Na Idade Media, viaxeiros procedentes do norte de Europa, especialmente de Inglaterra, desembarcaban nas costas coruñesas para iniciar a súa peregrinación. Ben partindo da Coruña ou de Ferrol, uníanse na aldea das Travesas (Abegondo), nas inmediacións de Hospital de Bruma (Mesía), e continuaban en dirección a Santiago. Este percorrido coñécese como o Camiño Inglés e é un dos dous que transcorren de forma íntegra pola provincia. Son terras que destacan especialmente polo seu patrimonio cultural, como se comproba xa ao comezo: a Torre de Hércules, o faro romano Patrimonio da Humanidade que se atopa na Coruña, era e é a encargada de guiar ás embarcacións que atravesan o corredor atlántico. En tempos xa máis recentes, se algunha destas embarcacións quería entrar na ría de Ferrol, dúas construcións militares estratexicamente colocadas a ambos os dous lados da ría controlaban o seu acceso: os castelos de San Filipe e da Palma. 

Saíndo de Ferrol percórrense os concellos de Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. O procedente da cidade da Coruña transcorre tamén por Culleredo, Cambre, Carral e así mesmo pasa por Abegondo, onde se uno co outro.

Os atractivos que se poden apreciar neste Camiño son moi particulares. Por exemplo os devanditos castelos de San Filipe en Ferrol e A Palma en Mugardos, que conforman unha espectacular paraxe á entrada da ría ferrolá. Na Coruña atraen monumentos como a Torre de Hércules e o castelo de San Antón; os parques como o de San Pedro ou Santa Margarita tamén adornan marabillosamente a cidade. Pero deixando estas dúas urbes, así como tamén o colofón final que supón Santiago de Compostela, no Camiño Inglés é posible ver outros recursos de interese, como o torreón dos Andrade en Pontedeume ou a espectacular arquitectura de Betanzos. Ademais, o interese desta versión do Camiño vese incrementado pola posibilidade de atopar maior información dos recursos mediante códigos QR ao longo do itinerario.

Xa na urbe santiaguesa, á marxe de todo o que supón a espectacular praza do Obradoiro, nas súas proximidades destacan construcións civís como por exemplo o pazo de Baamonde ou a Casa do Cabildo, comungando á perfección coas empedradas rúas compostelás. O peregrino tamén atopará outros atractivos, sempre en harmonía co contexto, como as exposicións do museo do Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do aclamado arquitecto Álvaro Siza, apegado á modernidade e cun ollo posto sobre a realidade da cidade. Ao seu carón destaca o conxunto que supoñen o convento de Santo Domingo de Bonaval e o parque, de mesmo nome, que resulta ser un oasis de tranquilidade, vistas e recreación.

Máis información sobre o Camiño Inglés, aquí

Etapa: Ferrol - Neda. 15,4 km

En Ferrol podemos visitar a igrexa de San Francisco do s. XVIII, o Arsenal tamén do s. XVIII, deseñado entre outros por Petit de la Croix e o Hospital da Caridade, hoxe Centro Cultural Torrente Ballester, construído en 1780 para auxilio de enfermos, pobres e peregrinos. Súmeselle a concatedral de San Xiao do s. XVIII, con planta de cruz grega, as prazas de Amboage e de Armas, o Teatro Jofre, de 1892, icona da arquitectura modernista -todo iso dentro do casco histórico da cidade-, o castelo de San Filipe do s. XVI e as numerosas praias enclavadas en paisaxes naturais únicas.

En Narón, o mosteiro de San Martiño de Xubia,  do s. VIII e reconstruído no XII baixo a orde do Cluny.

En Neda, a igrexa de Santa María, do s. XVIII, os restos do hospital de peregrinos do Sancti Spiritus a carón da Torre do Reloxo (1786), as casas asoportaladas da rúa Real do s. XVII e XVIII, e a igrexa de San Nicolás, do s. XIV.

Etapa: Neda - Pontedeume. 12,9 km

En Cabanas atopamos a ponte mandada construír por Fernán Pérez de Andrade en el s. XIV e reconstruída entre 1863 y 1870, substituíndo así á gótica orixinal, que por certo tiña no medio un pequeno albergue de peregrinos. Esa obra permitía e permite salvar a desembocadura do río Eume, aquí moi ancho e que agocha augas arriba un parque natural co emblemático mosteiro de Caaveiro, erguido cando os eremitas poboaban a que hoxe está considerada a derradeira fraga atlántica europea.

Etapa: Pontedeume - Betanzos. 19.9 km

Pontedeume conta cun casco histórico cunha gran riqueza de recursos histórico-artísticos. Invitan á visita, entre outros, o convento de Santo Agustino, a capela das Virtudes, o torreón dos Andrade -que preside a vila-, a casa consistorial arrimada á Torre Ulloa, a magnífica igrexa de Santiago e, xa fóra, o santuario de San Miguel de Breamo, aínda que este non quede xusto no Camiño Inglés, que pasa non moi lonxe.

Antes de entrar en Miño espera a ponte medieval sobre o río Baxoi, dun só arco, que forma parte da rede de pontes mandadas construír no s. XIV por Fernán Pérez de Andrade, coñecido polo alcume de “O Bo".

A ponte do Porco, sobre o río Lambre, achéganos á lenda de Roxín Roxal, que da nome a este lugar. Un quilómetro antes o peregrino gozará dun espazo natural onde a desembocadura do río forma unha praia de augas tranquilas. 

Seguindo camiño a Betanzos atopámonos a igrexa de San Martiño de Tiobre, en Betanzos o Vello, así como o santuario da Nosa Señora do Camiño ou Santuario dos Remedios, do s. XVI.

Etapa: Betanzos - Hospital de Bruma. 24,1 km

Betanzos é sen dúbida unha das vilas de maior interese histórico-artístico da provincia. A súa muralla e as súas calexas fan desta vila unha estancia ideal para gozar de pracenteiros paseos. Son numerosos os monumentos que podemos visitar entre os que destacan o Pazo de Bendaña, dos séculos XV-XVIII, e o pazo do Concello, do s. XVIII. Entre o patrimonio relixioso destaca a igrexa de Santiago do s. XV, que no seu interior alberga a capela renacentista de don Pedro de Ben; a igrexa de San Francisco, do s. XIV, onde se atopa o catafalco de Pérez de Andrade “O Bo”, a igrexa de Santa María de Azougue e a convento de San Domingos, do s. XVII.

Parque do Pasatempo, curioso parque temático construído entre 1893 e 1914, é outra parada obrigada nesta vila.

Seguindo o Camiño o peregrino deixará atrás os templos rurais de Cos e Leiro, e entre ambos, en Presedo, abre as súas portas o recolecto santuario da Nosa Señora da Saleta.

Etapa: Hospital de Bruma - Sigüeiro. 24,2 km

A capela de San Lourenzo, en Bruma e datada no s. XVI, é un modesto edificio de cachotería localizada nunha contorna vinculada directamente ao Hospital de Bruma, onde da comezo esta etapa. De feito, é herdeira doutra moi anterior.

Xa no Concello de Ordes se bordea a igrexa de San Paio de Buscás e pásase a carón da de San Xiao de Poulo, ambas de orixe románica. Ao saír da vila principal do concello de Oroso, Sigüeiro, pasaremos a ponte do río Tambre, de orixe medieval: aí véronse en 1846 fronte a fronte o sublevado coronel Solís e as tropas do Goberno. Poucos días despois, tras ser derrotado preto de Santiago, o coronel Solís convertíase nun dos chamados Mártires de Carral polo lugar onde foi pasado polas armas.

Etapa: Sigüeiro - Santiago de Compostela. 16 km

Chegando xa ao noso destino, pasaremos polo medio do chamado Bosque Encantado, unha fraga marabillosa. Estamos xa no concello de Santiago de Compostela, e antes de chegar ao seu casco histórico pasamos ante a igrexa de San Caetano, veciña do que foi hospital militar e hoxe dependencias centrais da Xunta de Galicia.

É o derradeiro templo que vai atopar o peregrino antes de meterse nas rúas compostelás. Foi fundado no 1701 por un capitán e máis a súa dona, e é curioso xa que son momentos nos que manda a arte barroca e esta é unha obra de gran sinxeleza, de planta de cruz latina. Na súa portada ábrese unha ventá rectangular sobre a que campan as armas dos fundadores.  

Etapa: A Coruña - Hospital de Bruma. 32,8 km

Partimos nesta etapa da cidade da Torre de Hércules, faro romano que segue funcionando noite tras noite, do s. II, restaurado no s. XVIII. É un dos máis fermosos monumentos e contornas paisaxísticas de Galicia. 
Esta cidade, ademais, ofrece un paseo marítimo urbano que sobrepasa folgadamente a ducia de quilómetros.. 

igrexa de Santiago, do s. XIII e XV, fundada por Alfonso IX e iniciada por discípulos do Mestre Mateo, a igrexa colexiata de Santa María do Campo, de orixe románica e a praza de María Pita (1860-1912) conforman parte do patrimonio a visitar na Coruña

As galerías da avenida da Mariña, os emblemáticos edificios xenerosos en cristais fronte ao mar, construídos entre os s. XIX e XX, dotan de personalidade esta cidade atlántica. 
Xa no concello de Cambre, raro é quen non para ante a igrexa románica de Santiago de Sigrás, á beira do Camiño, co súa reitoral erguida sobre o que foi o antigo hospital de peregrinos, veciña á súa vez dun magnífico exemplar de típico cruceiro galego.

A partires de aí espera unha prolongada subida que remata na aldea das Travesas e, xa que logo, este ramal que arrinca da Coruña únese ao que procede de Ferrol.