Que está a pasar?

Xosé Regueira reivindica en Coristanco a pataca como símbolo do país e reclama dignidade e futuro para o medio rural

O vicepresidente da Deputación da Coruña ofreceu este domingo o pregón da XLIV Festa da Pataca, na que tamén recibiu a distinción Pataca de Ouro
domingo, 20 Setembro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, foi o encargado de pronunciar este domingo o pregón da XLIV Festa da Pataca de Coristanco, unha celebración que pon en valor un dos produtos máis representativos da gastronomía e da actividade agraria galega. No seu pregón, Regueira destacou a importancia da pataca como produto ligado á identidade, á cultura e á economía do territorio, e puxo especialmente en valor a calidade da produción de Coristanco e o coñecemento acumulado durante xeracións polas persoas que traballan a terra.

“A pataca de Coristanco non é só un produto. É un pacto entre a terra e o home”, afirmou o vicepresidente provincial. “Hoxe non vimos celebrar unha mera festa gastronómica. Vimos erguer un monumento ao que é, sen hipérbole, un dos alicerces silenciosos da nosa existencia. A pataca. Esa pedra preciosa que non brilla, esa raíz que non se ve, ese pan da terra que Galicia abrazou como se o tivese agardado desde sempre”.

Regueira salientou a calidade dun produto “que non se cultiva: créase. Cada tubérculo é un pequeno poema de terra e auga, de espera e de esperanza”, e referiuse a Coristanco como “unha elección da terra mesma. Aquí o clima húmido e temperado, o solo xeneroso e a man sabia do labrego conspiraron para darlle a esta variedade unha pureza de sabor, unha fariñenta tenacidade, unha memoria de chuvias e nebras que ningunha outra pode imitar”.

O vicepresidente reivindicou tamén o traballo das persoas produtoras e a necesidade de dignificar unha actividade esencial para o futuro de Galicia e de garantir oportunidades no medio rural. “Detrás de cada pataca de Coristanco hai un labrego. Hai mans que se enchen de terra, costas que se dobran, madrugadas que cheiran a orballo e a esperanza. O oficio de producir alimentos non é un oficio menor: é o primeiro de todos os oficios, o que sostén a civilización. Dignificar o labrego é dignificar a nosa propia supervivenza. É dicirlle ao mundo que non todo o valioso se mide en bolsas nin en cotizacións. Que hai unha riqueza que se toca coas mans e se prova coa lingua”.

“Non hai futuro digno para Galicia se non hai futuro digno para o medio rural”, engadiu, defendendo a importancia de ofrecer apoios e ferramentas que permitan que vivir e traballar no rural sexa unha opción de futuro. “Coristanco non pode ser só un lugar de procedencia: ten que ser un lugar de destino. Un lugar onde criar, onde soñar, onde seguir plantando o que nos sostén”

Regueira recibiu tamén durante a celebración a Pataca de Ouro, un recoñecemento vinculado á Festa da Pataca, que este ano alcanza a súa XLIV edición.

O pregón concluíu cunha reivindicación da terra, do produto local e das persoas que o fan posible: “A intelixencia artificial poderá imitar versos, compor melodías, mesmo deseñar pratos. Poderá calcular, prever, optimizar. Mais nunca, xamais, poderá facer nada tan saboroso, tan cheo de memoria, tan impregnado de chuvia e de sol e de mans humanas como a nosa pataca. Porque a pataca de Coristanco non é só un produto. É un pacto milenario entre a terra e o home. E ese pacto non se programa. Só se vive. Viva a pataca. Viva Coristanco. Viva a terra que nos alimenta e o home que a coida”.

A Deputación da Coruña organiza catro visitas guiadas ao dolmen de Cabaleiros para achegar á veciñanza a investigación arqueolóxica en marcha

As visitas, comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, terán lugar os días 25 e 26 de setembro e 2 e 3 de outubro. A inscrición pode realizarse no Concello de Tordoia, no teléfono 981 69 00 01 ou no correo correo@tordoia.gal
martes, 22 Setembro, 2026

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visitou esta semana o dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, acompañado de persoal técnico da institución provincial e do alcalde do municipio. O monumento, propiedade da Deputación da Coruña, é un dos conxuntos megalíticos máis destacados da provincia e está a ser obxecto dun proxecto de investigación arqueolóxica desenvolvido pola Universidade e financiado con fondos europeos.

Durante a visita, Xosé Penas puxo en valor o traballo que a Deputación está a desenvolver para a recuperación, conservación, mantemento e divulgación do monumento, e salientou a importancia de achegar á cidadanía non só o propio ben patrimonial, senón tamén o coñecemento que está a xerar a investigación arqueolóxica actualmente en marcha. “É fundamental que a veciñanza poida coñecer de primeira man o patrimonio que temos e, neste caso, tamén o traballo científico que se está a desenvolver para comprender mellor un monumento de tanta relevancia como o dolmen de Cabaleiros”, sinalou o deputado.

Catro visitas para coñecer o dolmen e a investigación

Co obxectivo de divulgar estes traballos, a Deputación da Coruña organiza catro visitas guiadas ao dolmen de Cabaleiros, abertas á participación da cidadanía, que terán lugar nas seguintes datas:

· Venres, 25 de setembro, ás 19:00 horas

· Sábado, 26 de setembro, ás 11:00 horas

· Venres, 2 de outubro, ás 19:00 horas

· Sábado, 3 de outubro, ás 11:00 horas

As visitas estarán comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, integrante do equipo que participa no proxecto de investigación. Durante o percorrido, Concheiro explicará sobre o terreo a historia e as características do dolmen, así como os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver actualmente e os coñecementos que poden achegar para afondar na historia do monumento e da súa contorna. Para participar é necesario realizar inscrición previa no Concello de Tordoia, a través do teléfono 981 69 00 01 ou do correo electrónico correo@tordoia.gal.

Novos traballos para seguir investigando e mellorando a contorna

Xosé Penas avanzou tamén que a Deputación da Coruña ten previsto encargar nos vindeiros meses un novo proxecto que permita seguir avanzando no coñecemento arqueolóxico do dolmen e, ao mesmo tempo, executar melloras na súa contorna. O deputado destacou que os traballos de investigación actualmente en marcha permitirán coñecer nos próximos meses novos datos sobre o monumento, contribuíndo a ampliar o coñecemento existente sobre un dos elementos máis relevantes do patrimonio megalítico da provincia.

“Estamos ante un patrimonio que ten un enorme valor histórico e cultural e no que aínda queda moito por descubrir. O compromiso da Deputación é seguir investigando, conservando e divulgando o dolmen de Cabaleiros para que este coñecemento poida chegar ao conxunto da sociedade”, afirmou Penas.

Sobre o dolmen de Cabaleiros

O dolmen de Cabaleiros, situado na parroquia do mesmo nome, no concello de Tordoia, é un dos monumentos megalíticos máis relevantes da comarca de Ordes. É propiedade da Deputación Provincial da Coruña e foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1975. Popularmente coñecido como “Casa da Moura”, o monumento está tamén ligado á tradición oral e ás lendas populares. Segundo unha delas, unha moura levou a laxa de cuberta sobre a cabeza mentres tecía coas mans.

O dolmen conserva seis das laxas dunha cámara poligonal e constitúe un dos elementos máis destacados do patrimonio megalítico da provincia da Coruña.

A carballesa praia de Razo acollerá o II Onda Bocata os días 25, 26 e 27 de setembro co apoio da Deputación

O vicepresidente, Xosé Regueira, presentou esta mañá a iniciativa, acompañado do alcalde de Carballo, Daniel Pérez e de representantes da organización
luns, 21 Setembro, 2026

A carballesa praia de Razo converterase, do 25 ao 27 de setembro, no escenario da segunda edición do Onda Bocata, unha proposta gastronómica que volve apostar pola hostalería local, os produtos de proximidade e a combinación de gastronomía e lecer nun dos espazos naturais máis emblemáticos de Carballo. A iniciativa foi presentada esta mañá no Museo de Bergantiños polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e representantes dos establecementos hostaleiros participantes.

Onda Bocata nace coa vontade de reivindicar o bocadillo como un produto gastronómico de calidade e, ao mesmo tempo, poñer en valor a capacidade creativa da hostalería carballesa e a riqueza dos produtos de proximidade. Regueira destacou durante a presentación que a segunda edición supón un paso adiante respecto da primeira. “Este ano medra Onda Bocata, con máis establecementos participantes e máis propostas, e chegamos ademais nun moi bo momento, cando estamos rematando a tempada de verán”, sinalou.

O vicepresidente animou a veciñanza e visitantes a achegarse a Razo durante a fin de semana e amosouse confiado na resposta do público: “Agardamos unha moi boa resposta, porque temos unha proposta que combina gastronomía, música e un espazo extraordinario como é a praia de Razo”.

O programa contará cunha carpa e música para acompañar a actividade gastronómica e favorecer un ambiente festivo e familiar durante as tres xornadas. O obxectivo é que Onda Bocata se converta nunha experiencia para gozar da gastronomía ao aire libre, en compañía e nunha contorna singular.

Para Regueira, o festival é tamén “un bo momento para demostrar o bo facer da nosa hostalería” e para reivindicar que “algo tan sinxelo como un bocata pode ser un auténtico manxar, ao nivel de calquera outro prato”. Neste sentido, destacou a capacidade dos establecementos participantes para elaborar propostas de alta calidade a partir de produtos de proximidade. “Temos unha hostalería con moito talento e unha oferta de alta calidade, e Onda Bocata permítenos amosala dun xeito próximo, divertido e accesible”, afirmou.

A cita busca tamén prolongar a actividade turística máis alá dos meses centrais do verán, aproveitando as últimas semanas da tempada para seguir atraendo visitantes á costa carballesa. Razo volverá ser así o punto de encontro entre gastronomía, paisaxe, música e convivencia. “Agardo que esta segunda edición nos deixe tan bo sabor de boca como a primeira”, engadiu Regueira, quen convidou especialmente ás familias a achegarse á praia durante a fin de semana: “Queremos que sexa un espazo no que as familias poidan convivir en harmonía, gozar da gastronomía e contemplar un espazo tan fermoso como a praia de Razo”.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, puxo en valor a continuidade dunha iniciativa que contribúe a dinamizar Razo tamén fóra dos meses de maior afluencia turística e que ofrece unha nova oportunidade para dar visibilidade ao tecido hostaleiro local.

Onda Bocata mantén así a fórmula da primeira edición, coa gastronomía como fío condutor e o produto local como protagonista, pero incorpora novas propostas e máis participación. A organización avanzou ademais que haberá “novos bocatas e moitas sorpresas” ao longo da fin de semana

Regueira reivindica o turismo MICE como motor de desestacionalización e xeración de valor para toda a provincia

Regueira destacou o papel da colaboración público-privada e apostou por estender os beneficios do turismo de congresos e reunións ao conxunto do territorio provincial
mércores, 23 Setembro, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou na IV Noite de Embaixadores A Coruña MICE, unha cita de ámbito nacional organizada por A Coruña Convention Bureau para recoñecer o traballo das persoas e entidades que contribúen á captación e promoción de congresos, reunións e eventos profesionais na cidade e na provincia. Durante o acto, Regueira foi o encargado de entregar o Premio Embaixador A Coruña MICE 2026 evento nacional a Pedro Marcos, xefe de neumoloxía do CHUAC, nunha noite na que tamén participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o presidente da Coruña Convention Bureau, José Blanco, xunto con representantes do sector turístico, empresarial e institucional.

“O turismo MICE non é unha moda, senón unha estratexia de desenvolvemento económico, desestacionalización e xeración de valor engadido”, sinalou Regueira, que puxo en valor a evolución experimentada pola Coruña nos últimos anos e o papel de A Coruña Convention Bureau na profesionalización da captación de eventos e na promoción do destino nos mercados nacional e internacional. O vicepresidente afirmou tamén que a aposta polo turismo de congresos non debe limitarse á cidade da Coruña, senón que debe servir para poñer en valor o conxunto da provincia, conectando a actividade MICE coa oferta turística dos diferentes xeodestinos. Neste sentido, destacou o compromiso da Deputación co sector a través das súas liñas de apoio á mellora da calidade e competitividade turística, así como das axudas destinadas a entes de xestión, asociacións e entidades vinculadas á promoción turística e MICE.

Ademais, Regueira puxo tamén o foco nos elementos que singularizan a provincia da Coruña como destino MICE: as súas infraestruturas para acoller eventos, o ecosistema de coñecemento e innovación, a oferta hoteleira e, especialmente, a cultura, a gastronomía e a paisaxe. O vicepresidente provincial apostou ademais por un modelo de turismo MICE sostible, de calidade e compatible co benestar da poboación residente, baseado no crecemento ordenado, na desestacionalización e na distribución territorial da actividade.

Regueira sinalou a conectividade como un dos principais retos para seguir fortalecendo o posicionamento da Coruña como destino MICE, con especial atención ás conexións aéreas e ferroviarias. Neste ámbito, destacou a importancia de seguir mellorando as conexións da provincia e de facilitar a chegada de profesionais aos eventos, ao tempo que apostou por avanzar na internacionalización do destino, diversificar mercados e continuar profesionalizando a cadea de valor vinculada ao turismo de congresos.

“A Coruña e a súa provincia contan cunha identidade propia, unha oferta singular e unha capacidade demostrada de acoller eventos de alto nivel”, sinalou, polo que defendeu seguir traballando de maneira coordinada para consolidar o territorio como destino MICE de referencia no noroeste peninsular.Regueira reiterou o compromiso da Deputación de seguir colaborando coa A Coruña Convention Bureau, a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello da Coruña e o sector privado para impulsar un modelo de turismo MICE xerador de actividade económica, emprego e retorno para o conxunto da provincia.

Regueira destaca na presentación do Galicia MICE o potencial da provincia “para competir no mercado estatal”

O vicepresidente participou no acto de OPC Galicia celebrado onte en Madrid, onde salientou a importancia do turismo MICE, “unha oportunidade estratéxica para Galicia e, moi especialmente, para a provincia da Coruña”
martes, 6 Outubro, 2026

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou onte en Madrid na presentación de Galicia MICE, unha acción promocional organizada por OPC Galicia coa colaboración dos principais convention bureaux galegos, que puxo o foco no potencial da provincia da Coruña como destino para o turismo de congresos, reunións, convencións e incentivos. Baixo o lema “A Coruña, un Camino al MICE”, o encontro serviu para presentar ante profesionais e operadores especializados a evolución e madurez do sector MICE galego, así como a súa capacidade para atraer novos eventos grazas á existencia dunha oferta consolidada de hoteis, espazos, empresas e servizos especializados.

Xosé Regueira salientou a importancia do turismo MICE, “unha oportunidade estratéxica para Galicia e, moi especialmente, para a provincia da Coruña”. “Falamos dun turismo que xera actividade económica, emprego e coñecemento, que conecta empresas e profesionais e que, ademais, contribúe de maneira moi importante á desestacionalización turística”, sinalou. Neste sentido, puxo en valor o potencial de Galicia para “competir neste mercado”, pois “temos unha identidade propia, unha oferta turística de enorme calidade, gastronomía, patrimonio, natureza, infraestruturas e, sobre todo, profesionais capaces de organizar eventos de primeiro nivel”.

No caso da provincia da Coruña, Regueira subliñou que “ten unha posición particularmente interesante”: “A Coruña é unha cidade aberta ao Atlántico, dinámica, empresarial e universitaria, cunha provincia que permite complementar o encontro profesional con experiencias vinculadas ao territorio”, explicou. O vicepresidente salientou tamén que o impacto do turismo MICE vai máis alá da celebración dos propios eventos, xa que permite que as persoas participantes coñezan o territorio e consuman produtos e servizos locais. “Queremos que quen veña a Galicia por un congreso ou por un encontro profesional non se limite a coñecer unha cidade ou un espazo de reunión. Queremos que descubra un territorio, a súa cultura, a súa gastronomía e a súa xente”, concluíu.

“Por iso é importante que hoxe presentemos Galicia MICE e A Coruña MICE: queremos dicir ao mercado estatal que Galicia está preparada para acoller congresos, reunións, convencións e viaxes de incentivo, e que temos unha proposta propia que merece ser coñecida”, afirmou. Ademais, Regueira referiuse á aposta da Deputación polo MICE, traballando “desde a absoluta cooperación: entre administracións, empresas, convention bureaux, universidades e todo o tecido profesional”. “Só así podemos facer crecer un sector que beneficia ao conxunto do territorio”, indicou.

A presentación en Madrid contou tamén coa participación de representantes do sector MICE galego e estatal, que coincidiron na importancia de sumar capacidades e fortalecer a colaboración entre administracións, empresas e entidades especializadas para consolidar Galicia como destino de referencia neste segmento.

A acción promocional de Madrid, que se celebra cada dous anos desde hai unha década, permitiu ademais dar a coñecer a oferta dos principais destinos galegos especializados neste segmento a través do Convention Bureau da Coruña, o Convention Bureau de Santiago e o Convention Bureau Rías Baixas, así como reforzar o contacto con profesionais e operadores do mercado estatal. O encontro puxo así de manifesto a evolución do sector MICE galego e a súa capacidade para ofrecer unha proposta baseada non só na calidade das infraestruturas e dos servizos profesionais, senón tamén na identidade, a autenticidade e a experiencia que ofrece o territorio galego.

A Deputación leva á Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense) os saberes e sabores da provincia da Coruña

A entidade provincial participa neste evento, que ofrecendo showcookings a cargo de André Arzúa (Espazo Abella, Santiago de Compostela) exhibicións artesanais en vivo, e a actuación de Sés
domingo, 11 Outubro, 2026

A Deputación da Coruña volve estar presente na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense), que se celebra do 9 ao 11 de outubro cunha programación que combina gastronomía, produto local e música. A institución provincial conta cun espazo propio no que ofrece demostracións de cociña e de artesanía en directo, ademais de achegar a música de Sés ao Pataca Rock.

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración oficial da festa, onde reivindicou a importancia de poñer en valor os produtos da terra e o traballo das persoas que os producen. Regueira destacou que a pataca é un exemplo do potencial do sector agroalimentario galego e da necesidade de reforzar o vínculo entre produción, gastronomía e territorio.

“Detrás de cada produto de calidade hai coñecemento, esforzo e persoas que manteñen vivo o noso rural. Temos que recoñecer ese traballo e crear oportunidades para que as novas xeracións vexan no sector primario unha opción de futuro”, sinalou. O vicepresidente incidiu tamén na importancia de promover os produtos locais máis alá do seu territorio de orixe, converténdoos nun recurso para dinamizar a economía e atraer visitantes.

“Traer ata Vilar de Barrio os sabores e os proxectos da nosa provincia é tamén unha forma de compartir o que somos e de demostrar que a gastronomía pode ser unha gran aliada para dar a coñecer o territorio”, engadiu Regueira.

Exhibicións en vivo

O chef encargado de cociñar en directo é André Arzúa, do restaurante compostelán Espazo Abella, que elabora pratos a base da variedade de patacas fina de Carballo. Pola súa banda, hai dúas mostras de artesanía en vivo: Jorge Eiroa, con forxa, e O Carabel Ecocestos, con cestería.

Xosé Regueira reivindica a moda galega como industria clave, xeradora de emprego e referente de identidade

O vicepresidente da Deputación da Coruña participou no II Encontro Galicia Conversa, que organizou na Coruña enfoques.gal para analizar o presente e os retos do sector téxtil e do deseño galegos
venres, 18 Setembro, 2026

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reivindicou esta tarde o peso da moda na identidade e na economía galegas durante a súa participación no II Encontro Galicia Conversa. Organizado polo medio dixital enfoques.gal co título ‘Anatomía da moda galega’, o foro reuniu na Coruña representantes de firmas, empresas e profesionais de referencia do sector.

Regueira defendeu que falar da moda galega significa “falar moito máis alá de deseño e tendencias”. “A moda galega”, engadiu, “forma parte da nosa identidade e da nosa economía, xa que tratamos dun sector que non é só un asunto de pasarela: combina tradición e innovación, é industria, é cultura, xera emprego de calidade, proxecta talento e produtos galegos internacionalmente e é futuro”.

O vicepresidente puxo tamén o foco nos retos que debe afrontar o sector para continuar medrando e afianzándose, “entre eles a sostibilidade, a dixitalización, a intelixencia artificial, a formación das novas xeracións e a consolidación das marcas galegas no mercado global”.

Un sector con identidade propia

O Regueira salientou a existencia en Galicia “non só de grandes nomes de referencia internacional, senón tamén dun amplo tecido de empresas, deseñadores, artesáns e emprendedores que contribúen cada día a construír esa anatomía da que falamos hoxe”.

Neste contexto, defendeu a importancia da colaboración entre institucións, universidade, empresariado e sociedade civil para garantir a fortaleza do sector. “Para que ese tecido siga vivo e forte é imprescindible que as institucións, a universidade, o empresariado e a sociedade civil camiñemos xuntos”.

Radiografía da moda galega

O II Encontro Galicia Conversa tivo como obxectivo afondar no funcionamento interno da industria téxtil e do deseño galego, mostrando como se constrúen e xestionan as firmas e que hai detrás das marcas máis recoñecidas.

O programa incluiu unha entrevista coa fundadora de Boüret, Vanessa Datorre, e unha mesa de debate sobre Anatomía da moda galega coa participación de Lara Viñuales (Par & Escala), Montserrat Álvarez (Heimat Atlántica), Yolanda Estévez (Knitbrary), Marcelo Toural (Krack), Juan Juncal (Grupo KIMAK), Jorge González-Cebrián (The Campamento) e Javier Guerra (Cointega).

A xornada quixo analizar a industria por dentro, reivindicar a identidade galega e dar visibilidade aos procesos creativos que están detrás do éxito de marcas emerxentes e consolidadas.

Regueira agradeceu a enfoques.gal a organización do espazo de encontro e debate, así coma a participación dos diferentes profesionais e representantes institucionais. Convidou tamén as persoas asistentes “a coñecer e valorar o talento existente en Galicia e a saír do encontro cun pouco máis de orgullo polo que somos capaces de facer e cun pouco máis de determinación para seguir facéndoo mellor”.

‘A paisaxe que sabe’ leva o Mercado da Deputación e un concerto de Ses á Romaría da Virxe da Barca

“Para o departamento provincial de Turismo é unha honra poder traer o noso mercado á Barca de Muxía", sinalou Xosé Regueira
venres, 11 Setembro, 2026

‘A paisaxe que sabe’, eixo da estratexia de Turismo da Deputación nos últimos dous anos, terá presencia na Romaría da Virxe da Barca 2026, que se vai celebrar en Muxía do 11 ao 14 de setembro. O departamento provincial levará o Mercado da Deputación ao Cabo da Vila, onde instalarán os seus postos, para dar a coñecer o talento do territorio, os produtores, creadores e artesáns locais De Rositas, Silvereira, Miña Terra, Pepiña Medias Longas, Moira Artesanía, Vacatola, Devalo, Pampillo, Reina Lupa, Axóuxeres. A participación da Deputación complétase co concerto de Sés, esta tarde ás 20.30 horas.

Á apertura da celebración asistiu o vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, quen convidou a veciños e visitantes “a achegarse e comprar no Mercado da Deputación”. “Para o departamento provincial de Turismo”, engadiu, “é unha honra poder traer o noso mercado á Barca de Muxía, romaría ancestral e festa de interese turístico, que encherá de xente e de ambiente esta localidade todos estes días”.

O vicepresidente agradeceulles ao alcalde da localidade, Javier Sar, e ao Concello muxián “todas as facilidades para podervos traer aquí unha pequena escolma da calidade da artesanía da Coruña, nun mercado que abrimos xa e que hoxe ademais estará amenizado por unha das máis grandes artistas do noso país, como é Sés”.

Turismo da Deputación da Coruña consolida o Foro dos Vivos e situará os Camiños de Santo André como un dos eixes da súa estratexia en 2027

Adiantouno esta maná na presentación do Foro o vicepresidente, Xosé Regueira
xoves, 10 Setembro, 2026

A área de Turismo da Deputación da Coruña quere impulsar os Camiños de Santo André de Teixido como un dos eixes da súa estratexia en 2027. Adiantouno esta mañá o vicepresidente, Xosé Regueira, na presentación da cuarta edición do Foro dos Vivos, que o departamento de Turismo provincial, no marco da súa campaña ‘A paisaxe que sabe’, organiza o 12 e 13 de setembro en Porto do Cabo (Valdoviño) para reivindicar a ruta de peregrinación ferrolá e achegar a veciños e visitantes o seu valor como recurso patrimonial, turístico e cultural do territorio.

Acompañaron a Regueira na rolda de prensa José Picallo, e Carlos Fernández, presidente e secretario da Asociación de Veciños de Porto do Cabo, e Sergio Muíño, do proxecto de turismo comunitario e local en Santo André de Teixido Eu fun de vivo.

Regueira deulle os parabéns a Asociacións de Veciños de Porto do Cabo polo seu traballo nun proxecto que o ano vindeiro “vai ser uns núcleos centrais do traballo de Turismo da Deputación”. “Estamos falando”, salientou, “dun itinerario relixioso e cultural que vai moito máis alá diso, que está documentado dende a propia Idade do Ferro, dende o período castrexo, polo tanto moito antes que o cristianismo, e que ademais é moito máis ca un itinerario relixioso: é un itinerario cultural, antropolóxico e patrimonial”.

A intención da área de Turismo provincial é que o proxecto dos Camiños de Santo André se poida executar xa o ano que vén pola importancia dunha ruta que Regueira considera “ao mesmo nivel que o itinerario a Compostela”.

Regueira adiantou tamén o seu departamento está a traballar coa Universidade de Santiago de Compostela para “darlle vitalidade a esa ponte entre Santo André e o Way of St. Andrews, en Escocia”, que en decembro de 2025 asinaron un acordo de irmandamento. “Creo que este camiño, en vésperas do Xacobeo, pode ser un bo aliciente para a xente que queira escapar da masificación doutras rutas logo de visitar Compostela, porque sempre é un gusto visitalo”.

Tradición e identidade

O Foro dos Vivos pretende, segundo Sergio Muíño, “poñer en valor a tradición, a identidade e os camiños de San Andrés de Teixido, un encontro no que pretendemos unir ao territorio, aos produtores, a toda a nosa veciñanza e, por certo, convidar a toda esta xente que queira gozar connosco nunha xornada de sábado e domingo e adentrarse pois neste territorio único e singular, no Xeoparque e nos camiños de San Andrés”.

José Picallo agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para a organización Foro: “Sen a colaboración da Deputación sería case inviable este evento, que se está consolidando no territorio e queremos non quede nesta cuarta edición, senón que chegue á quinta, á sexta e a moitas máis”.

Programa

Organizado polo departamento de Turismo da Deputación –en colaboración coa Asociación de Veciños de Porto do Cabo, o proxecto Eu fun de vivo mais os sete concellos que participan na Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, aos que se sumou tamén o de Narón–, o Foro programará charlas, música, artesanía, gastronomía e visitas guiadas para afondar na historia, as crenzas, o presente e as posibilidades turísticas das sendas de peregrinación a Santo Andrés de Teixido.

SÁBADO 12 SETEMBRO

10 horas: inauguración IV Foro dos Vivos.

10.15 horas: “Narración oral nos Camiños de peregrinación”, por Soledad Felloza.

11 horas: “Música nos Camiños de Santo André”, por Sandra Novais e Sara Novais.

12.15 horas: “As pedras como testemuña nas relixións”, por Loli Rubido.

12.45 horas: “O Camiño: presente e futuro”, por Sergio Muíño.

13.20 horas: Premio dos Vivos e peche do Foro.

15.30-17 horas: Obradoiros de artesanía (inscrición previa, en eufundevivo.com):

Obradoiro de cerámica de Porto do Cabo, con Martina (Mai Cerámica).

Obradoiro de San Andresíños de miga de pan, con Rosa (artesana de miga de pan).

DOMINGO 13 SETEMBRO (xornada con inscrición previa, en eufundevivo.com)

9 horas: camiño a Santo André de Teixido dende Porto do Cabo.

15.30 horas: visita a Santo André de Teixido, guiada por Eu fun de vivo.

17.30 Regreso a Porto do Cabo en autobús dende Santo André de Teixido.

A Deputación concede este ano 2,24 millóns de euros a 19 entes e asociacións turísticas para impulsar a calidade e competitividade do sector

"O obxectivo é consolidar á provincia como un referente tanto a nivel nacional como internacional”, destaca o vicepresidente, Xosé Regueira
martes, 8 Setembro, 2026

A Deputación da Coruña confirmou a resolución definitiva do programa de subvencións DP0030 do departamento de Turismo da Deputación da Coruña. Desa liña de axudas, dirixida a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña, beneficiaranse este ano 19 entidades, que se repartirán 2 240 758 euros.

O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, valorou moi positivamente a resolución definitiva dunha convocatoria que “reforza o modelo turístico polo que aposta a Deputación: un modelo de calidade, sostible, descentralizado e respectuoso co territorio”.

Regueira salientou a gran acollida e a calidade dos proxectos presentados: “Con esta liña de axudas, dotamos as mancomunidades, consorcios e asociacións do sector dos recursos necesarios para desenvolver produtos turísticos de alto valor engadido, profesionalizar a xestión nos destinos e consolidar a provincia como un referente tanto a nivel nacional como internacional”.

Para o vicepresidente, o programa “blinda e dá continuidade a proxectos de vertebración territorial”, coma o Xeoparque do Cabo Ortegal, a Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas, os itinerarios náuticos ou o Camiño Inglés. “Garantir a suficiencia financeira destes entes é clave para que a provincia siga medrando de xeito equilibrado e xerando dinamismo económico no conxunto do territorio”.

Relación de beneficiarios e importes asignados

Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal: 120 000 € (consolidación, calidade e proxección internacional do Xeoparque).

Asociación de Concellos do Camiño Inglés: 150 000 € (actividades de mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas).

Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia: 140 000 € (Organización dunha feira B2C na Coruña).

Asociación de Concellos para a Xestión da Comarca do Eume: 64 000 € (proxecto “Eume experiencia” de turismo sostible).

Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle: 130 000 € (mellora da calidade e actividades na Vía Verde).

Asociación de OPC de Galicia: 120 000 € (promoción da provincia como destino MICE).

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: 150 000 € (Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas 2026: o corazón verde da provincia da Coruña).

Asociación de Empresarios e de Promoción Turística Camariñas: 61 340 € (faro de Cabo Vilán: centro cultural, de ocio e turístico).

Asociación Galega de Actividades Náuticas: 131 560 € (creación de itinerarios culturais náuticos e terrestres nas rías da Coruña e Ferrol).

Asociación Slow Food Compostela: 112 360 € (mellora da gastronomía local e desenvolvemento de turismo gastronómico sostible na comarca de Ferrol).

Asociación Socio-Cultural Auga e Sal: 27 428 € (porto de hospitalidade na Vía Querinissima).

Consorcio de Turismo y Congresos (A Coruña): 150 000 € (mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas).

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT): 130 000 € (programa de calidade e promoción de produtos turísticos da Costa da Morte).

Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau: 140 000 € (captación de turismo MICE e eventos na Coruña e área de influencia).

Fundación do Instituto Feiral de A Coruña (IFECO): 149 070 € (promoción e mellora de servizos para impacto económico na área de influencia).

Información e Comunicación Local, S.A. (Turismo de Santiago): 150 000 € (plan de calidade e competitividade turística de Santiago de Compostela).

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: 145 000 € (mellora da calidade e actividades turísticas na comarca).

Mancomunidade de Municipios Comarca de Ordes: 55 000 € (mellora da calidade no destino da Comarca de Ordes)

Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte: 115 000 € (consolidación, promoción e comercialización do destino Barbanza Arousa)

Puntos de interese