O Faro de Cabo Vilán acolle a exposición 'Mar de Crebas' do 1 de xuño ao 5 de xullo

A sala de exposicións que xestiona a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas no faro de Cabo Vilán levará a cabo esta nova exposición artística de Retoque Retro
Costa da Morte » Camariñas
01 Xuño a 05 Xullo

Esta exposición de Retoque Retro, xunto coa limpeza da contorna ao Faro Vilán prevista para o próximo día 11 de xuño, forma parte dunha serie de actividades de educación ambiental e información sobre os ecosistemas litorais que a se vai levar a cabo dende a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas.

Retoque Retro son unha asociación sen ánimo de lucro en defensa da arte e do medio ambiente con especial atención ao medio mariño. Javier Serantes (escultor), Ana Lee (mestra) e Isabel García (bióloga), forman unha equipa multidisciplinar unidos pola sensibilidade artística e pola conciencia medioambiental.

Utilizan a arte para concienciar á sociedade. O lixo ninguén o quere mirar, cáusanos rexeitamento e culpabilidade. A arte toca a sensibilidade das persoas, serve para abrir os ollos e pararnos a admirar e reflexionar. O seu ámbito de actuación son as praias. Son crebeiros.

Dende hai 10 anos percorren as praias galegas seleccionando todo o lixo que poida servir para a súa arte e tamén para coleccionar. Teñen moito coñecemento do lixo que se repite con máis frecuencia nas praias, o cal utilizan para divulgar e sensibilizar.

Galego