Exposición do naturalista Víctor López Seoane

O Concello de Zas prepara unha exposición do naturalista Víctor López Seoane
Costa da Morte » Zas
13 Outubro a 18 Novembro
Torres do Allo

O pazo máis antigo de Galicia, con 526 anos de antigüidade, atesoura moita historia entre as súas pedras. Unha delas é que alí viviu un dos científicos naturalistas máis importantes da súa época: Víctor López-Seoane.

Este ilustre veciño de Zas casou a mediados do século XIX con Francisca de Riobóo, dona das Torres do Allo; motivo polo cal puido adicar a súa vida ao estudo de plantas e animais. Dende o pazo do Allo mantiña correspondencia internacional con Charles Darwin ou Fernand Lataste, dous dos máis importantes científicos da Historia. Chegou incluso a recibir a visita de Ragnar Hult, o botánico finlandés, nas Torres do Allo.

Pero quizais os fitos máis destacados de Víctor López-Seoane son o descubrimento de novas especies animais que levan o seu nome; como a víbora galega, chamada Vipera seoanei na súa honra; así como a publicación da primeira Historia Natural de Galicia.

A Concellería de Cultura de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza unha exposición monográfica titulada "Seoane: o naturalista das Torres do Allo" sobre a súa figura. A inauguración terá lugar o vindeiro sábado día 13 de outubro á 13:00 e poderá visitarse os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00 ata o 18 de novembro.

Na exposición participa tamén o Museo de Historia Natural e o Herbario SANT da USC, os Museos Científicos Coruñeses, o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, o Museo do Pobo Galego, e a Charles Darwin Foundation; institucións que ceden exemplares de plantas e animais, así como documentación relativa á vida e traballo científico de Seoane.