As orixes desta singular celebración, a máis importante das festas gastronómicas que se realizan no Concello da Laracha, atopámolas en décadas pasadas, cando a produción das cereixas tiña unha grande importancia especialmente na zona do val do Anllóns. Aproveitando que chegaba a época na que o froito vermello comezaba a estar maduro e listo para o seu consumo, os comerciantes vendían na feira do primeiro domingo de xullo gran cantidade dese produto.
Hoxe en día, a pesar de que a comercialización do cobizado froito vermello perdeu importancia e a produción na Laracha é para autoconsumo, mantense o costume de celebrar a xa tradicional Feira das Cereixas, cunha moi notable afluencia de xente que, ademais de participar na actividade comercial, tamén goza das propostas festivas, lúdicas, culturais e deportivas que se desenvolven durante toda a semana.
Celébrase no Campo da Feira da localidade de Paiosaco (na parroquia de Lestón) que é o segundo núcleo máis poboado do Concello da Laracha.
O comercio, a gastronomía e os actos lúdico-festivos combínanse durante a primeira fin de semana do mes de xullo e os días previos á celebración do evento.