
O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a riqueza turística e cultural da Coruña en todo o territorio español; concretamente, os seus faros e o patrimonio que os envolve, entre un tipo de turista moi especializado.
O percorrido por todos os faros coruñeses plasmado no calendario da prestixiosa revista National Geographic Viajes que se titula "A Coruña, unha provincia a través dos seus faros" comeza no norte, co faro do Cabo Ortegal protagonizando a portada, e remata no sur, co Faro de Corrubedo (Ribeira) no mes de decembro. Estas imaxes compleméntanse con información sobre o xeoparque mundial do Cabo Ortegal e a cultura surfeira desta zona, e sobre o ribeirense dolmen de Axeitos, respectivamente.
A área de turismo da Deputación promociona, así, por terceiro ano consecutivo, os recursos turísticos da provincia a través do calendario desta revista especializada en viaxes. Na panorámica costeira que ofrece este calendario pódese atopar tamén a Torre de Hércules, o faro do Roncudo de Corme, o Cabo Vilán ou o Faro de Lariño, entre outros, e tamén unha parte dos recursos históricos, naturais e sociais que definen estas zonas.
"Queremos dirixirnos, deste xeito, a un perfil de turista interesado polo patrimonio e a natureza da nosa provincia, amosando parte da riqueza que se pode atopar nos nosos xeodestinos" sinala Regueira. Esta iniciativa enmárcase nunha liña de traballo da entidade provincial que potencia a sustentabilidade turística do territorio, "cunha oferta que manteña autenticidade e sexa sustentable económica, social e medioambientalmente", engade o vicepresidente.