A esencia desta zona explícase, en gran medida, por todo o significado que entrañan os distintos Camiños. Destaca o inmenso patrimonio artístico e monumental, que vai deixando pinceladas en toda a extensión deste xeodestino. Pero como veremos, non só no aspecto patrimonial cobra interese este territorio, senón tamén no campo gastronómico e festivo.
Sen dúbida, Santiago de Compostela, como destino de todos os camiños polos que queda a marca de peregrinos de todos os tempos, ofrece a quen o visita arte, cultura, beleza e historia nunha cidade recoñecida como Patrimonio Cultural da Humanidade.
O xeodestino Terras de Santiago abrangue os concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.

 

 

«Lugar ideal para o turismo rural e as rutas de sendeirismo». Ao tratarse dun recuncho do interior, nas terras de Santiago cobra moita transcendencia a auga dos ríos e mananciais como a fervenza do río Mira en Santa Comba ou a de Portomouro en Val do Dubra, entre outros moitos atractivos. 

 

 

Antigüidade: Tratase dunha área rica en todo tipo de manifestacións rupestres, por iso xorde o Parque Compostela Rupestre, onde podes atopar distintas mostras como a Pedra do Home (Val do Dubra) ou os múltiples petróglifos de Ames.

Patrimonio histórico: a temática patrimonial á que anteriormente se facía referencia, vese reflectida en gran medida na propia cidade de Santiago de Compostela, en canto á súa catedral , a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmírez, o Hostal dos Reis Católicos… o certo é que, ademais, en Santiago de Compostela, o usual vólvese arte. Así, o mero feito de visitar o seu centro histórico ou camiñar polas súas rúas empedradas, cobra consideración e resulta ser unha experiencia de enorme valor artístico. Ademais, nos municipios do redor, tamén poden verse interesantes mostras de valor histórico: a Ponte de Ribadulla (Vedra), A Pontevea de Teo ou a Igrexa de Páramo en Val do Dubra… son só uns cantos exemplos, repartidos polo territorio.

 

INDISPENSABLES

Santiago de Compostela: a catedral, (un dos monumentos máis valorados do mundo),  a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmirez, o Hostal dos Reis Católicos e os seus múltiples  'recunchos' nas rúas da zona histórica como a Rúa do Vilar ou a Rúa Nova farán que captes imaxes inesquecibles dunha cidade única. 

Casa-Museo Rosalía de Castro: no outono de 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, en Padrón, casa na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971 e converteuse na Casa-Museo en 1972. É unha visita imprescindible para o achegamento á figura dunha escritora única e imprescindible. 

PontemaceiraPontemaceira é un lugar único, co que se atopan os peregrinos que queren rematar o seu camiño en Fisterra. Localizado entre os concellos de Negreira e Ames, esta ponte cruzada polo Río Tambre, garda unha beleza singular e un conxunto histórico artístico de gran relevancia.

 

 

Torta de Santiago: esta torta tradicional da gastronomía galega pódese obter en calquera establecemento polo que pasa o Camiño de Santiago. De orixe descoñecida, sábese que sendo a améndoa un produto escaso na Idade Media, este alimento era un luxo reservado a poucos.

Augardente do Ulla: a augardente, obtida da destilación dos restos da uva chamados bagazo, é unha bebida moi común en todo o rural galego. No Concello de Vedra, na parroquia de San Mamede de Ribadulla, celébrase cada ano a Festa da augardente do Ulla cunha ampla variedade de actividades. 

Pemento de Herbón: os pementos de Herbón, coñecidos tamén como pementos de Padrón, famosos polo dito 'uns pican e outros non', contan con Denominación de Orixe Protexida desde o ano 2009. A orixe deste produto asóciase ás sementes mexicanas traídas polos monxes franciscanos ao convento de Herbón. Débese ter en conta que os auténticos pementos de Herbón só están á venda entre os meses de maio e outubro.