
A Deputación da Coruña participou hoxe na inauguración oficial da 51.ª Festa do Queixo de Arzúa, unha das citas gastronómicas máis consolidadas de Galiza, reafirmando o seu apoio aos eventos que contribúen á valorización do produto local, ao impulso económico do rural e á promoción turística da provincia. O acto institucional, celebrado na carpa instalada no Campo da Feira, incluíu a entrega do premio do concurso de tapas e petiscos, a homenaxe ás mulleres e aos homes da migración, as intervencións das autoridades e un pregón a cargo do actor Federico Pérez.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que a Festa do Queixo «representa moitísimas máis cousas ca unha simple festa», situándoa no corazón produtivo do país. Defendeu que Galiza ten na produción alimentaria de alta calidade unha das súas grandes fortalezas e apelou á responsabilidade das administracións públicas na súa protección.
O tamén deputado de Turismo e Promoción Económica subliñou que «o noso verdadeiro Silicon Valley é toda a xente que ao longo e ao largo do noso país é capaz, con moitos esforzos, de producir alimentos de altísima calidade», afirmou, reivindicando o papel das explotacións gandeiras e das queixarías como referencia internacional. Regueira expresou ademais o desexo de que esta 51.ª edición sexa unha oportunidade de negocio para o sector e unha celebración dunha comarca viva, convidando tamén a visitar o Mercado da Deputación, presente no recinto feiral.
A deputada de Plans, Cristina García Rey, puxo o acento na traxectoria da celebración, asegurando que «cincuenta e un non é un número calquera», senón a constatación de que cando existe un produto auténtico e unha comunidade que cre no que fai «non fan falta modas nin artificios».
García Rey destacou especialmente o papel das queixeiras e queixeiros, convertendo o coñecemento herdado en excelencia, e subliñou que o produto de proximidade constitúe unha garantía fronte ás importacións. Neste sentido, trasladou o compromiso da Deputación co sector, asegurando que o seu traballo «é visíbel, é valioso e conta co noso apoio».
Pola súa parte, o alcalde de Arzúa reivindicou a constancia colectiva como clave no máis de medio cento de edicións da festa. Xoán Xesús Carril afirmou que esta celebración se explica pola constancia dun pobo que soubo converter o seu traballo diario nun símbolo colectivo, defendendo que o queixo Arzúa-Ulloa representa un modelo de desenvolvemento ligado á calidade, á proximidade e ao respecto pola contorna. «A Festa do Queixo é proba de que cando un pobo cre en si mesmo é imparábel», sentenciou o rexedor local.
Mercado da Deputación de ‘A paisaxe que sabe’
A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa Festa do Queixo a través da marca gastronómica provincial ‘A paisaxe que sabe’, cun espazo propio no Mercado da Deputación e coa organización de demostracións culinarias ao longo da fin de semana, reforzando a conexión entre gastronomía, territorio e promoción económica.
A institución provincial subliña o papel da Festa do Queixo como escaparate da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e como motor de dinamización social, cultural e económica da comarca e do conxunto da provincia.


