O actor José Sacristán inaugura o "V Festival Internacional do monólogo teatral Singular" en Narón

O programa do festival Singular inclúe sete monólogos no Pazo da Cultura e outras propostas vencelladas ao mundo do teatro que se sucederán no Pazo da Cultura de Narón e noutros espazos da cidade do 7 ao 28 de marzo
Ferrolterra e Eume » Narón
07 Marzo a 28 Marzo

Narón, 3 de marzo de 2020. O actor José Sacristán será o encargado de abrir o programa da quinta edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular co espectáculo “Señora de rojo sobre fondo gris”. Trátase dunha proposta da compañía madrileña Pentación Espectáculos que se poderá ver no Pazo da Cultura este sábado, día 7, ás 20.00 horas. Este festival, cun programa que inclúe seis monólogos máis, mesas redondas, obradoiros e outras actividades, organízao o Padroado da Cultura en colaboración con Redelae, o Agadic, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

            “Señora de rojo sobre fondo gris” é unha adaptación da obra do escritor español Miguel Delibes sobre a que traballou o propio Sacristán xunto con José Sámano (director e produtor do espectáculo) e Inés Camiña. Conta a historia dun pintor que está sumido nunha crise creativa dende que faleceu a súa muller e que o levou a deixar de coller os pinceis. É un monólogo no que se fala da morte e tamén da historia previa, da enfermidade da muller e que responde ás vivencias do propio Miguel Delibes que escribiu tralo falecemento da súa muller. A historia céntrase no verán e outono do ano 1975. As entradas dispoñibles para os espectáculos –para o de José Sacristán están a piques de esgotarse- poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web: www.padroadodacultura.es.

Para consultar máis información do festival nas webs: http://www.naron.es ou http://www.padroadodecultura.es

Galego