O encoro de Beche foi o escenario da VI edición da “Primavera no Camiño Inglés”

Contido recente

admin.dcturismo
ana.gonzalez_137
O evento reuniu os 18 concellos polos que transcorre o Camiño na súa vertente inglesa, coa intención de crear sinerxias e compartir experiencias.
As Mariñas » Abegondo
martes, 13 Xuño, 2023

O encoro de Beche, no Concello de Abegondo, acolleu o sábado 10 de xuño, a sexta edición da feira "Primavera no Camiño Inglés" para promocionar os diferentes atractivos dos municipios polos que transcorre o mesmo. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña foron as encargadas de organizar este evento, que cada ano se traslada a un municipio diferente.

O acto de inauguración correu a cargo de Antonio Leira, deputado en funcións de Economía e Facenda, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás,e José Antonio Santiso, alcalde en funcións do Concello de Abegondo. Asistiron tamén os alcaldes de Culleredo, Miño, Neda, Carral, Mesía, Oroso, Fene e Fisterra, entre outros.

Segundo indicou o deputado provincial, Antonio Leira, "desde a Deputación da Coruña promovemos a reunión dos dezaoito municipios cada ano co obxectivo de fomentar sinerxias e compartir experiencias á hora de poñer en valor o Camiño Inglés e fomentar a súa promoción turística ao longo de toda a provincia".

O presidente da Asociación de Concellos, Manuel Mirás, destacou o traballo conxunto das administracións para promocionar o Camiño e destacou que en Reino Unido hai xa 400 quilómetros sinalizados de ruta do Camiño Inglés.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, declarou que "é todo un pracer para o noso Concello ser a sede desta feira, que serve como encontro para compartir coñecementos con outros municipios sobre o Camiño Inglés e as súas posibilidades turísticas".

Ao longo de todo o día puidéronse visitar cada un dos dezaoito postos colocados polos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) baixo unha gran carpa no encoro.

A programación de actividades dividiuse en tres espazos diferentes: o Escenario Primavera, que era o espazo institucional e feira turística; o Espazo Lúdico Primavera, que acollía os obradoiros infantís e actividades culturais e o Escenario Rede Estelar que é a localización dedicada á gastronomía e ao mercado artesanal.

Durante a xornada sucedéronse as mostras de artesanía tradicional, showcookings en vivo e degustacións de distintos produtos típicos dos lugares do Camiño. A oferta completouse con actuacións de música en vivo, rutas a cabalo e en bicicleta, un mercado de produtos locais, e diversos obradoiros para todos os públicos.