Situado nun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín, en pleno corazón das Fragas do Eume, O Mosteiro de Caaveiro érguese cunha incomparable beleza. Este edificio sufriu numerosas intervencións ao longo da súa historia.
As súas orixes remóntanse ao século X, momento do cal se teñen as primeiras novas da existencia de vida monástica neste lugar.
A historia de Caaveiro vencéllase a San Rosendo pero tamén pertenceu á orde de San Bieito e posteriormente foi mosteiro de cóengos regulares de San Agustín.
Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas, que poderemos visitar e nas que existe un pequeno centro de interpretación do patrimonio ao redor do mosteiro: Igrexa principal, Igrexa de Santa Sabela, cellas, cabildo, sancristía, pozo, almacéns, arquivo, torre do campanario, etc.