Camiño Francés

Dise que o célebre Códice Calixtino, un antigo escrito medieval, é a primeira guía de viaxes. Informaba os viaxeiros que percorrían o Camiño acerca de santuarios, de pobos e mesmo de perigos que se podían atopar. Nel aparece recollido o Camiño Francés.

O Camiño Francés é pois a máis importante das distintas variantes do Camiño de Santiago dado o enorme peso histórico da procedencia vinculada á Europa Medieval. Desde a aparición do sepulcro do Apóstolo Santiago, non tardou en darse a coñecer este itinerario. Nos lugares polos que transcorre, ese carácter histórico deixou impregnada unha ampla pegada cultural, arquitectónica e patrimonial. Iso xera unha atmosfera moi especial, que nos contaxia de distintas épocas e, polo tanto, de distintos estilos artísticos. Aparte diso, o Camiño Francés é coñecido pola beleza dos diferentes espazos naturais, algo que por suposto é aplicable tamén aos treitos finais do mesmo. 

O camiño na provincia

Este Camiño que parte de Francia, entra na provincia da Coruña por Melide, e pasa por Arzúa e O Pino antes de chegar a Santiago. Estas tres poboacións, unidas polas peregrinacións, teñen en común unha destacada gastronomía, brindado ao peregrino  a oportunidade de saborear a cociña da Galicia interior. O melindre, un doce amendoado da terra de Melide, o queixo de Arzúa e o galo Piñeiro do Pino son protagonistas de festas de interese turístico de máis de quince anos de antigüidade. Melide e Arzúa son as dúas principais vilas das Terras do Ulla e Tambre, destacadas, como se pode deducir do seu nome, polos seus ríos, que moldean significativamente o entorno.

Xa na urbe santiaguesa, á marxe de todo o que supón a espectacular Praza do Obradoiro, nas súas inmediacións destacan construcións civís como por exemplo o Pazo de Baamonde ou a Casa de Cabildo, comungando á perfección coas empedradas rúas compostelás. O peregrino tamén pode ver outros atractivos, sempre en harmonía co contexto, como as exposicións do museo do Centro Galego de Arte Contemporáneo (obra do aclamado arquitecto Álvaro Siza), apegado á modernidade e cun ollo posto sobre a realidade da cidade. Ao seu carón, destaca o conxunto que supoñen o Convento de Santo Domingo de Bonaval e o parque, de mesmo nome, que resulta ser un oasis de tranquilidade, vistas e recreación.

 

Etapa: Palas de Rei -  Arzúa. 33,3 km

Que visitar:

Ao entrar na provincia da Coruña na parroquia melidá de Furelos, teremos que cruzar a ponte de Furelos, unha magnífica ponte medieval, unha das xoias da arquitectura civil do Camiño.

Melide é a vila onde se xunta o Camiño Primitivo co máis concorrido Camiño Francés. Nesta localidade poderemos visitar a Ponte de Leboreiro do s. XIV. Destacan tamén a igrexa de San Martiño de Moldes, de San Vicenzo de Vitiriz, de San Xoán de Furelos e o Hospital de Peregrinos hoxe convertido no Museo Terra de Melide.

Xa no Concello de Arzúa, atopamos a igrexa de Santiago en Boente, e seguindo o camiño chegamos á Área Recreativa de Ribadiso, co albergue de peregrinos que foi antigo hospital medieval. 

Concellos polos que pasa a ruta: 

Concello de Toques

Concello de Melide

Concello de Arzúa

 

Etapa: Arzúa - O Pedrouzo. 19,1 km

Que visitar:

Despois de pasar pola Vila de Arzúa, na aldea de Santa Irene, podemos contemplar unha ermida adicada á santa mártir portuguesa, construída no s. XVIII coas achegas dos nobres da aldea de Dos Casas e a fonte santa que posúe, segundo a tradición, propiedades curativas para a pel. 

Concellos polos que pasa a ruta: 

Concello do Pino

 

Etapa: O Pedrouzo -  Santiago de Compostela. 20 km

Que visitar:

Antes de internarnos na monumental Compostela, será unha parada obrigada a do Monte do Gozo, desde o que poderemos contemplar unha excelente panorámica da cidade.

Concellos polos que pasa a ruta: 

Concello de Santiago de Compostela

 

Máis información sobre o Camiño Francés, aquí