar un prototipo de sistema de tratamento de baixo custo, inédito neste tipo de abastecementos.

3. Alcanzar a sostenibilidade do servizo introducindo un novo enfoque que traslade a recuperación de custos ao usuario.

4. Evidenciar a eficacia da actuación nun contexto determinado pola demanda de consumo.

5.Proporcionar ferramentas que incentiven a replicación desta iniciativa noutros concellos.

A viabilidade do proxecto será demostrada nun dos tramos do "Camiños de Santiago" coñecido como Camiño Inglés, que ten orixe nos portos de Ferrol e A Coruña, onde existe unha afluencia masiva de eco-turistas que se desprazan a pé e, por tanto, consumen volumes considerables de auga, entre os que, con toda probabilidade, o obxectivo do proxecto tería unha boa acollida.

Para máis información: https://lifewaterway.eu/