IX Mostra de promoción local de Carnota Víndemo Ver Mercado da Deputación
Despois de dous anos de ausencia por mor da COVID, en Semana Santa, a praza de San Gregorio de Carnota acollerá novamente unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores locais dentro do “Mercado da Deputación”.
Ademais destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.
A mostra compleméntase cunha ampla oferta de actividades paralelas: eventos deportivos, como unha ruta BTT o venres 15 de abril e unha andaina o sábado 16; maxia, xogos e obradoiros para os máis cativos.
Para amenizar as noites haberá música e teatro. O venres 15, Quico Cadaval e Celso Sanmartín presentarán o espectáculo “Contos de vellas” e para rematar, un concerto de Pablo Balseiro. E o sábado 16, temos noite de concertos con “De Vacas” e “A Banda de Balbina”.
Este ano, como novidade, a feira estará ambientada nos comezos do século XX. A praza de San Gregorio converterase no escenario dun mercado de principios do século pasado. Para contribuír recrear este ambiente, convidamos a quen asista a acudir caracterizados para a ocasión!