As Pontes de García Rodríguez

Ferrolterra e Eume » As Pontes de García Rodríguez

Coa visita ao concello das Pontes a comunidade escolar poderá comprender gran parte da historia do Século XX, dadas as circunstancias sociais vinculadas á súa condición industrial. Así, visitarase o Poboado das Veigas, impresionante Cidade Xardín construída entre o 1946 e o 1962, dedicada a servir de aloxamento aos traballadores da Central que, cun sistema xerárquico excepcionalmente organizado, contaba con todos os servizos necesarios. Tamén os Poboados da Fraga e Barreiros, construídos xa nos 70, reforzarán a experiencia.

Por outra banda, coñecerán a importante Central Térmica, de vital repercusión a nivel estatal. Tamén é interesante o método de extracción empregado na mina: Rotopalas. É un método alemán consistente no arrinque e carga mediante rotopala ou escavadora de rodete de 40 metros de altura. Vértese o material sobre as cintas transportadoras que o levan a un punto denominado "Nó de Transferencia", desde o cal se distribúe á central térmica ou ó vertedoiro segundo fora carbón ou estéril.

Con respecto á vila, casco antigo do municipio, a mesma permitirá coñecer recursos como a súa igrexa ou o paseo fluvial, recunchos con moita historia e sobre os que tamén hai moito que contar.

Verán, tamén, o Embalse da Ribeira, construído de cara á regular a canle do río Eume, para garantir un caudal de auga constante ao complexo industrial de ENCASO e para evitar as constantes inundacións que sufría a vila. Actualmente abastece ao municipio, á central térmica e á industria pontesa.

Xa con respecto á visita libre ao lago, o mesmo está emprazado no lugar da antiga mina a ceo aberto, onde Endesa explotou os lignitos desde 1976 a 2007 co fin de subministrar combustible á central. O plan de restauración permite hoxe en día gozar da fauna, nun terreo onde hai presentes unhas 180 especies, cunha illa con reserva ornitolóxica e outra destinada á representación da flora galega. Para os e as escolares será un pracer descubrir todas as vicisitudes relativas á implantación do lago e as súas características.

Datas: De luns a venres

Horario: Baixo petición

Duración: Unha hora e media, aparte da visita libre ao lago

Guía: Si

Prezo: De balde

Nº de prazas: Non existe mínimo nin máximo