Esta festa, de índole relixiosa pero tamén gastronómica que se celebra cada 9 de xullo na parroquia vimiancesa de Carnés, foi recuperada no ano 1981 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia. Aínda que segue a conservar moitos elementos herdados do pasado o acto central é a degustación dos callos.
A festa ten a súa orixe na fundación da Confraría de San Cristovo de Carnés no ano 1608. Os confrades debían pagar unha cota anual ou caridade destinada a garantir o mantemento do culto que xustifica a existencia desta confraría e toda unha serie de actividades asociadas: misas, comidas de confraternización, gastos de enterros dos confrades,... A primeira lista de confrades consta xa duns 80 membros, maiormente homes pero tamén mulleres, procedentes sobre todo de Carnés, aínda que tamén aparecen persoas de Braño e de Santiago de Traba. Vemos que a procedencia dos confrades non se circunscribe só ao ámbito parroquial, polo que debía de ser un culto importante na zona xa con anterioridade á fundación da institución.
A aparición da obriga de facer unha comida de vésperas e unha festa o día do Santo nos estatutos fundacionais dá unha idea da grande importancia que tiñan estes eventos desde o principio.