Éxito do stand da Deputación e os seus showcookings

Contido recente

A área de Turismo volveu á cita anual da feira de tendencias turísticas "Expovacaciones", cun stand propio no que, ademais de dar a coñecer os recursos turísticos dos oito xeodestinos, tamén acollía un programa de showcookings para promocionar a calidade e a singularidade da gastronomía da provincia
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, e Miguel Mosteiro de Gastrolab Arousa
Miguel Giaquinto, cociñeiro da Trattoria Vesuvio, nun showcooking con produtos da Costa da Morte
luns, 8 Maio, 2023

Un ano máis, a área de Turismo, acodiu a esta cita internacional que se celebra en Bilbao para dar a coñecer destinos e recursos turísticos ante público especializado. Tal e como vén facendo nos últimos certames nos que participa, contou cun stand propio no que ofrecer información xenérica dos oito xeodestinos da Coruña e promoveu in situ a gastronomía propia a través de showcookings, como un factor de singularidade e identidade cultural con capacidade para atraer un tipo de turista de calidade e concienciado cos territorios que escolle visitar. Asistiron á cita 3 cociñeiros, cada un deles realizou dúas sesións de cociña en directo, unha ao mediodía e outra pola tarde, nas que ademais de promocionar a gastronomía, tamén deron a coñecer outros produtos e recursos das súas respectivas comarcas.

O cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, foi o encargado de abrir o programa de showcookings como embaixador de produtos da Costa da Morte cunha receira de rissotto en dous tempos con boletus da comarca de Bergantiños e un prato de pasta della Galizia con grelos e polbo.. Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo asegura "Trátase dunha fusión moi interesante que combina unha cociña de concepto italiano co produto de proximidade, e que encaixa perfectamente na filosofía da promoción da campaña 'A provincia que sabe' baseada, precisamente, en parámetros de sustentabilidade e compromiso co territorio".

Na segunda xornada, as demostracións de cociña en directo correron a cargo do cociñeiro Antonio Amenedo, quen foi encargado de poñer en valor a gastronomía e o produto culinario da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Para isto, elaborou dúas receitas: a primeira consistiu nun 'cocido contemporáneo' de repolo de Betanzos; e a segunda nun prato de "fallos", callos con fabas da Reserva da Biosfera.

O último cociñeiro en pasar polo stand foi Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa de Boiro, encargado de poñerlle o broche final ao programa de showcookins. Na sesión da mañá elaborou unha croqueta líquida de chocos na súa tinta e panko crocante, e unha tosta de broa con sardiñas de Rianxo, escalibada e maionesa de pementos de Herbón; mentres que para a sesión da tarde, levou unha receita de xurelo braseado con crema de apionabo e allada, e mexillóns con salsa de curry tailandés.