A Costa da Morte atópase ao noroeste da provincia da Coruña, e caracterízase por mostrar de modo patente a forza do Océano Atlántico ao longo do seu litoral. Esa significación, móstrase na súa propia denominación. Os romanos, consideraban que o Cabo Finisterrae era a parte máis occidental do continente e, polo tanto, do propio mundo coñecido. A néboa, a bravura do mar, os temporais, a dificultade de navegación e os naufraxios, son feitos que se relacionan habitualmente coa zona, contribuíndo sen dúbida a agrandar esa concepción enigmática de lenda e misterio que rodea á Costa da Morte. 

Se queres descubrir un territorio de seráns incomparables, de beleza extrema, con cantís abismais, praias espléndidas, montañas rochosas e un patrimonio milenario... o teu destino é a Costa da Morte, unha paisaxe única coas praias máis grandes do litoral galego e carreiros que rodean o mar desde Carballo a Laracha. Aprenderás tamén a coñecer Galicia a través dos populares hórreos, aquí atópanse os máis grandes do país, as súas vilas mariñeiras, a artesanal cerámica de Buño e o delicado encaixe de Camariñas. Faros e naufraxios son algúns dos principais elementos dunha infinidade de lendas dun xeodestino especialmente literario. 

Este xeodestino está composto polos concellos da Laracha, Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. 

Praias: paraxes tan virxes e idílicos fan que falar de Costa da Morte sexa facelo da fermosura das súas praias. Así, puntos como Caión, Balarés, Razo ou Baldaio gozan de fama merecida, ofrecendo á persoa visitante servizos e multitude de posibilidades turísticas. Os deportes acuáticos, e máis en concreto o surf, dispoñen dun contexto ideal nestas dinámicas augas, cun enfoque especialmente significativo cara a esta práctica na xa nomeada praia de Razo ou na praia de Soesto en Laxe. Son numerosas as praia que ofrecen unha paisaxe única, entre as que podemos destacar a praia do Trece no Concello de Camariñas, a praia de Seiruga en Malpica, a praia do Lago en Muxía, a praia de Carnota, a praia de Traba en Laxe ou a praia de Lires no Concello de Cee.

Espazos naturais: na parroquia de Ézaro, no municipio de Dumbría, onde desemboca o río Xallas, existe unha grandiosa fervenza e espectaculares vistas cara o mar e a praia. Trátase, sen dúbida, dun recuncho de parada obrigada para quen ama os ambientes naturais únicos. Próximo atópase o monte Pindo (Carnota), marabilloso lugar que moitos historiadores consideraron como o “olimpo celta”. O certo é que a pesar das connotacións da propia denominación da rexión, hai que ter en máxima estima os atractivos da parte máis interior da Costa da Morte. Un interior salpicado polo Anllóns e o Xallas, no que se pode vivir o encanto de lugares únicos como o refuxio de Verdes (Coristanco) ou onde chaman a atención mostras da natureza como os Penedos de Pasarela e Traba. Destacan tamén como espazos naturais de grande interese na comarca o Esteiro de Anllóns en Cabana de Bergantiños, as Caldeiras do Castro en Muxía ou o Espazo Natural Razo Baldaio no Concello de Carballo

Antigüidade: ao longo do tempo, o paso de diferentes culturas deu lugar a distintas manifestacións. O culto á pedra é unha característica da Costa da Morte, onde hai distintos rituais asociados á pedra, como a de abalar, a pedra dos cadrís, a pedra fertilizante de Duio… Hai casos de pedras ás que se lles colocou posteriormente un crucifixo cristián que seguen sendo obxecto de estudo a día de hoxe. Tamén ao redor do famoso e simbólico Santuario da Virxe da Barca, as rochas forman parte transcendente do contexto. Non desentoa esta realidade coa das múltiples mostras de cultura megalítica que se poden visitar, destacando neste sentido o significativo dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) ou o museo arqueolóxico aberto de Carnota.

Patrimonio histórico: non podemos pasar por alto o Pazo das Torres do Allo (Zas) ou o precioso Castelo de Vimianzo, do século XIII, excepcionalmente ben conservado e que alberga ademais un museo dinámico, ao mostrar obxectos da artesanía local. Entre as distintas vilas desta costa destacaremos a arquitectura civil de Corcubión, así como o encanto das vilas mariñeiras de Muxía, Laxe co seu Museo do Mar, Corme en Ponteceso ou Camelle, co Museo do alemán, en Camariñas.  Os faros, son sen dúbida, un dos elementos patrimoniais máis característicos desta costa. A ruta dos Faros ofrece unha alternativa de lecer que permite visitar cada un dos faros existentes entre Malpica e Fisterra, entre os que destacaremos Punta Nariga en Malpica, Touriñán en Muxía, Vilán en Camariñas ou o afamado Faro de Fisterra. O patrimonio etnográfico ten como principal protagonista na Costa da Morte os hórreos, entre os que se deben destacar os Hórreos de Lira e Carnota, como os máis visitados debido ao seu tamaño. O impresionante Mosteiro de San Xiao de Moraime en Muxía, coas súas pinturas medievais que o fan único, o Mosteiro de San Pedro de Soandres na Laracha ou o Dolmen de Dombate coa Ruta dos Dolmens da Costa da Morte son tamén lugares de destino que non deixarán indiferente á persoa que os visite. 

Tradicións: non debemos esquecer o valor da artesanía e a habilidade manual, representadas de forma fantástica na mostra de cerámica de Buño, na fía de liño de Baio, que goza do seu museo, e no encaixe de Camariñas, onde se poden comprobar os froitos da herdanza das técnicas ao longo dos séculos e o arraigadas que están entre sectores da poboación local. Destaca tamén o Naufraxio, en Laxe, un homenaxe á Virxe do Carmen declarado Festa de interese turístico galego. É esta unha comarca de romeiros e romarías con forte arraigo na zona como pode ser a Barca en Muxía, os Miragres de Caión ou o San Hadrián de Malpica. 

 

INDISPENSABLES

Santuario da Virxe da Barca: este edificio de culto, asentado para cristianizar un lugar vinculado a cultos pagáns comezou sendo unha capela construída no século XII. Xunto co actual santuario de estilo barroco, atópase a pedra de abalar, un megalito de 9 metros, así como a pedra dos cadrís, na cal é costume pasar nove veces por baixo dela para curar as distintas doenzas reumáticas.

Faro de Fisterra: o cabo Fisterra, destino final para moitos peregrinos do Camiño de Santiago, é un lugar cheo de maxia e crenzas. O Monte Facho, o faro construído no ano 1853, os salvaxes cantís e as praias virxes que rodean este paraxe, fai de Fisterra unha visita obrigada para as persoas que visitan a Costa da Morte.

Cabo Vilán: este enclave, declarardo de Interés Nacional xa no ano 1933, está presidido polo faro encargado de sinalar un dos tramos máis perigosos da Costa da Morte, pero tamén un dos máis fermosos. Para chegar ao Cabo Vilán desde Camelle pódese percorrer unha das paraxes máis agrestes e fermosas da costa galega. 

Espazo natural do Ézaro: a espectacular fervenza do Ézaro, onde o río Xallas se precipita no mar, é un dos lugares máis concorrido da Costa da Morte. A visita a este espazo e ao miradoiro, desde o que se contempla o Monte Pindo e o pequeno porto de Ézaro, é sen dúbida un destino a non perder no percorrido desta costa máxica. 

Camiño dos faros: trátase dun camiño de 200 quilómetros de sendeirismo pola beira do mar que une Malpica con Fisterra. En 8 etapas, a persoa viaxeira poderá visitar todos os faros da Costa da Morte, tendo como principal protagonista o mar. Gozará dunhas das paisaxes máis espectaculares da península contemplando praias, dunas, ríos, cantís, vilas, castros, dolmens, miradoiros, estuarios, etc.

Dolmen de Dombate: Este monumento megalítico, no que existen dous túmulos superpostos, foi adquirido pola Deputación da Coruña no 1975 e dispón de horarios de visitas regulares que ofrecen a posibilidade de visitar e interpretar este elemento patrimonial clave da comarca.

Illas Sisargas: Este arquipélago, sito no océano Atlántico en fronte a Malpica en plena Costa da Morte está formado por tres illas, Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, que pertencen ao Concello de Malpica de Bergantiños. A illa Sisarga Grande, acolle un faro e un pequeno embarcadoiro.

O Roncudo: A pequena aldea do Roncudo, en Corme, coñecida polo seu faro e os seus percebes, alberga un dos lugares máis acolledores da comarca. As súas construcións adaptadas perfectamente ao medio onde se localizan e o rico patrimonio etnográfico, fan deste lugar un sitio máxico onde perderse. 

Monte Branco: Situado na ría de Camariñas, atópase o Monte Branco, chamado así por estar o seu solo formado de area branca. A acción de mareas e vento ten acumulado no Monte e no esteiro gran cantidade de area, modelando unha lingua areosa. Este lugar é un conxunto natural único e unha reserva paisaxística digna de ser visitada

Museo de Man de Camelle: Este é un orixinal museo ao aire libre creado polo artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como “Man, o alemán de Camelle”, que chegou a esta vila na década dos 60 do século XX. Aquí creou o seu edén de fantasía e soidade, o lugar que lle deu a paz interior que buscaba e onde dar vida á súa obra.

O Trece: A Praia do Trece, un espazo de litoral salvaxe que hai que gozar e preservar, é un lugar de grande beleza, cunha paisaxe desértica moi singular.

Museo de Arte Urbana de CarballoA arte urbana converteuse en Carballo nun instrumento cun potencial rexenerador único para esta vila. Carballo aproveitou a arte para embelecer os seus espazos urbanos, cun conxunto de iniciativas que converteron os muros e as paredes máis desgastadas da vila en auténticos lenzos pictóricos

Percebe do Roncudo: Punta Roncudo, está situada nunha pequena aldea ao pé da localidade de Corme, no concello de Ponteceso. Aquí o percebe alcanza a denominación do 'rei do mar' e é considerado polas súas xentes como o mellor do mundo. Desde 1992, o primeiro sábado de xullo celébrase a festa exaltación deste produto.

Longueirón de Fisterra: o longueirón, un produto parecido á navalla que pode alcanzar os 22 cm, vive enterrado na area das rías, en augas limpas e a pouca profundidade. É moi doado ver nas praias fisterrás como se recolecta mediante buceo en apnea. Esta localidade acolle no mes de agosto a festa asociada levando xa mais de vintecinco edicións.

Pataca de Coristanco: Coristanco é coñecido como a Terra da pataca. Concello fundamentalmente agrícola, é a localidade de principal produción da Indicación Xeográfica Protexida 'Pataca de Galicia'. No mes de setembro celébrase a 'Festa da pataca' onde ademais de degustación pódense contemplar auténticas esculturas elaboradas con este tubérculo.

Pan de Carballo:O pan de Carballo é, con razón, un dos máis afamados de Galicia. Un pan esponxoso, cheo de ollos e moi saboroso, nacido dos trigais de Bergantiños e das augas do Anllóns, que durante séculos moeron o trigo ben finiño para facer a mellor fariña.

Congro de Muxía: En Muxía consérvanse os dous únicos secadoiros de congro de toda a Península, o dos Cascóns e o da Pedriña. Neste último, o proceso de curación e secado do peixe é totalmente artesanal. O congro convértese en Muxía nunha delicatessen para o padal.

Berberecho do Esteiro do Anllóns: No Esteiro do Anllóns, as mariscadoras convértense en abandeiradas da diversificación mariñeira en toda Europa. O proxecto berberecho leva a cabo un conxunto de actividades dirixidas a aumentar a concienciación sobre a importancia da tradición da recollida de berberechos nesa zona e mellorar a imaxe do produto.

Produto Km.0: O proxecto Produto km.0, adicado á promoción do produto de proximidade, garante o consumo de materia prima sustentable e local. Estes produtos destacan na Feira de Carballo, que se celebra o 2º, 4º e 5º se hai, domingo de cada mes e na Feira de Paiosaco na Laracha o 1º e 3º domingo de cada mes.